8/9/10

Arqueoneixon en Guadalaxara


Entre o 30 de agosto e o 16 de setembro un equipo dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal (LAPA, CSIC) está a escavar na localidade de Abánades (Guadalaxara), ubicada en primeira liña de fronte dende a batalla de Guadalaxara(8-23 de marzo de 1937). O obxectivo da intervención é prospectar e sondear un espectacular conxunto de fortificacións franquistas que defenden o curuto do Castillo. Podedes seguir a escavación día a día en http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/
Nese equipo atopamos comapañeiros e amigos de United Neixons que forman parte do equipo técnico do noso proxecto neixonense como Alejandro Laíño, Manoel Antonio Fernández ou Iria Fernández, todos tres formados na escola de Arqueoloxía de campo de Neixón. Como non podía ser doutra forma, o éxito da escavación de Abánades está garantido, basta con ver as entradas do antedito blog. E todo grazas a Alfredo Gozález Ruibal, pioneiro da Arqueoloxía do pasado contemporáneo. Xa estades tardando en entrar no blog http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/

Fotografía: Peine de Máuser de 7.92 mm con guía en ferro pulido e garfo sobre o rebordo de cemento do solo suelo da Estrutura 2 http://guerraenlauniversidad.blogspot.com

Arqueoloxía e crise


No proxecto ACE a nosa compañeira Eva Parga Dans desenvolveu a primeira análise sociolóxica sobre a Arqueoloxía profesional en España no contexto dos últimos anos marcados pola crise económica. A súa aportación inclúese na publicación Archaeology and the global economic crisis. Multiple impacts, possible solutions editada por ACE and Culture Lab Editions. Podedes baixarvos o libro en http://ace-archaeology.eu/fichiers/25Archaeology-and-the-crisis.pdf.

6/9/10

Conferencia de Richard Hingley


Richard Hingley é Catedrático de Arqueoloxía na Universidade de Durham (Reino Unido). Os seus intereses de investigación abranguen temas coma o imperialismo romano, a historia da arqueoloxía ou os aspectos teóricos e práticos da xestión do Patrimonio. Entre os seus proxectos máis recentes destacan Tales of the Frontier: political representations and practices inspired by Hadrian’s Wall ou Binchester Roman Fort, en colaboración coa Universidade de Stanford (California). Mañá pola mañá fará unha visita á escavación d’A Lanzada que sen dúbida fornecerá reflexións interesantes sobre tan complexo xacemento. Pola tarde, Richard Hingley dará unha charla no Salón de Actos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (Rúa de San Roque, 2 en Compostela) baixo o título Memories of the Past? Bronze Age Objects from Iron Age Contexts baseada no seu recente traballo R. Hingley (2009) “Esoteric Knowledge? Ancient Bronze Artefacts from Iron Age Contexts”. Proceedings of the Prehistoric Society, 75: 143-165.

A web persoal de Richard Hingley está en
http://www.dur.ac.uk/archaeology/staff/?id=155.

European Archaeology abroad


Este 6º ACE Meeting tamén abrangueu a organización dunha sesión no congreso da EAA sobre a Arqueoloxía europea no exterior e os distintos modelos de cooperación internacional en materia de Patrimonio desenvoltos polos Estados europeos nas súas ex-colonias. Coordenada por Sjoerd van der Linde (Universidade de Leiden)e Sonia Lévin (INRAP) aquí presentamos a comunicación dos nosos compañeiros Camila Gianotti, David Barreiro, Felipe Criado e José Mª. López Mazz: Constructing from the South. A post-colonial perspective on scientific cooperation. Nela faise unha síntese do marco teórico e un balance do proxecto desenvolto dende 1999 entre o noso Laboratorio e a Universidade de la República que conduciu á recente creación do Laboratorio de Arqueología del Paisaje y Patrimonio de Uruguay (LAPPU).

ACE project




No Congreso da Haia participamos tamén nunha nova reunión de traballo do proxecto Archaeology in Contemporary Europe aprobado pola Comisión Europea dentro do Programme Culture (2007-2013)e no que participa o noso Laboratorio de Patrimonio (CSIC). Aquí tedes o link para consultar a páxina web do proxecto.

http://www.ace-archaeology.eu/index.php?EZFO_lang=_SP&EZFO_switchlanguage=1&page=2

Arqueoloxía subacuática







O 40 % dos Países Baixos é auga. Os campos de cultivo nos que comparten espazo tractor e embarcación. Labregos anfibios, ollando cara a un mar que escoa polo corazón da terra polas fírgoas convertidas en canles. Esta paisaxe explica a importancia da Arqueoloxía subacuática neste país que semella afundirse coma unha ilustración de 20 mil leguas de viaxe submarina. Os arqueólogos holandeses contan con retranca as tiranteces gremiais entre os subacuáticos e os terrestres, dous gremios que por non compartir non comarten nin o mesmo medio. Alomenos a separación de disciplinas semella bastante clara. Unha rapaza bromeaba dicindo que a comunicación, a relación cos medios era moi importante para os arqueológos holandeses, afeitos a traballar en moitas canles diferentes. Humor neerlandés.

Arqueoloxía Transfronteiriza



Na mesma sesión de European Communities: Models for Participation in Archaeology in Europe Sophie Hueglin, da Universidade de Basel, fixo unha reflexión sobre os proxectos arqueolóxicos de cooperación transfronteiriza nos límites de Austria, Suíza, Alemaña, Francia e Liechstenstein. No noso país adoitan existir proxectos transfronteirizos deseñados para captar fondos de cohesión europeos, tipo INTERREG; unha vez apañados os cartos, pásase olimpicamente da vertente social e comunitaria do proxecto, centrándose unicamente na escavación de turno seguindo os parámetros da Arqueoloxía máis tradicional. E todo isto co placet dalgúns técnicos de xestión de fondos europeos que mi madriña!. O lamentable é que despois de dilapidar cartos xa é tarde para aprender o que se fai por aí fóra, porque a galiña dos ovos de ouro marcha para o Leste.