13/11/09

Memoria histórica


Memoria histórica é unha das categorías de arqueoneixon, malia que preferimos outro concepto como memoria colectiva. A memoria é histórica por definición. De feito, para nós, o Patrimonio é a materialización da memoria e do esquencemento. Hoxe estivemos no VII Congreso de Investigadores sobre o franquismo en Santiago de Compostela, como oíntes, nunha mesa redonda sobre o estado da cuestión da represión. Na mesa estaba xente á que hai que ler como Javier Rodrigo da Universidade de Zaragoza ou Emilio Silva da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica. No debate puidemos apalpar as sensacións que agroman neste mundo: reivindicacións gremialistas por parte dos historiadores, afirmacións como que a sociedade non pode marcar a axenda da investigación da Universidade española, tratamento despectivo cara ao labor dos chicos de las fosas , metadiscursos que se reproducen dentro da Academia, patrimonialización corporativista do saber... Mentres os historiadores seguimos nesas vainas, a sociedade vai por outro lado e non hai excusas que vallan. O asociacionismo memoralístico basease nunha demanda real por parte dun sector importante da sociedade española. Se os historiadores consideran que non deben estar aí, ese é outro problema que dexenera nunha negativa percepción social da disciplina. Sexa como for, compartimos a opinión de Emilio Silva cando aconsella amablemente aos historiadores que se acheguen alomenos unha vez na vida á escavación dunha foxa como experiencia persoal que axuda a comprender moitas cousas. Como dixo Manuel Rivas nun prólogo a un impactante libro de fotografías (Memorias de la tierra), un destes voluntarios e arqueólogos que exhuman foxas ten feito máis pola xustiza e a reparación das víctimas cun paletín e unha espátula ca todo un Estado. Outro problema é a cegueira que leva a pensar a algúns historiadores que son os detentadores do saber, cando o fenómeno da represión está a ser abordado por antropólogos, psicológos, sociólogos, forenses, arqueólogos, etc... Para nós o gremialismo é unha rémora do Antigo Rexime que segue a presidir a vida deste país. Somos os primeiros en facer unha autocrítica. Nós somos dos que pensamos que unicamente hai bos e malos investigadores. Outro día seguiremos desbardallando sobre estes temas, que nos interesan moito pola nosa investigación etnoarqueolóxica sobre o wolfram, a guerrilla e demáis. Neste traballo dimos cun arquivo familiar abraiante, dun home de 93 anos que marchou á guerra cunha cámara de fotos. Reproducimos a continuación un extracto do diario de operacións deste cabo de artilería en xaneiro de 1939 na ofensiva sobre Catalunya. Lendo, que máis dá que un sexa arqueólogo, historiador ou Perico de los Palotes?

Día 22. a las 9 de la mañana salimos para Villafranca del Panadés (sic) donde al llegar recibimos orden de proseguir la Marcha hacia Canyellas, punto central De la línea alcanzada por nuestro C. de E.
Día 23. A las 5 de la tarde salimos de Canyellas en dirección a San Cugat de Sasgarrigas donde llegamos a las 6 horas de la tarde acampando y pernoctando.
Día 24. A las 7 de la mañana continuamos nuestro avance sobre Barcelona pasando la noche en Vegas.
Día 26. Salimos de este pueblo a las 7 de la mañana en dirección a San Clemente de Llobregat donde emplazando la batería cooperó con sus fuegos al paso del río Llobregat y conquista de los pueblos San Feliu de Llobregat, San Justo y San Baudilio.
Día 27. A las 11 de la mañana salimos en dirección a San Adrián de Besós recibiendo nueva orden de alojar la unidad en Barcelona.
Día 28. Se recibe orden de salir para Gavá y en esta situación finalizó el mes.
Mes de Febrero.
Desde el día 1º al 12 descansó el personal.
Día 12. Se recibe felicitación enviada por el gral. Jefe del Cuerpo E. M. por la liberación de Barcelona, también se recibe orden de preparar el material y el personal para el desfile y desde este día al 20 se invirtió en esta operación.
Día 21. Se desfila y pasa revista S. E. el Generalísimo a este Grupo en unión de las fuerzas que tomaron parte en la liberación de Cataluña: a las 5 y media de la tarde se emprende la marcha hacia Falset donde llegamos a las 8 de la noche. Se recibe felicitación del Coronel Jefe de Artillería del C.E.M.

Fotografía: J.G.T. e dous compañeiros da 41 batería del Regimiento de Artillería de Costa nº 2 trala toma de Barcelona, posando na contorna do Arco do Trunfo (Arquivo de J.G.T.).

11/11/09

O berce do protomártir


Ao carón da casa cuartel da Guardia Civil en Tui atópase unha casa en ruínas, restaurante sonado noutros tempos. Neste inmoble naceu Calvo Sotelo. Dúas placas recordan a súa figura. A primeira é unha homenaxe dos seus paisanos cando era Ministro durante a ditadura de Primo de Rivera. Este rexime acolleu unha manchea de tecnócratas dereitistas que supostamente querían superar o sistema caciquil da Restauración para modernizar España. Prado Lameiro, Losada Diéguez e o propio Risco foron algúns dos que participaron nos primeiros anos desta experiencia dictatorial. A segunda placa, menos rechamante, recorda o aniversario do seu martirio, punto de saída do golpe de Estado de xullo de 1936. Cando se pendurou esta segunda placa en 1937 xa pasaran moitas cousas na vella cidade: a resistencia alongada contra o golpe, a feroz represión, o monte Aloia reconvertido nun sinistro paredón, a fuxida polo Miño cara a Portugal...

Exposición


Dende hoxe atópase na Biblioteca Municipal da Casa de Cultura de Tui a exposición fotográfica Onde as rúas non teñen nome: unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo gumuz (Etiopía occidental) organizada polo Laboratorio de Patrimonio do IGPS (CSIC). Estára aberta ao público até o 11 de decembro deste ano.

Fotografía: edificio neogótico que alberga a Casa de Cultura de Tui: ex-hospital, ex-cuartel, ex-instituto.

5/11/09

In Petra Inscripta


O castelo medieval do Formigueiro completa unha impresionante paisaxe cultural. A limpeza do petróglifo ao carón do alxibe amosa unha secuencia de motivos que acompañan a monumental espada que se vía anteriormente. Unha proba máis dos camiños que quedan por deslindar na inexistente Arqueoloxía medieval galega.

Fotografía: Virginia Castro Hierro.

Formigueiro for ever


A nosa compañeira Yolanda Seoane Veiga (LAPA, CSIC) dirixe un proxecto integral de xestión do patrimonio arqueolóxico no concello de Chaos de Amoeiro (Ourense). O estudo sistemático da zona está a fornecer novos achados, dende petróglifos inéditos, até pezas castrexas reutilizadas, pasando por aldeas abandonadas. Pero non só iso, os sitios xa coñecidos non deixan de abraiar. Pódovos asegurar que eu debín de estar unhas vinte veces en Formigueiro, de arqueólogo, de guía, de monitor, de curioso de fin de semana. Coñeciamos a tumba escavada na rocha ao carón da capela (a tumba do santo), pero descoñeciamos por completo esta nova tumba antropomorfa, agochada durante décadas até que o dono da casa limpou a beira da ruela. Abraiante o espesor histórico desta fermosa aldea.

Fotografía: Virginia Castro Hierro.

3/11/09

Tristes trópicos


Pois si que veu copioso o día de defuntos este ano. Marcharon ao alén tres grandes que amosaron cada un á súa maneira a complexa natureza humana: o actor José Luis López Vázquez, o literato Francisco Ayala e o antropólogo Claude Lévi-Strauss. A verdade é que un non sabe quen dos tres era o antropólogo. Descansen en paz.

Fotografía tomada da páxina web de rtve.

2/11/09

Faranji


Vivimos no mundo da Rede 2.0, dos e-books, do xornalismo dixital. Cando un escrebe faino coa intención (confesa ou non, agochada ou non) de que o lea o maior número de xente posible. Dende hai un par de anos temos escrito un fato de textos sobre a nosa experiencia etnoarqueolóxica na primeira viaxe que fixemos a Etiopía no inverno de 2006. Este libro real pero virtual titúlase Faranji (guiri en amhárico). Cada semana iremos facendo entrega dun capítulo (seguindo o modelo das novelas decimonónicas) no Xornal Certo. Faranji é unha mestura de xéneros que combina fotografías e textos. De feito é un complemento da exposición Onde as rúas non teñen nome: unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo gumuz (Etiopía occidental) comisariada por Sonia García Rodríguez (LAPA, CSIC).

A primeira entrega de Faranji en http://certo.es/index.php?page=faranji-limiar