16/3/09

A voltas con Darwin


Este xoves pasado aprendimos moito nunha mesa redonda organizada pola USC sobre a recepción do darwinismo en Galicia. Alí soubemos que A orixe das especies non entrou na biblioteca da Universidade até o século XX, que Emilia Pardo Bazán falaba de Darwin coma alguén harto más que un simple aficcionado, que a censura eclesiástica surtiu efecto nun panorama científico e intelectual raquítico. Vellos recordos de actualidade coa cavernícola reacción do integrismo contra o avance da ciencia ou coa crítica dos sindicatos ao darwinismo social aplicado en tempo de crise. Tempus fugit... Na foto podedes ver o debuxo dun homínido no Museo Nacional de Etiopía. Ao fondo á dereita un retrato de Mengistu Haile Mariam, responsable da dictadura comunista entre 1977 e 1991, acusado de xenocidio e que senta cátedra na Universidade no Zimbawe de Mugabe...

12/3/09

E por fin, a xente

Non sei que pensaría Evans-Pritchard deste retrato ao estilo Avedon dos nuer hoxendía. Recordaría os ecos lonxanos da lanza, as pulseiras de cobre, as escarificacións... pero ficaría un pouco desnortado coa pose de macarra do Bronx do rapaz do centro. A súa nai chegoulle a dicir que deixase de facer o parvo e se puxese como as persoas, unha risa. Cousas da adolescencia. En Pontevedra, cando ía eu en 8º do EXB os colegas ían bailar breakdance á estación de autobuses. A globalización non é tan recente como se pensa.

Compounds para el diálogo

Seguimos por Pakang. A típica cabana con porche nuer, con jericams de plástico, cabazas e cacharros cerámicos. Ao fondo á dereita, as ruínas da vella casa, colapsada. En primeiro termo, área cultual de barro pisado, con fogar e unha fermosa estrutura pintada. Completan o cadro dous postes de madeira chantados. Aínda se conservan nos poboados desta zona de Gambela estas estruturas rituais, unhas para honrar á divindade que protexe ás mulleres e outras, como eses postes (que non deixan pegada no rexistro arqueolóxico) para protexeren aos homes cando inician unha viaxe ou cando marchan para a guerra. Sen xente na casa, o etnoarqueólogo adícase a (como lle gusta dicir aos postmodernos) dialogar coa cultura material.

11/3/09

Nuer teitando ao solpor


Existen momentos no traballo de campo etnoarqueolóxico que resultan imposibles de describir, verbalizar, poñer por escrito... Debrúzase o sol no horizonte; cando esmorece a luz e deixas de camiñar polos illotes de casas esparexidos polo poboado de Pakang escoitas ao lonxe un cántico que se repite coa cadencia das historias que nunca morren. Todos marcharon hai tempo co gado para o río Baro e voltarán na estación das chuvias. Só quedan as katiuskas de goma diante das casas, os nenos, algunhas mulleres, vellos, enfermos, lisiados e dementes. Coma un frautista de Hammelin o home que canta acada que un quede abraiado ao pé da choupana que está teitando, mentres o tempo pasa, paseniño.

Tempos modernos

Os grupos étnicos da fronteira entre Sudán e Etiopía pasaron historicamente dos Estados-nación, dos límites arbitrarios impostos polas conxunturas históricas, polo colonialismo e a Modernidade. Os tempos mudan. A nova estrada que vertebrará o territorio marca un camiño sen volta atrás; os PK (puntos kilométricos) grávanse por riba dunha arquitectura tradicional que esmorece.

Foto: camiño de Gambela, nunha vila de estrada, típica decoración de grupos coma os anyuak e os nuer.

10/3/09

Onde as rúas non teñen nome


Despois da viaxe iniciamos unha viaxe que queremos compartir convosco. Sensacións, ideas, interpretacións sobre cultura material, identidade, globalización, modernidade, resistencia... Arqueoloxía do presente á fin e ao cabo; voltamos a onde as rúas non teñen nome. Etiopía occidental, 2009.

Solpor na sabana: parque nacional de Awash, febreiro 2009.

9/3/09

Un bo arquitecto

Toda persoa que estea interesada no Patrimonio Cultural de Galicia debería pasar por Fonseca para ve-la exposición sobre a vida e obra do arquitecto Francisco Pons-Sorolla. Todo un documento histórico do que foi a rehabilitación da Arquitectura histórica en Galicia na postguerra e durante o franquismo (antolóxico o vídeo do Portomarín vello antes da catástrofe). Home intelixente e pioneiro en moitas cousas, deixou en 1970 toda unha declaración que inda ha servir de guía para proxectos honestos:

Debo deciros que lo admirable no es lo mucho que ha invertido el Estado -que no es mucho-, sino la obra magnífica que ha podido hacerse gracias al cariño de todos [...] En este fundamental aspecto de la salvación de un conjunto -creedlo, amigos míos, los pueblos se salvan de dentro a afuera y no por científicas imposiciones llegadas del exterior- [...] Y en esta comunión de cariño a la obra que se realiza no hay primeros ni últimos, como debería ser siempre; desde el peón avispado y jovenzuelo al arquitecto, pasando por el encargado y el constructor, no se forma una fila, sino un círculo cuyo centro es la satisfacción del deber cumplido.