3/1/08

A cidade asulagada


O Portomarín vello é unha ruína arqueolóxica que de cando en vez, coma unha Atlántida medieval, rexurde das augas coma as míticas lamias ou as xacias do río Miño. As lendas sobre cidades asulagadas e condanadas son un tesouro do patrimonio inmaterial galego. As ruínas de Portomarín recórdanme á antiga cidade de Miraflores, abandonada pola invasión de millóns de formigas. A plaga obrigou ás xentes a trasladarse a un outeiro entre os ríos Rubín e Saa. A auga impedía o acceso ás formigas. Esta lenda explicou durante séculos a orixe da Pobra de Brollón (Terra de Lemos, Lugo), unha vila medieval emprazada nun antigo castro mineiro romano. A Cidade de Miraflores non era outra cousa que unha espectacular explotación aurífera en xacemento secundario, coñecida aínda hoxe como Os Medos (da mesma raíz que As Médulas, por exemplo). Isto sabémolo pola ciencia arqueolóxica. E que queredes que vos diga, prefiro a ensoñación, maxinar as míticas cidades asulagadas... e non caír no aburrimento da veracidade histórica.

28/12/07

Feliz 2008


Recreación de espazo doméstico castrexo no Belén Artesán de Villaverde de la Abadía, O Bierzo. Nadal de 2007.

Fotografía: Sonia García Rodríguez

20/12/07

Obxectos da Memoria


Antonte o profesor Bernardo Máiz deu unha conferencia no IEGPS sobre a Galicia dos anos 20 e dos comezos da República, dentro do ciclo organizado para conmmora-la Asemblea de Concellos Pro Estatuto 1932. Na súa brillante ponencia o autor defendeu o valor da Historia Oral e da Microhistoria como ferramentas fundamentais para a investigación contemporaneísta, opinión que compartimos totalmente dende una óptica etnoarqueolóxica. A cultura material reflicte grandes procesos históricos e dinámicas sociais.
Na imaxe podedes ver un detalle da matanza do marrao, co Suso 40 dando boa conta da cachucha. No primeiro plano temos un suposto machete, que ten a súa historia. V. P., nun día de caza hai moitos anos, atopou entre as ruínas dunha casa esborrallada de Repil, unha baioneta. Tempo despois, levoulla a un ferreiro-gaiteiro de cerca de Sarria e reconvertiuna nun machete que V.P. emprega nas súas xornadas de caza para loitar contra toxos, silvas, escambrós, uceiras e piornos.
O 20 de abril de 1949 a cúpula da 2ª Agrupación Guerrilleira Galicia-León (os atracadores) era cercada en dúas casas en Repil (na fronteira entre Cereixa e Chavaga, entre a Pobra de Brollón e Monforte de Lemos) inciándose o principio da fin da loita guerrilleira antifranquista.
Dende aquela a vida cambiou moito, senón que llo digan a unha baioneta que cambiou de sexo, forma, función e sentido. O que non perdeu é o seu trasfondo simbólico. Un bo exemplo do que é a cultura material, os obxectos que, coma os músculos, tamén teñen memoria.

18/12/07

O carro da Historia


Onte no IEGPS de Santiago, na inauguración da exposición Asemblea de Concellos Pro Estatuto de Galicia 1932 tivémo-la sorte de escoitar falar sobre o Santiago dos anos 30 a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, dous mozos daquela que traballaron a esgalla a prol do soño autonómico. Avelino Pousa Antelo lembraba a carroceta para recolle-lo lixo do Concello de Santiago que lles cedera Ánxel Casal para a campaña pro-estatuto. Nese veículo iniciaron en Carnota unha xeira por toda a costa, Muros, Noia, Pobra do Caramiñal, Boiro.. para rematar en Rianxo, o berce de Castelao.

Pouco tempo despois, no verán de 1936, outro vello modelo de automóbil servía de veículo para a Brigada de matóns que encheron de sangue todo o Barbanza nunha represión brutal e despiadada. Aínda recordan en Cespón que cando foi dado de baixa o coche dos falanxistas a familia xitana que se adicaba á chatarra non quixeron nin tocalo porque, segundo eles dicían, Ese coche errtaba maldito.

Na Modernidade tanto os soños máis nobles como a morrida morte van sobre rodas.

Fotografía de Xurxo Ayán: Restos dun Ford-T modelo A de 1927. Posición italiana en Guba (fronteira entre Etiopía e Sudán) na fortaleza de Abu Shok, bombardeada en outubro de 1940 por avións da Escadrille Française Libre.

17/12/07

Castelo da Lúa


Xa que estamos por esa beira da ría, se camiñamos dende Taragoña pola beiramar en dirección a Rianxo, topamos cos restos do Castelo da Lúa. Destruído polos irmandiños, nos últimos tempos está sendo obxecto de intervencións arqueolóxicas e de posta en valor. Mais o castelo nunca desapareceu de todo. A imaxe reproduce unha xilografía anónima do século XIX (Vista del castillo de Rianjo tomada desde tierra) na que se amosa unha imaxe romántica da ruína arqueolóxica medieval. Este grabado forma parte da colección Puertas Mosquera recolleita nun excelente lirbo presentado recentemente en Santiago [Galicia no gravado antigo. Colección Puertas Mosquera: páx. 144].
O castelo da Lúa foi e segue sendo un fito na paisaxe simbólica desta zona da ría de Arousa. Bouza Brey e López Cuevillas recolleran no seu día a lenda que falaba da existenza dun túnel por baixo do mar entre Neixón e o castelo, conto do que temos recollido diferentes versións nos últimos anos e que se toma como verdade certa.
Coma un paisano de Rianxo que, como se fose un personaxe de Xente de aquí e de acolá de Cunqueiro, comentaba:

Si, oh, ese túnel entre Neixón e o castelo vaia que se existe. Se eu un día metínme dentro e fun parar cara ao medio da ría, pero daquela collín frío, puxen a chaqueta, din media volta e marchei para casa.

A Pedra de Rufino


Voltaremos sobre o tema do feísmo en futuros posts. No interesante debate xenerado citouse unha referencia ao noso blog que acompaña unha boa foto dun hórreo e un graffitti en Taragoña. En Taragoña, a finais de agosto de 2006 localizamos unha estela romana reutilizada como banco no patio dunha casa. Podería ser outro exemplo de feísmo ao uso, pero eu creo que é moito máis. O dono da peza atopouna hai moitos anos cando escavou para chanta-los alicerces da adega da súa casa, asentada sobre unha posible necrópole galaicorromana, perto da actual igrexa parroquial. A familia desa casa non só preservou a peza, senón que se preocupou por saber que era, poñendo en coñecemento de especialistas o seu achado.
Vimos de publicar esta estela inédita [ X. Ayán Vila e Pedro López Barja de Quiroga. 2007. Una estela funeraria inédita de Taragoña. En Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik, 161: 283-287] A maiores do seu interese epigráfico, histórico e artístico, cómpre engadir todo o mundo simbólico que se agocha dentro do seu contexto de uso no presente. Todo un exemplo de apropiación da cultura material do pasado por parte da sociedade rural e mariñeira galega. Para un achegamento etnoarqueolóxico a este fenómeno propoñémosvos a leitura do noso traballo: Á. Arizaga Castro, P. Fábrega Álvarez, X. Ayán Vila e A. Rodríguez Paz. 2006. A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense, Galicia). Cuadernos de Estudios Gallegos, 119: 87-129. Santiago: CSIC.


Debuxo: Anxo Rodríguez Paz

11/12/07

Sobre o feísmo (e II)


Pero sexamos realistas...¿Que carallo é iso do feísmo? Porque ata non fai moito coller un somier e uns bloques para facer un galiñeiro era algo ecolóxico, porque estabamos a reciclar. Pero agora non, agora resulta que somos Pepe Gotera e Otilio. Quizais é certo que non temos nin idea de bo gusto nisto da construción... probablemente deberían deixar de botar tanto Luar e tantos cantareiros na Telegaita e poñer máis programas de Brico Manía...

Galicia, o país das chapuciñas. Informe Retranqueiro.
Retranca. Revista mensual de humor galego,
1, novembro de 2007: páx. 3

Fotografía de Xurxo Ayán