30/10/12
29/10/12
Rachel Ceasar
Como Ruth Matilda Anderson nos anos 20, a antropóloga da universidade de Berkeley (California, U.S.A.) Rachel Ceasar leva todo un ano percorrendo Galicia e España analisando o fenómeno das exhumacións da represión franquista. Ela foi unha peza chave no proxecto arqueolóxico que levamos a cabo recentemente en Castuera (Badaxoz) e Abánades (Guadalaxara). Mañá martes imparte en Compostela unha conferencia cos resultados da súa investigación.
Publicadas por El Ayán o 29.10.12 3 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica; memoria histórica
25/10/12
Conferencia
Mañá ás 20:00 do serán no Art Café de A Guarda impartiremos unha charla sobre o papel do castro de Santa Trega na historia da Arqueoloxía galega., nun ciclo de conferencias co que se conmemora o centenario da Sociedade pro-Monte.
Máis información en
http://www.aguarda.es/index.php?option=com_content&task=view&id=1741&Itemid=275
Publicadas por El Ayán o 25.10.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica; memoria histórica
16/10/12
O saxofón
Nas nosas escavacións arqueolóxicas sobre a guerra civil na contorna da localidade alcarreña de Abánades atopamos as evidencias materiais do que alí aconteceu nos días da esquencida batalla do Alto Tajuña desencadeada pola República coa tentativa de contrarrestar o avance franquista cara ao Mediterráneo en marzo-abril de 1938. Entre casquillos, balas, latas de conserva e restos humanos, apareceu unha insignia metálica coa senyera e a palabra Catalunya. Neste Exército do Centro loitaron pola España democrática miles de cataláns, até a rendición final o 1 de abril de 1939, cando a súa terra levaba ocupada por Franco catro meses. Cousas que cómpre non esquencer a día de hoxe.
Publicadas por El Ayán o 16.10.12 0 comentarios
Categorías: Teoría arqueolóxica; memoria histórica
3/10/12
A ignorancia
Nun dos seus últimos romances, o antedito Kundera analisa no primeiro capítulo a raigame etimolóxica nas linguas latinas da verba “ignorancia”, e pon de manifesto o seu vencello non con descoñecer ou ignorar, senón con añorar, con botar en falta. Os familiares das víctimas e o resto de cidadáns que vos xuntades aquí hoxe sodes os loitadores da ignorancia, o antídoto contra o esquencemento. Non sodes cazapantasmas senón recuperadores da memoria colectiva. Sodes o antídoto contra as dioptrías impostas por aqueles que non queren ver e negan o evidente.
Nestas terras con nomes de lugar que lembran decote o teatro Século de Ouro, acae ben recordar unha obra drámatica do xenial Cervantes, “El retablo de las maravillas”. Nesta peza, un feirante percorre o rural cunha saba branca na que se proxectan as marabillas do mundo; só os cristiáns vellos, os prohomes, ricos e poderosos son quen de ver cos seus ollos e atravesar o baldeiro inmaculado do retábulo. Toda unha reflexión sobre a banalidade do mal, a insoportable levedade do poder. Neste país noso, a síndrome do horror vacui apoderouse da nosa clase política, incapaz de ver o que se agocha nos buratos da indignidade. Como no retábulo das marabillas, dende a Transición o poder fai como que non ve.
Poncia, a criada petrucia da casa de Bernarda Alba berra aos catro ventos a sorte dos explotados na España dos anos 30: Un hoyo en la tierra de la verdad es la única tierra de los pobres. Unha fochanca no campo dos Desesperados e dos Desamparados no cemiterio de Castuera sería a fin para moitos civís e militares republicados derrotados, como os soterrados nas dúas foxas que vimos de escavar ao longo deste último mes. Aurora aínda o recordou aquí o outro día: “Están aquí, y se ven. Son personas”. Esta mestra falábanos do Gafas, un home que chegara a Castuera para casar, afincado nunha fonda. Fóra dos primeiros en caír, e nunca foi reclamado por ninguén. Tamén nos contou unha vella tradición castuerense; antes de casar, a moza agasallaba ao mozo cunhas mudas e cun par de xemelos para a camisa da ceremonia. Nestas foxas aparecen lentes e xemelos de camisa; poderán ser ou non do Gafas ou de calquer noivo de Castuera, pero o que está claro é que estes obxectos nos falan da vida truncada de persoas coma nós aos que se lle negou vilmente o futuro.
Extremadura é terra dura. Escavando en agosto temos as maos enchoupadas en arxila e xisto. Os ósos destas dezaoito persoas asesinadas únense ao coio e á lousa como amantes fósiles prehistóricos, deixan a súa impronta grabada no sustrato rochoso. Por iso nin a choiva, nin o cemento, nin a desidia foron quen de expulsar da terra esta xentiña soterrada baixo metros cúbicos de rancor e de xenreira. Pero só grazas a vós, familiares e socios da Asociación Memorial do Campo de Concentración de Castuera, puidemos agora guindar o esquencemento ás lindeiras da historia. Porque, citando a Manuel Rivas, coa vosa vontade, facedes máis pola xustiza ca todo un (suposto) Estado democrático enteiro.
Tradución ao galego do discurso en homenaxe aos 17 republicanos represaliados exhumados polo oso equipo de traballo e voluntarios de AMECADEC no camposanto de Castuera (Badaxoz) o 8 de setembro de 2012.
Publicadas por El Ayán o 3.10.12 0 comentarios
Viaje a la Alcarria
Publicadas por El Ayán o 3.10.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Escavación arqueolóxica, Memoria histórica
Que sabemos dos castros?
2. En segundo lugar, cómpre sinalar a naturalidade coa que se asume a interdiscipinariedade, fuxindo de torpes plantexamentos gremialistas que sancionan os compartimentos estancos na investigación. Por Vimianzo pasaron antracólogas, xeomorfólogas, malacólogos, especialistas en arqueometalurxia e Arqueoloxía Pública... E pasaron por alí non para demostrar nada, para medrar curricularmente, para emular aos seus Mestres, para autoafirmarse, non, falaron para compartir co público (cos públicos, máis ben) as súas experiencias arqueolóxicas, as súas inquedanzas e os seus anceios á hora de facer Arqueoloxía nestes tempos de incertidume e de crise.
3. A superación dos enfoques parciais e sectarios tan propios das correntes academicistas. Neste senso chama a atención como os ponentes recollen as principais aportacións das diferentes escolas (histórico-cultural, funcionalista, teorías críticas) e rachan cos modelos interpretativos pechados, procurando sempre unha leitura social do rexistro arqueolóxico. O medo ao mundo simbólico e ritual, a leitura política das comunidades da Idade do Ferro semella cousa doutros tempos.
4. O compromiso tácito coa Arqueoloxía Pública, asumindo a divulgación, formación e comunicación como chanzos básicos na investigación sobre o pasado.
5. Todas as ponencias amosaron un necesario espírito de autocrítica e, sobre todo, un retranqueiro e moi galaico sentido do humor que racha con esa idea aburrida do Patrimonio como algo moi serio que non se pode deixar en mans de calqueira. Con ironía fundamentada deconstruíronse os tópicos desa cultura castrexa, co seu centro e a súa periferia, deses históricos arqueólogos galeguistas sempre bos e xenerosos, desa suposta ciencia arqueolóxica á marxe da ideoloxía, a política e o mercado.
6. Houbo verdadeiros debates, e alí todos puideron exponer o seu punto de vista, o profesor de secundaria, o arqueólogo retirado, o paisano de Vimianzo, o erudito local, o activista, o escéptico. Como no anuncio aquel de Coca Cola, foi un congreso para todos.
Publicadas por El Ayán o 3.10.12 3 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade
20/8/12
Estrema e dura
Entre Mérida e Castuera sucédense as rotondas coroadas por estatuas da virxe nas súas maís variadas advocacións. Moitas destas estatuas teñen un certo aire estilizado, seguindo os cánones da arte romana tan ben representada na vella capital da Lusitania. Este panorama relixioso remata ao chegarmos a Castuera. A primeira rotonda serve de aeroporto improvisado a un caza Northrop/CASA RF-5A. Este avión fóra empregado na base de Morón (Sevilla) e en Talavera La Real (Badaxoz), onde está a escola de pilotos de caza. En 2001 foi cedido polo Exército do Aire ao Concello de Castuera. Noutros pobos poñen a Virxe da Ascención. Para gustos, rotondas e virxes. Nesta rotonda do avión en Castuera os recén casados sacan retratos de voda, non é broma. Enlaces de altos voos.
Ser peixeiro no Mercado de Abastos de Castuera garante ser un personaxe de película. Paco véndenos bacallao e recorda os seus tempos escolares: “Joder, tíos, qué descojone cuando el profesor hablaba de la escritora esta vuestra Rosalía, del libro ese que se llamaba… Follas Novas, cómo nos despollábamos, todos los años era igual, el profesor ya se aguantaba la risa”.
Os falanxistas asasinaron vilmente unha tarde de agosto á mai de Laura cando esta tiña dous anos. O seu corpo foi exposto a rentes da tapia do camposanto de Castuera durante días para escarnio público e aviso a navegantes. Todos os días, pola mañanciña, Laura visita o cemiterio. Está empeñada en preservar a memoria da súa mai. Loita contra o esquencemento e deposita de cando en vez unhas flores en lembranza de quen lle deu a vida. Laura veu á charla que demos na sé da Universidade Popular antonte e relatou os seus recordos da nenez , cando en casa acubillaban unha señora e os seus fillos que viñan de lonxe para axudar ao seu home preso no campo de concentración de Castuera. Laura quer atopar o corpo da súa mai antes de morrer e se non é posible, alomenos, recuperar a “otros de los nuestros”. Con afouteza fita a pá escavadora cun aquel esperanzado. Antes de marchar o vento recolle dos seus beizos unha pregunta lapidaria, definitiva, demoledora: “Canto tempo habemos agardar máis para atopalos?”
A Arqueoloxía na que cremos consiste precisamente nisto, en recuperar o tempo perdido. Por iso estamos aquí.
Publicadas por El Ayán o 20.8.12 1 comentarios
Categorías: Memoria histórica
15/8/12
Castuera 2012
Publicadas por El Ayán o 15.8.12 0 comentarios
Categorías: Escavación arqueolóxica, Metodoloxía, Teoría arqueolóxica; memoria histórica
2/8/12
Ebook á venda
Para os interesados, que saibades que a ligazón para facerse coa nosa tese de doutoramento atópase nun banner xeitoso que encabeza o estupendo portal do GC tendencias.
http://tendencias.galiciaconfidencial.com/
Publicadas por El Ayán o 2.8.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica; memoria histórica
Shoots from Abyssinia
Hai uns días estivemos na preestrea en Compostela da longametraxe documental de Ovidio Fernández, unha recreación do mito de Ulises na figura do seu fillo abesha-galaico, quen regresa a Etiopía seguindo os pasos do crego portugués Pedro Páez. Toda unha road movie no Corno de África.
Tedes o trailer e información sobre o proxecto en
http://www.ovidiofernandez.com/
Publicadas por El Ayán o 2.8.12 0 comentarios
Categorías: Etnoarqueoloxía
31/7/12
Fozando nos castros
Hoxe falaremos do mundo dos castros nas XVII Xornadas de Historia Local de Foz organizadas pola Asociación Pomba do Arco. Alí vos agardamos, na Casa de Cultura Manuel María, ás 20:30 do serán.
Publicadas por El Ayán o 31.7.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade
30/7/12
Errantes, Atlantes e xentes de antes
Publicadas por El Ayán o 30.7.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Teoría arqueolóxica; memoria histórica








