28/7/11

Redescubrindo o Castro Pequeno de Neixón

Redescubrindo o castro pequeno de Neixón

Potes 3D






Dunha tempada a esta parte estamos inmersos no proceso de inventario de todos os materiais localizados nas campañas 2003-2008 nos castros de Neixón. Este traballo permite abordar estudos integrais sobre a cultura material exhumada, incluíndo a aplicación de novas tecnoloxías. Neste senso contamos coa colaboración da nosa compañeira Patricia Mañana Borrazás (INCIPI, CSIC) especialista na aplicación arqueolóxica de 3D. Enriba podedes ver o procesado do afamado cunco de TSH do Castro Grande.

Por que se mata o que se admira?



A destrución é unha posesión absurda. Posesión non é admiración. Eliminar non é superar.
Ora ben, todos os anteriores mecanismos están presentes na lóxica do cazador, na do guerreiro, ambas as dúas en masculino e singular.
O recoñecemento social da individualidade persoal, tan querida para a nosa cultura occidental -condición de posibilidade da liberdade- xorde nos inicios da Idade do Bronce como vindicación doutros valores quizais non tan asumibles hoxe en día como primordiais, nin sequera como positivos: o guerreiro, o macho, o cazador. Os tres arquetipos atópanse representados no cervo da Laxe dos Carballos: os dous primeiros no propio animal e o terceiro nas xavelinas que aparecen cravadas no seu lombo. Os tres iranse fundindo co tempo no guerreiro, némese do cazador que alcanzará a súa apoteose no Bronce Final.
Que traxedia a das sociedades humanas! case sempre foxen do pote para caer no lume.
Co inicio do neolítico comezouse a produción de alimentos que, alén do seu inicio circunstancial cunha posible crise alimentaria ou un aumento demográfico propiciado por causas climáticas, buscou -sen dúbida- un maior grao de autonomía para o grupo social que naquel momento o era todo; como o "terceiro estado" para o abate Sieyès, pero de verdade. É certo que conseguiron maior grao de autonomía sobre outros grupos sociais, mais ao comezar a sedentarizarse -o cultivo así o esixe- converteron os recursos que antes eran ilimitados en algo finito, porque por natureza o territorio debe ser controlado. Vívese da natureza -nela- pero o territorio ten que ser posuído para selo. Así -ao final desta etapa- uns grupos comezaron a competir con outros, coa inevitable imposición duns e submisión ou absorción doutros.
A volta de rosca conseguinte para lograr outra vez maior autonomía para cada grupo local fíxose posible de novo grazas a unha revolución tecnolóxica nos albores da Idade do Bronce que estivo baseada en boa medida no desenvolvemento de novos oficios artesanais que posibilitaron a explotación de produtos distintos da carne na gandeiría, e do gran na agricultura. Neste momento empézase a usar un arado lixeiro que non permite facer rego, pero si romper o terrón. Presumiblemente comézanse a empregar primitivas técnicas de estercado e unha sorte de rotación de cultivos consistente na xestión consciente das zonas de barbeito longo dentro do territorio dominado polo grupo. A maior investimento de traballo, maior dependencia do seu rendemento e -por conseguinte- dos medios de produción e da infraestrutura; enténdase territorio e gando, que xa non só rende carne, senón tamén tiro, leite, coiro, e outras materias primas para a elaboración de produtos derivados.
Esta tecnoloxía veu acompañada -ou viuse favorecida- pola ideoloxía do guerreiro-cazador, que cadraba admirablemente coa delimitación e defensa do territorio. A rápida expansión da ideoloxía atopou un aliado na presenza nas súas canles de difusión de bebidas alcohólicas e quizais outras substancias psicoactivas que poden estar na orixe da realización de gravados como a Laxe dos Carballos.
Outra vez gañouse en autonomía e liberdade do grupo, mais as diferenzas internas que se crearon derivarían ao paso do tempo no establecemento das clases sociais. Antes os outros estaban fóra do grupo, agora están na casa. Co xurdimento da individualidade esnaquizouse a verdadeira solidariedade. Antano non existían estratexias de poder dentro do grupo, agora é o seu hábitat natural.

Que marabilla as sociedades humanas! A pesar de atoparse atenazadas por ideoloxías non precisamente sublimes, son quen de intentar sempre (outra vez) ser máis libres e -ao tempo- legarnos obras tan admirables e fascinantes como este cervo; metáfora delas mesmas: sorrinte e mortalmente ferido.

Fidel Méndez Fernández



Fotografía de Xoán Piñón, da Laxe dos Carballos en Campolameiro.
http://xoanpinon.blogspot.com/

27/7/11

Xornalismo e Arqueoloxía


Na edición dixital de El Mundo, edición Galicia, sae hoxe unha reportaxe a raíz das nosas investigacións sobre o Castro Pequeno de Neixón, feitas públicas á comunidade científica no Congreso de Vilalba e a toda a cidadanía xa hai tempo neste mesmo blogue de Arqueoneixon. Na crónica de La Voz de Galicia fálase dun proxecto e no de El Mundo doutro. O que é significativo é comparar ambas as dúas crónicas dende un punto de vista xornalístico, de estilo, de presentación da información.

Fotografía: detalle a presentación de Manuela Costa sobre os achados no Castro Pequeno de Neixón no Congreso de Vilalba, a semana pasada.

A reportaxe de El Mundo está firmada por Xurxo Salgado.
http://www.elmundo.es/elmundo/2011/07/26/galicia/1311702758.html

Markéting arqueolóxico


A reportaxe de La Voz de Galicia reproduce punto por punto o discurso elaborado dende o CAB por Víctor Barbeito, quen non é, precisamente, o director das intervencións pero fala como se o fose. Esta estratexia baséase en tres puntos fundamentais:
1. Destacar a vertente tecnolóxica do proxecto, até o punto de que o propio georradar halla restos de una cabaña de la Edad del Hierro en Neixón, como reza o titular. Como se fose un robocop ou un humanoide o xeorrádar sustitúe ás persoas, algo moi na tónica do tipo de Arqueoloxía que se fai nestes intres en Neixón.
2. Confundir á cidadanía. Nunha semana de traballo apenas se atopa nada e para cubrir o baldeiro bótase mao dos achados de campañas anteriores. Estas cousas pasan entre outras cousas, como veremos máis adiante, por poñerse a escavar unha zona que xa foi escavada (sector 4 das nosas intervencións). Mira que non hai Ha e Ha e dálle por facer perder o tempo a unha recua de ianquies de Arizona quitando recheo dun sector xa escavado.
3. Remarcar a diferenza co proxecto precedente: agora a xente está máis preparada, ten máis formación, o proxecto é maís científico e tecnolóxico. A este respecto, non podemos deixar de reseñar este paragrafo brillante da crónica:
A pesar de que la formación de los alumnos que participan en el campo de trabajo es este año superior, la rapidez con la que se han encontrado restos tan relevantes para el estudio arqueológico tiene mucho que ver con la suerte. Así lo señaló el responsable del centro de interpretación de Neixón, Víctor Barbeito, que destacó también los avances llevados a cabo en los últimos años y el buen atino de los estudiantes a la hora de comenzar las excavaciones en el punto exacto en el que los análisis preveían mejores resultados. Marabilloso.
4. Confusionismo: misturando os resultados das nosas investigacións cos do proxecto actual, do que non saiu unha soa referencia bibliográfica, un só post na Rede ou unha soa comunicación a un congreso:
La actividad arqueológica se prolongará hasta el 12 de agosto y ofrecerá a los alumnos la posibilidad de ampliar su currículo. Mientras tanto, los reconocimientos a esta escuela práctica de arqueología siguen produciéndose no solo a nivel gallego, sino también en congresos nacionales en los que que se resalta la importancia del espacio boirense. Aquí refírense ás nosas comunicacións no Congreso de Vilalba.

http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/07/27/0003_201107B27C3991.htm

Can-ibalismo


Tampouco ten desperdicio a interpretación dos restos atopados do can de Neixón nas nosas escavacións de 2004:
Los primeros años en los que se comenzaron los trabajos arqueológicos se hallaron en Neixón restos de los huesos de un perro, que datan de hace más de dos mil años y que se encuentran en buen estado de conservación. Al parecer, el animal pudo ser enterrado por sus dueños en la zona poco después de fallecer.

Citamos de novo a Carlos Fernández:
Os nove restos de can identificados reflicten a presenza dun exemplar que non parece ter sido consumido, como viñemos constatando de forma habitual con respecto a esta especie nos xacementos deste período do noroeste. As partes anatómicas representadas correspóndense coa parte final do lombo (últimas cinco vértebras lumbares e mailo sacro) e a cintura pelviana dun único exemplar. As fracturas presentes nestes restos non son resultado de ningunha actividade de procesado antrópico nin de actividade de preeiros, senón que reflicten procesos de presión postdeposicional e roturas durante a fase de recuperación. En referencia á idade deste cánido, e ademais da fusión dos centros vertebrais, a presenza dunha pequena exóstose en dúas vértebras lumbares, afectando á parte distal da terceira e da proximal da cuarta, suxire que tería acadado claramente a fase adulta no momento da súa morte.

A escavación integral e detallada do tramo de foxo en 2005 evidenciou un feito interesante: a fragmentación do cadavre, xa que non apareceron máis restos do can, e os atopados están en conexión anatómica. Isto sitúanos nun contexto ritual propio da tradición atlántica da Idade do Ferro como é a fragmentación dos cadavres e da cultura material. Por non falar da presenza de cánidos en enterramentos fenopúnicos do S peninsular.

Taza de cerámica de alta calidad


Continuamos coa mesma reportaxe, por veces inintelixible:
Uno de los objetos más curiosos encontrados en el yacimiento boirense es una taza de tierra sigillata, conocida como cerámica de alta calidad que data de entre los siglos III y IV después de Cristo. Su producción es romana y fue localizada en la zona acotada dentro del castro grande del campo de trabajo Neixón.

O cinco de setembro de 2007 publicabamos esta fotografía da taza de cerámica de alta calidad: Un fondo dun prato de Terra Sigillata procedente de alfares rioxanos, como ben estudou e publicou o especialista Rafael Rodríguez Martínez. Catro anacos recollidos no sector 01 en 2004, 2006 e 2007 voltaron xuntarse para reconstruír parte dun cacharro esquencido.
O sete de setembro de 2007 un docto anónimo deixaba este comentario en arqueoneixon: Por cantas mans pasaría no seu longo percorrido dende o val do Najerilla á ribeira da Ría de Arousa? Por qué a razón da súa viaxe? Mercadoría ou agasallo? Resulta incríble pensar que catro anacos de barro traballado conleven un sinfín de preguntas que dan pé a unha viaxe imaxinativa a través do tempo. Isto si que é divulgación científica.

Fotografía de Yolanda Porto Tenreiro.

Mangoneando


Hoxe na edición Barbanza de La Voz de Galicia sae a toda páxina unha reportaxe sobre as escavacións en Neixón de 2011. Grazas ao enorme labor de comunicación de Víctor Barbeito, mistúranse churras con merinas, campañas de escavación, inzando o texto de informacións erróneas. Xa se sabe a río revolto ganancia de pescadores. Para exemplo, un mango:

Entre los restos que se han encontrado en el campo de trabajo boirense también figuran partes de herramientas como un mango de marfil de origen fenicio y que los expertos han datado en el siglo V de antes de Cristo. Los estudios indican que algún poblador del castro lo desechó al romperse su empuñadura.

Esta peza procede do nivel medio do concheiro (UE 036) que rechea o foso S da entrada SE ao Castro Grande. O especialista en arqueofauna Carlos Fernández (Universidade de León) levou a cabo un exhaustivo estudo da peza no seu día e publicouno no primeiro volume dos Castros de Neixón (2005).
Este mango está realizado nun fragmento de luitadeira de hasta de cervo, de forma troncocónica, cunhas dimensións de 57.5 mm de lonxitude máxima, de 17.3 a 19.5 mm de diámetro no extremo inferior e entre 13.1 e 14.2 mm de diámetro no superior. A forma lixeiramente ovalada das súas secións resposta á propia morfoloxía do fragmento de hasta en que se realizou. Citamos a continuación este estudo:
A peza presenta a superficie exterior totalmente alisada e pulida, eliminándose a estrutura irregular, rugosa, que caracteriza a corna dos cérvidos. Por outra banda, e para facilita-la inserción dun vástago, do interior extraeuse parcialmente (en dúas terceiras partes da peza) o tecido esponxoso, mediante un raspado cun obxecto punzante dende a abertura inferior, tal e como se pode constatar a partir das pegadas lonxitudinais que se conservan na superficie interior da pieza. Na súa parte inferior presenta catro perforacións, afrontadas dúas a dúas, a diferentes alturas pero moi próximas á base, que terían servido para introducir remaches que suxeitaran de forma estable a peza enmangada. Unha das perforacións inferiores presenta unha rotura antiga que acada o extremo da peza, quizais quedando deste xeito inservible o mango. Finalmente, o tercio superior aparece decorado mediante unha serie de catro molduras redondeadas lisas superpostas de diferentes tamaños.
A realización de mangos en materias duras de orixe animal é bastante habitual na até o de agora escasa industria ósea de época castrexa, utilizándose de forma maioritaria a hasta de cervo como materia prima preferente para a elaboración deste tipo de pezas, aspecto que tamén podemos constatar noutras áreas geográficas próximas, como Asturias ou a Meseta.
De todas elas, a peza máis semellante en canto á súa concepción morfolóxica (dimensións semellantes, forma tubular e perforación para remache) é a recuperada no castro de A Peneda do Viso (Pontevedra), posiblemente fracturada durante o proceso de fabricación. O que sen dúbida resulta novedoso nesta peza de O Neixón é a decoración mediante molduras, para a que non contabamos con exemplos previos, se ben xa temos sinalado o limitado número de evidencias de industria ósea que foron documentadas. Este deseño decorativo faise habitual en época romana, aínda que o emprego de tornos facilita a elaboración de pezas de acabado máis regularizado e simétrico, en tanto que ésta que estamos analisando, tallada e pulida de forma manual, presenta irregularidades e, loxicamente, a simetría non é en absoluto perfecta, a pesares do cal a calidade final do traballo resulta destacable.

Polo tanto de marfil e de fenicios nastideplasti. O que temos aquí é un depósito intencional de obxectos apropiados simbolicamente nesta entrada SE, e non unha lixeira onde os primitivos guindaban as ferramentas inútiles. Doutra volta, cómpre remarcar que este mango, datable por C-14 no século III A. C., amosa evidencias de ter sido feito con torno, unha innovación que chegaría ás Rías Baixas co comercio púnico.

http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/07/27/0003_201107B27C3995.htm

26/7/11

Guinea en Compostela



Este venres pasado, na Facultade de Ciencias Políticas da USC o escritor de Guinea Ecuatorial Juan Tomás Ávila Laurel deu unha conferencia titulada Escritores de Guinea Ecuatorial, entre a desidia e o colaboracionismo. Este home, exiliado en Barcelona, leva anos denunciando publicamente a ditadura demencial de Obiang e as condicións ás que ten sometido o seu país natal. Algo disto puidestes ver neste noso blogue tralo noso paso por Guinea Ecuatorial.
Blogue de Juan Tomás Ávila Laurel:
http://www.fronterad.com/?q=blog/18

Fazouro multicultural





0 castro de Fazouro é toda unha síntese material da realidade do Patrimonio arqueolóxico galego hoxendía. Un chalet ergueito no seu día sobre o solar do poboado fortificado que lonxe de ser destruído se atopa en venda polos seus propietarios. O curioso é que hai pouco ergueuse outra choupana prefabricada, non vaia ser. A sinaléctica á entrada do castro é, simplemente, demencial, incluíndo unha Regla de Edades (sic) e un texto inintelixible para o común das persoas que visiten o castro. Completa o conxunto a liña do FEVE, a vella estación e un edificio ferroviario anexo, a xeito de almacén, reconvertido hoxendía en mesquita. Xa vedes, conflúen en Fazouro dous procesos que afectan á sociedade galega, ou máis ben son produto dela: a destrución do Patrimonio en aras do progreso, e o xurdimento de comunidades multiculturais ás que o mundo castrexo galaico (como reza o cartel) pouco ou nada lles pode dicir, agás que troquemos o modelo de xestión e divulgación do Patrimonio arqueolóxico deste país.

Lección maXistral





No outono de 1999 pasamos unhas cantas semanas pola serra do Xistral facendo un traballo de avaliación de impacto arqueolóxico do que logo sería a desfeita dos parques eólicos alí chantados contra toda lóxica divina e humana. Voltar a esas terras montesías de turbeiras, bestas e abrigos rochosos, cando un xa ten a ánima lascada cos cristais da vida, non deixa de ser unha oportunidade de voltar mirar unha paisaxe abraiante. A xente do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (e o mítico bus de La MontañeSa de La Cuesta) déronnos esta nova oportunidade de admirar materializados microtopónimos xa clásicos no Paleolítico e Epipaleolítico galegos, entre outras cousas.

19/7/11

Neixón na Terra Chá


A segunda comunicación que presentaremos en Vilalba amosará o traballo de investigación en curso sobre o Castro Pequeno de Neixón, tentando acomodar os datos aportados pola paleometalurxia, as ciencias da terra, a reconstrución 3D do xacemento, etc... Pero quizabes o máis chamativo desta comunicación é que se trata do primeiro artigo científico publicado sobre este xacemento dende 1973. Todo un síntoma desa querencia da Arqueoloxía galega pola tradición oral. En 2003 revertimos esa tendencia, poñendo en coñecemento da comunidade científica, os voluntarios e a comunidade local os resultados das nosas intervencións, en tempo real, e niso seguimos. Pola contra, parece que Neixón segue abocado a aqueles tempos: os encargados de escavar Neixón dende 2009 levan tres campañas con esta e non publicaron unha soa liña, nin deron unha soa charla á comunidade local, nin publicaron nada na Rede ao respecto. Unicamente se pode seguir pola prensa o desenvolvemento desas intervencións. Pero claro, esta é a verdadeira Arqueoloxía científica: canta máiss fomración mellores resultados... A este respecto,cómpre lembrar que entre 2003-2008 o cerne do proxecto de Neixón foi o traballo con voluntarios de todo o mundo. E o que diga que esa xente non tiña formación nin valía para levar a cabo unha investigación arqueolóxica minte coma unha bellaco. Aí están os resultados, ao alcance de todo o mundo.

Reconstrución 3D do Castro Pequeno de Neixón (Patricia Mañana, LAPA, CSIC). Neixón foi un dos sitios pioneiros en Galicia onde se aplicou esta tecnoloxía en 2008.

18/7/11

Imonos á Vilalba


Esta semana marchamos ao IIº Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba, onde o noso equipo de investigación do proxecto dos castros de Neixón presenta interesantes novedades sobre o Castro Pequeno de Neixón. A primeira comunicación amosa a estratexia de traballo abordada no marco do proxecto Xeoarqueoloxía e reconstrución paleoambiental. Metodoloxía aplicada a contextos arqueolóxico-culturais dirixido por Manuela Costa Casais (LAPA, CSIC). Programa sectorial de investigación aplicada, Peme I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (Incite) correspondente ao programa sectorial de Sociedade e Cultura (SEC). Dentro desta iniciativa levouse a cabo un estudo integral das mostras extraídas na escavación arqueolóxica do Castro Pequeno de Neixón, cuns resultados máis ca interesantes.

Estruturas arqueolóxicas: estratexias metodolóxicas das Ciencias da Terra (o Castro Pequeno de Neixón).

Manuela Costa Casais; Joeri Kaal; Xurxo M. Ayán; Rebeca Tallón e A. Martínez Cortizas

Fotografía: depósito de cinza nunha estrutura de combustión dun obradoiro metalúrxico de bronce no Castro Pequeno de Neixón (1ª Idade do Ferro). Campaña de 2008.

12/7/11

Os camiños da vida


Na ría de Arousa, como en Galicia en xeral, experiméntase un conflicto entre a Tradición e a Modernidade, entre a vella cosmovisión das comunidades rurais e mariñeiras e un novo modelo de implantación no territorio no que prima o tempo sobre o espazo, a explotación económica acelerada sobre o sostenemento sostible. Un bo exemplo son as dúas pontes da vía rápida do Barbanza entre Taragoña e Cespón erguidas nos últimos 15 anos. Trazadas dacordo cun proxecto racional e moderno, estas obras de enxeñería constitúen unha obra pública de interese estratéxico para a Comunidade Autónoma, que permite á cidadanía percorrer o Barbanza a unha velocidade impensable décadas atrás. No que non repara ninguén é que esta infraestrutura se sobreimpuxo sobre os intereses da comunidade local, a xente que reside nese espazo e que queda fóra do valado da autovía, e polo tanto, fóra da realidade, do interese común, do presente urbano e cosmopolita da Galicia atlántica. Esas pontes conlevaron un impacto crítico sobre o espazo natural, trocaron as dinámicas deposicionais naturais, fixeron esmorecer unha das zonas máis férteis en capturas marisqueiras de toda a ría de Arousa. Estes danos colaterais son solucionados pola Administración pagando ás mariscadoras por non iren mariscar e erguendo peiraos e pequenos portos cos refugallos dos materiais sobrantes da obra.
Estas pontes son unha metáfora arquitectónica da carta de defunción dun mundo que marcha definitivamente. A lóxica capitalista que preside o presente non se decatará xamais que sobre este espazo para explotar e interconectar se estende outro espazo simbólico, imaxinario (Ayán e Arizaga 2005) no que os camiños da vida xogan un papel fundamental: os túneis dos mouros por debaixo da ría, as corredoiras efémeras na area polas que andaba a xentiña durante a seca para cruzar a outra beira, as congostras onde moceaban os nosos vellos camiño das festas noitaregas como marabillosamente amosou Toño Chouza na súa curta documental O Camiño da Loureira .
No noso traballo coa Asociación de Veciños Neixón de Cespón no marco do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón recopilamos fotografías dos vellos arquivos familiares (Dabezies 2009). Unha delas era un retrato dos anos 50 dos escolares do colexio da parroquia; ao ver esta fotografía, un veciño sinalounos que dúas das nenas eran da aldea de Nine, porque levaban postas senllas botas enlamadas. Daquela a congostra dende a igrexa a Nine e a Neixón era un camiño enlamado no inverno, un punto negro nas procesións fúnebres. A través da metahistoria dese camiño fomos reconstruíndo a historia da parroquia na segunda metade do século XX. Por ese mesmo camiño os mozos de Cespón levaban a ombreiros as imaxes cara aos castros de Neixón, na primeira edición da fanmosa Romería, en 1978. Hoxendía os santos van empoleirados sobre dous coches engalanados que ceremonialmente discorren polo camiño embreado e cinguido polos postes da luz.
A isto nos referimos cando falamos da necesidade de levar a cabo unha etnoarqueoloxía da paisaxe tradicional galega, unha paisaxe vertebrada polos camiños antigos, que sempre nos levan ao pasado, pero que tamén nos conducen, mal que ben, ao futuro.

Do noso artigo Entre ambas as dúas rías.

Fotografías: procesión da Romaría de Neixón en 1978 e 2009. Relixiosidade popular e vías de tránsito.

Entre ambas as dúas rías.

Entre Ambas as Duas Rias

11/7/11

El campo de trabajo de Neixón exige este año más formación a los alumnos


Asegúrovos que isto non é unha broma [as negriñas son nosas]

A mayor formación, más y mejores resultados. Esta es la máxima de la organización del campo de trabajo de Neixón, que estará formado por 35 alumnos y técnicos con amplios conocimientos en arqueología, catorce de ellos pertenecientes a la universidad de Arizona. La única escuela que ofrece en Galicia prácticas en esta ciencia prevé con este cambio de estrategia que el volumen de hallazgos y conocimientos adquiridos de los participantes aumente en relación a años anteriores.
En las jornadas, que comenzarán el 18 de este mes y finalizarán el 12 de agosto, se actuará en los dos castros del yacimiento boirense. Además, se tratarán de consolidar estructuras descubiertas en ediciones anteriores. El campo de trabajo de Neixón permitirá que los alumnos extranjeros -mediante un convenio con la universidad americana- puedan convalidar estas prácticas para que formen parte de su expediente.

Dificultad
Esta posibilidad, en cambio, no la tendrán los alumnos gallegos y españoles, que deberán conformarse con plasmar en su currículo el trabajo llevado a cabo, lo que les ofrecerá un valor añadido teniendo en cuenta la dificultad que supone acceder a unas prácticas especializadas como las que se desarrollan en el municipio boirense.
El Concello de Boiro y la Dirección Xeral de Xuventude han llegado al fin a un acuerdo para que los jóvenes que participen en el campo de trabajo puedan alojarse en el campamento de Espiñeira las semanas que duren las excavaciones. La Diputación financiará buena parte de las acciones que se lleven a cabo.


La Voz de Galicia, edición Barbanza, 8/07/2011
http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/07/08/0003_201107B8C6992.htm
Fotografía: verdadeiro campo de traballo con voluntarios en NEIXÓN, 2003.

7/7/11

O depósito 9







Cada unha destas manchas correspóndese cunha tumba, formada por unha foxa escavada orixinariamente no sustrato areoso, na duna que ocupa toda a zona. Estas foxas foron seccionadas polo labor das retropalas, polo que, en moitos casos, se ten preservado unicamente a metade ou un terzo da estrutura.
O seguimento da escavación da alcumada por nós tumba 9 permitirános explicar graficamente a metodoloxía de traballo empregada. Neste caso, a limpeza do perfil deixou en evidencia a presenza dunha destas foxas, incluídos varios obxectos metálicos (nocelleiras, machados) vencellados a ela. Unha vez definida a estrutura no perfil, encetamos unha sondaxe en pranta para exhumar a totalidade da tumba. Nesta segunda fase escavamos con todo detalle o depósito do interior da foxa, rexistramos coa estación topográfica a localización de cada obxecto, tomamos mostras edafolóxicas e radiocarbónicas e debuxamos todo o enxoval funerario. Unha escavación arqueolóxica non deixa de ser unha destrución controlada, polo que todo este traballo de rexistro e documentación minuciosa é fundamental para xerar coñecemento sobre esa sociedade do pasado e para reconstruir unha imaxe rigorosa do ritual funerario. No debuxo de Mario Trigo podedes ver unha recreación hipotética da disposición do cadavre a partir dos dados extraídos durante a escavación da tumba 9.

6/7/11

Un bo perfil



A importancia do descubrimento xustificou unha segunda campaña máis ambiciosa que contase cun equipo máis amplio con vistas a abordarmos unha escavación en área na zona sondeada previamente en 2009. O obxectivo da escavación en área era definir a funcionalidade do xacemento como zona funeraria, ritual ou ambas as dúas. Cómpre ter en conta que en África centro-occidental se coñecían até esta data tumbas ailladas pero non camposantos propiamente ditos. Pola súa vez, o avance das obras redimensionaba o proxecto, converténdoo no primeiro proxecto de correción de impacto arqueolóxico dunha obra pública realizado en Guinea Ecuatorial.
A construción do aeroporto afectou a todo o xacemento coa apertura de pistas e a escavación con medios mecánicos para extraer area. Estas obras deixaron á vista unha serie de perfís vivos nos que se documenta a secuencia estratigráfica. A primeira tarefa que encetamos foi a limpieza sistemática destes perfís nos que comezaban a definirse unha serie de manchas de terra marrón escura...

Mad Max


En liñas xerais, o aeroporto estaba destruíndo na súa totalidade un grande xacemento arqueolóxico, localizado na pradeira de Nandá, con tumbas intactas inzadas de obxectos perfectamente conservados (machados, brazais, colares e culleres de ferro, vasillas e botellas cerámicas) datadas por C-14 entre os anos 410-640 da nosa era, no que nesta zona de África se considera a Idade do Ferro Antigo. Estas estruturas e obxectos vencellados a actividades rituais eran moi semellantes, a priori, a outros xacementos da mesma cronoloxía atopados no sur de Camerún nos últimos anos.

4/7/11

Un xacemento de altos voos


Mandji posúe unha extensión de 15 km2 con 6 km no eixe N-S e 5 km no eixo E-W. Apenas un 1 % da illa se adica á explotación agraria. Moi alonxada do centro político de Guinea Ecuatorial (só 24 km sepárana de Gabón), a illa tense convertido nun elemento central da política desarrollista do goberno no marco da explotación petrolífera do golfo de Guinea. Na actualidade, as autoridades ecuatoguineanas están executando un proxecto de reconversión da illa en destino turístico internacional. Esta iniciativa deu lugar á construción dun aeroporto na parte E de Mandji que afecta ao 30 % da superficie total da illa. As obras permitieron documentar unha grande cantidade de restos arqueolóxicos, sobre todo vasillas cerámicas decoradas, algunha das cais foi levada como curiosidade ao Centro Cultural Español en Bata. O interés dos restos levou a organizar unha primeira campaña de prospeción arqueolóxica en 2009 (González et al. 2011) que permitiu calibrar o alcance real do descubrimento.

González Ruibal, A.; Picornell, Ll. e Valenciano, A. 2011. Early Iron Age burials from Equatorial Guinea: the sites of Mandji island. Journal of African Archaeology, 9(1).

Arqueoloxía postcolonial


Este proxecto supuxo a reactivación da investigación arqueolóxica en Guinea Ecuatorial tras décadas de inactividade no estudo da Prehistoria recente desta zona de África. Durante o primeiro franquismo, na década de 1940, levouse a cabo unha expedición etnográfica e arqueolóxica dirixida polo falanxista Martínez-Santaolalla, dende un enfoque colonial propio da época. Posteriormente, até a independencia do país en 1968, serían misioneiros claretianos os responsables das únicas actuacións arqueolóxicas realizadas na colonia, destacando neste aspecto o traballo de Martín del Molino na illa de Bioko (antiga Fernando Poo) ou as sondaxes praticadas por R. H. Perramón en diferentes xacementos arqueolóxicos insulares e continentais. Desde entón a Prehistoria de Guinea Ecuatorial atópase nas marxes da axenda arqueolóxica internacional, o que deu lugar a un baldeiro arqueolóxico que contrasta co avance recente das investigacións nas rexións limítrofes de Camerún e Gabón. Até este momento só contabamos coas aproximacións de Bernard Clist nunha tentativa de enmarcar os escasos xacementos arqueolóxicos guineanos coñecidos dentro das dinámicas rexionais de África central occidental (Clist 1998). Neste contexto, o noso proxecto contribúe a superar este baldeiro arqueolóxico así como a recuperar unha Idade do Ferro praticamente descoñecida e ignorada non só polo discurso historiográfico oficial senón tamén polo conxunto da cidadania ecuatoguineana.

Fotografía: detalle das escavacións na necrópole de Nandá, no aeroporto de Mandji.

Mandji 2011


Entre os meses de xaneiro e febreiro de 2011 un amplo equipo interdisciplinar de investigadores españois realizou traballos arqueolóxicos na illa de Mandji (Guinea Ecuatorial) no seo dun proxecto financiado polo Ministerio de Cultura do Goberno de España, dentro do programa anual de arqueoloxía no exterior, e maila Axencia Española para a Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID). Este proxecto contemplou catro liñas de actuación básicas, desenvoltas todas elas en estreita colaboración coas autoridades guineanas:
• Realización dunha escavación de urxencia nos terrenos afectados pola construción dun aeroporto na illa de Mandji, coñecida habitualmente polo seu nome portugués: Corisco.
• Labores de formación, coa incorporación de persoal guineano nos traballos arqueolóxicos de campo.
• Desenvolvemento dunha liña de investigación en arqueoloxía histórica, centrada no impacto material da presenza europea na zona, con especial atención ao colonialismo español.
• Plantexamento dunha arqueoloxía pública na illa de Mandji, mediante actividades de divulgación e difusión coa comunidade e o alumnado locais.


Figura: A visión idealizada del colonialismo español: mapas elaborados polos misioneIros claretianos.

Ya en su kiosko


Xa tedes no kiosco un bo resumo da intervención arqueolóxica que fixemos na illa de Mandji (Corisco) este inverno pasado, por terras insulares de Guinea Ecuatorial.

Xurxo Ayán, Alfredo González, Sonia García, Carlos Otero, LLorenç Picornell, Manuel Sánchez-Elipe, Mario Trigo, Francesca Bayre, Alba Valenciano e Yolanda Porto. 2011. Arqueología en el estuario del Muni (Guinea Ecuatorial).
Revista de arqueología, Nº 362, 2011: 24-33