Mostrando las entradas con la etiqueta campaña 2008. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta campaña 2008. Mostrar todas las entradas

18/7/11

Imonos á Vilalba


Esta semana marchamos ao IIº Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba, onde o noso equipo de investigación do proxecto dos castros de Neixón presenta interesantes novedades sobre o Castro Pequeno de Neixón. A primeira comunicación amosa a estratexia de traballo abordada no marco do proxecto Xeoarqueoloxía e reconstrución paleoambiental. Metodoloxía aplicada a contextos arqueolóxico-culturais dirixido por Manuela Costa Casais (LAPA, CSIC). Programa sectorial de investigación aplicada, Peme I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (Incite) correspondente ao programa sectorial de Sociedade e Cultura (SEC). Dentro desta iniciativa levouse a cabo un estudo integral das mostras extraídas na escavación arqueolóxica do Castro Pequeno de Neixón, cuns resultados máis ca interesantes.

Estruturas arqueolóxicas: estratexias metodolóxicas das Ciencias da Terra (o Castro Pequeno de Neixón).

Manuela Costa Casais; Joeri Kaal; Xurxo M. Ayán; Rebeca Tallón e A. Martínez Cortizas

Fotografía: depósito de cinza nunha estrutura de combustión dun obradoiro metalúrxico de bronce no Castro Pequeno de Neixón (1ª Idade do Ferro). Campaña de 2008.

7/1/11

Actuacións arqueolóxicas


Seguindo coa publicación en liña dos resultados do noso proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón incluímos no apartado de produción científica os resumos das campañas 2006, 2007 e 2008 dentro da serie Actuacións arqueolóxicas da Xunta de Galicia.

Ayán Vila, X. M. e González Pérez, L. 2008. Escavación arqueolóxica no Castro Grande de Neixón (Boiro, A Coruña). Actuacións arqueolóxicas 2006: 35-6. Santiago: Xunta de Galicia.

González Pérez, L. e Ayán Vila, X. M. 2009. Escavación arqueolóxica no Castro Grande de Neixón (Boiro, A Coruña). Actuacións arqueolóxicas 2007: 44-5. Santiago: Xunta de Galicia.

Ayán Vila, X. M. e Franco Fernández, M. A. 2010. Escavación do Castro Pequeno de Neixón (Boiro, A Coruña). Actuacións arqueolóxicas 2008: 46-8. Santiago: Xunta de Galicia.

Figura: depósito ritual da 1ª Idade do Ferro no Castro Pequeno de Neixón. Campaña de 2008.

17/2/10

Gracias


Por iso a comunidade local é para nós unha fonte de coñecemento básico do espazo no que traballamos. A Asociación de Veciños Neixón de Cespón é para nós tan importante como o Laboratorio de datacións de C-14 de Uppsala en Suecia, os especialistas en paleometalurxia ou os investigadores pre e postdoutorais implicados no proxecto. A campaña de 2008 materializou a Arqueoloxía social que predicamos. Gracias a todos.

Etnoarqueoloxía do Castro Pequeno


Estas pequenas pinceladas que vimos de esbozar sobre o Castro Pequeno de Neixón conformarán un grande mural ao longo deste ano, por tres motivos:
1. As analíticas edafolóxicas, sedimentolóxicas e datacións radiométricas que se realizarán nos próximos meses no marco dun interesante proxecto do Plan Galego dirixido pola nosa compañeira Manuela Costa Casais.
2. A fundamentación dunha hipótese integral do xacemento no capítulo 7 da tese de doutoramento en vías de finalización: Casa, familia e comunidade na Idade do Ferro do NW de quen isto escribe.
3. O coñecemento xerado por unha estratexia de investigación etnoarqueolóxica interdisciplinar aplicada ao rexistro arqueolóxico exhumado.
O noso traballo en Etiopía fornece datos interesantes para comprender como funciona a comensalidade, os banquetes, a metalurxia e a tecnoloxía en comunidades premodernas. Na foto podedes ver o local de traballo dun ferreiro nun poboado gumuz en Etiopía occidental e o escaso ou nulo rexistro arqueolóxico que restará desa actividade. Así podemos maxinar o obradoiro metalúrxico do Castro Pequeno, por exemplo.

Líticos



A campaña de 2008 forneceu asemade unha mostra ampla de úteis líticos (62 pezas) que permite coñecer mellor o instrumental empregado polos habitantes do Castro Pequeno para diferentes actividades. Neste senso, compróbase unha vez máis, a utilización sistemática das materias primas locais (xisto, seixo, cuarcita) propias do sustrato rochoso da Punta de Neixón, complementada coa amortización de coios procedentes das praias anexas. Só para a fabricación de determinados úteis, como poden ser os muíños barquiformes, empregouse granito, non presente na zona onde se empraza o asentamento. Tambén cómpre destacar a presenza de pequenos úteis tallados en cristal de rocha.
Entre o material lítico destaca a localización de muíños barquiformes no espazo doméstico conformado pola cabana 1, así como a concentración de anacos de turmalina na metade E do interior da cabana de pedra 3. Asemade, un muíño barquiforme fragmentado en dous anacos apareceu cinguindo a porta desta estrutura. Especial interés amosan os fragmentos de grella de forno decorada con incisións, realizada en esteatita, materia prima non local que se ubica nas terras interiores do Deza. Fragmentos semellantes téñense localizado en xacementos galegos do Ferro I coma o Castro Leboreiro na península de O Morrazo.

Arqueoloxía do Misterio


Agardando polas análises edafolóxicas da mostra extraída do interior da foxa non estamos en condicións nin sequera de plantexar un uso funerario desta estrutura. Non obstante, sí semella clara a súa relación cun rito fundacional que con variantes vai ter éxito ao longo da Idade do Ferro con depósitos de cacharros cerámicos baixo o pavimento das vivendas en castros como Castromao ou Castrolandín. En definitiva, esta cabana do Castro Pequeno de Neixón non é un espazo doméstico ao uso, senón unha construción de carácter cultual, ben definida arquitectonicamente, e que posúe notables paralelos noutros poboados fortificados do NW como A Santinha, Torroso, Punta dos Muros ou Chao Sanmartín, reflectindo un tipo de prática social levada a cabo por estas comunidades do Ferro I.

Fragmentos de realidade



A fragmentación de elementos da cultura material é un proceso cultural documentado na área atlántica xa ao longo da Prehistoria Reciente; recordemos o exemplo das necrópoles de cistas, a deposición de anacos cerámicos nos buratos de poste nas cabanas na Idade do Bronce e Idade do Ferro de amplas zonas das Illas Británicas, ou a manipulación de cadavres animais e humanos en rituais funerarios que supoñían o desmembramento dos corpos e a creba de obxectos en espazos liminais como os foxos dos poboados e en estruturas sancionadas simbolicamente como foxas de almacenamento de cereal. O Castro Grande de Neixón é un bo exemplo destas prácticas na 2ª Idade do Ferro como sabedes os e as seguidoras de Arqueoneixon.

Un depósito ritual


En conxunto, toda unha serie de evidencias fannos sinalar este espazo coma unha arquitectura singular claramente ritualizada mediante deposicións tencionadas de obxectos metálicos nos muros, de materiais significativos como anacos de turmalina ao carón dunha estrutura delimitada por un bloque de pegmatita, de dous fragmentos dun mesmo muíño barquiforme a ámbolosdous lados da porta, dun pote depositado no exterior do muro e coa presenza dunha estrutura a xeito de foxa fundacional da cabana.
Esta foxa con cinzas e anacos dun caldeiro de bronce de chapas con remaches de tradición atlántica, preséntase coma un caso máis dun tipo de depósitos comúns en castros antigos anteriores a fins do s. VII a. C. como Torroso, Coto da Pena, A Lanzada, Chao Sanmartín, Campa Torres, La Mazada de fins do s. VIII (Armada Pita 2008: 130-1, tabla 1). Dentro deste marco xeral, esta estrutura do Castro Pequeno constitúe un exemplo ben contextualizado dunha prática ritualizada semellante á documentada no sector necrópole do cacemento abulense de Sanchorreja (González-Tablas 1990; Armada 2008: 138). Aquí caldeiros de bronce de semellantes características foron obxecto dun ritual de cremación que implicou a súa fragmentación intencional, o seu paso polo lume e a súa deposición final en buratos coas cinzas do defunto.

Un contexto pechado



No interior da cabana, fronte á porta, atopamos un depósito circular de pedras (UENEI06011) dentro do cal se rexistrou a metade dun cacharro de bordo protoarestado cunha espiga ungulada como único motivo decorativo no ombro, e anacos de bronce, algún probablemente pertencente a un caldeiro. Retiradas as pedras, documentamos pegadas do pavimento de xabre e por debaixo unha foxa escavada no sustrato rochoso (60 x 40 cm) enchida de cinzas (UENEI06040) e fragmentos con remaches da placa dun caldeiro de bronce.

Un sitio especial


Este muro semella definir unha cabana circular da que só se conserva o paramento da metade W sendo probable que o resto fose desmantelado tralo seu abandono. No interior desta cabana 3 documentamos restos do seu nivel de ocupación (UENEI06009) unha terra marrón clara con algúns pegotes de pavimento de abre malamente conservados. Neste solo rexistramos algúns elementos construtivos interesantes coma un calzo de poste (UENEI06012) ou unha peculiar estrutura de combustión (UENEI06017), de arxila compactada e forma ovoide en pranta, con restos de ocre, ao carón de dous bloques de pegmatita asentados alí tencionadamente (fotografía).

A cabana de pedra


Os dous tramos conservados do paramento murario (UENEI06008) da cabana 3 apareceron directamente por debaixo da capa vexetal (UENEI06001). O tramo setentrional mide 1.40 m de lonxitude, ten unha anchura media de 50 cm e presenta en pranta unha forma curva. No extremo NE atópase esborrallado identificándose algunhas pedras que orixinariamente formarían parte del. Nesta zona aparece unha veta de xisto na que aínda se indentifica o nivel de roza para asenta-lo muro. Entre este tramo e o seguinte disponse claramente a porta de entrada, de 1.20 de longo, e orientada cara ao W. O outro tramo do muro UENEI06008 consérvase bastante mellor, até chegar aos 2.30 m. A técnica construtiva é cachotería que emprega blocos de xisto recuperado do pé dos cantís da Punta de Neixón.

"El Templo del Metal"



Un fenómeno íntimamente vencellado cos primeiros poboados fortificados é a persistencia dunha actividade metalúrxica importante de tradición atlántica. A presenza de obradoiros e obxectos metálicos como caldeiros de bronce, puñais de antenas ou machados de tubo ten sido posta de manifesto por un sector amplo da investigación que plantexa unha especialización artesanal de determinados asentamentos, residencia dunhas elites que controlarían a produción e os intercambios comerciais a media e longa distancia na transición do Bronce Final ao Ferro 1. Dentro destes parámetros, o control fenicio do comercio do estaño é visto coma un verdadeiro acicate para o desenvolvemento das comunidades castrexas do litoral e o seu vencello coas áreas de extración de mineral. No caso do Castro Pequeno de Neixón, os seus escavadores aplicaron de maneira acrítica este modelo, utilizando as innegables evidencias localizadas (machado de tope de dous aneis, caldeiro tipo Hío, en Acuña 1977: 250) coma unha proba dunha puxante metalurxia e como exemplo dos intercambios comerciais cos fenicios. Ungüentarios fenicios en troques de estaño é a idea promovida por eses traballos de escavación, sancionando unha visión que permaneceu até hoxendía, se ben retrasando un pouco a cronoloxía deses intercambios.
Pouco ou nada se ten feito para profundizar neste papel do Castro Pequeno como centro metalúrxico do Ferro 1. Nin se teñen levado a cabo (e/ou publicado) análises metalográficas, nin se ten profundizado nesta posible relación entre recursos estanníferos e asentamento. Nestas estamos.

Debuxo de anacos de crisois cerámicos de fundición de bronce e fotografía dun deles con restos solidificados da colada metálica (cor verdosa).

Bronce


Os achados metálicos da campaña 2008 no Castro Pequeno de Neixón veñen corroborar a importancia da actividade broncista no asentamento durante a 1ª Idade do Ferro, pero cunha diferencia fundamental: por primeira vez contamos cunha secuencia estratigráfica ben documentada e con estruturas relacionadas con eses restos metálicos que fornecen datos sobre o seu contexto de uso, tanto primario como secundario. A este respecto, contamos con evidencias que remiten a toda a cadea técnico-operativa da metalurxia do bronce: anacos de mineral, moldes de fundición, crisois cerámicos, pingueiras de fundición, fragmentos de grella de forno así como obxectos acabados: regatóns, fragmentos de fíbulas, agullas, varillas, aro, etc...
Asemade, constatamos unha concentración de restos na metade W do sector escavado, relacionados con catro construcións definidas claramente en pranta:

Debuxo dalgúns dos materiais de bronce exhumaos na campaña de 2008.

Obradoiro metalúrxico



En uso tamén durante esta fase de ocupación estivo o conxunto de estruturas documentado no N da área escavada e que interpretamos coma un obradoiro metalúrxico cinguido por calzos de poste que protexerían unha área de actividade arredor dunha estrutura de combustión (UENEI06033) conformada por pedras e xisto e de cuarcita, a xeito de caixa de forma circular en pranta, de 90 x 75 cm. A rentes da cara oriental da estrutura espállase un depósito de queimado (UENEI06034). Documentáronse un anaco de molde de fundición e máis un anaco de bronce. Retiradas as pedras da lareira apareceu unha pedra labrada de forma circular como asento da antedita estrutura. Ao NW esténdese un grande bloque plano de xisto probablemente empregado nos labores metalúrxicos. Nesta área documéntase unha grande cantidade de materiais vencellados á metalurxia do bronce (escouras, anacos de moldes de arxila, goteiras...).

Fornos


Estas dúas cabanas delimitan un espazo aberto no que documentamos evidencias vencelladas coa actividade metalúrxica de bronce. Un sedimento apelmazado de cor parduzca cobría tres estruturas térreas rubefactadas de 30 x 60 cm e forma aproximadamente circular, con pequenas pedras de xisto asociadas e unha grande cantidade de coios e seixos(UENEI06019) esparexidos por toda a superficie. Tres bloques de xisto de tamaño medio delimitan polo W dúas das estruturas, dando paso a un burato de poste con calzos de pedra (UENEI06021, UENEI06022).
Destaca a presenza de goteiras de fundición de bronce e algúns pequenos pegotes de ocre. A morfoloxía destas estruturas comparte características formais con pequenos fornos vencellados á metalurxia do cobre e do bronce documentados noutros xacementos castrexos.

Cabana 2



Pola súa vez a cabana 2 non puido ser identificada a súa forma en pranta, conservándose unicamente un conxunto disperso de calzos de poste e un depósito amarelento con abundantes restos de combustión (UENEI06036) adscribible ao pavimento da estrutura. O avance do mar destruiu parte do xacemento nesta zona, algo común nos castros do litoral, malia que non se atopen en áreas a mar aberto. Un fogar cun amplo depósito de queimado adentrábase no perfil NW da cata. Este tipo de construcións obedecen a un modelo arquitectónico de meirande entidade ca no Bronce Final malia que segue empregando materiais perecedoiros. A este respecto, constátase unha vontade de individualización dunhas cabanas cuxa estrutura se basa en grandes postes de madeira; a meirande entidade e visibilización destas edificacións reflíctese tamén na construción de estruturas de combustión que semellann servir de eixo vertebrador do espazo doméstico.

Foto: restos do pavimento da cabana 2. Vista cara a o SW.

16/2/10

A cabana 1


Na metade meridional da área escavada documentamos restos vencellados a unha cabana erguida con materiais perecedoiros (cabana 1), cuxa forma en pranta non é doada de reconstruír mais semella fose oblonga. Un aliñamento de calzos de pedra parecen definir o contorno SW-SE da estrutura, destacando un bloque de xisto plano que orixinariamente puido estar vencellado co acceso ao interior da construción. No interior desta edificación destaca a lareira UENEI06004, con placa de arxila rufrefactada sobre unha camada de xistos, cuarcitas e seixos. Ao carón desta estrutura de combustión consérvanse os calzos de pedra (UENEI06006) dun burato de poste relacionable co sistema de suxeción da cabana. Nesta zona do interior da estrutura, contra o perfil W do sector de escavación, rexistramos varios materiais do enxoval doméstico como utensilios líticos entre os que cómpre subliña-la presenza dun muíño barquiforme. Salientable é tamén a concentración nesta área de materiais relacionables coa actividade metalúrxica de bronce (moldes e crisois nomeadamente).

Foto: vista da cabana 1 en pranta durante o proceso de escavación.

Segundo nivel de ocupación


Selando a impronta desa arquitectura en negativo exténdese unha segunda ocupación materializada nun conxunto de estruturas que se espallan por toda a superficie da área escavada, malia que concentradas na metade occidental do sector. Estas constucións e áreas de actividade son a consecuencia dunha ocupación intensiva do espazo e dunha reordeación e complexización notable do espazo doméstico, fenómeno que poñemos en relación coa construción efectiva do poboado fortificado.

Plano: Ditribución de estruturas da segunda fase de ocupación no Castro Pequeno.

De aldea aberta a poboado fortificado


A delimitación espacial deste tipo de asentamentos viría dada polo sistema defensivo, iniciándose a contrución do foxo, do que se extraía a materia prima empregada no levantamento de parapetos e murallas. Posteriormente, a arquitectura doméstica utilizaba como referente espacial a cara interna do recinto amurallado, carecendo de cimentación. Este modelo constátase no Castro Pequeno na área escavada nos anos 70 e rehabilitada hai escasos anos. Outro aspecto interesante documentado este ano é o tremendo traballo de aterrazamento levado a cabo polos habitantes do castro ao traballar as cristas rochosas do afloramento de xisto que conforma a Punta de Neixón, habilitando unha superficie plana para asenta-las estruturas.
Outro aspecto que pon de manifesto o Castro Pequeno é o proceso de petrificación da arquitectura doméstica que se dá nos castros do litoral das Rías Baixas, como Torroso (Peña Santos 1992: 93, fig. 21), As Croas (Peña Santos 2000: 155-60), Pena Redonda (González Ruibal 2004, 2005), Penalba (Álvarez Núñez 1986; 1989: 38), Alto do Castro (Parcero 2000: 64-5) ou A Lanzada (Acuña 1976, 1977; Calo e Sierra 1983: 35; Fariña 1983: 34)
Así pois, no Castro Pequeno constátase unha sucesión de espazos habitacionais, pasando dunha arquitectura feita con materiais perecedoiros a outra constituída por cabanas de pranta circular con zócalo de pedra de xisto, paramentos de adobe e palla e cuberta de colmo, que se enmarcan nos séculos VII-VI a. C. (Rey 1992: 167; Álvarez et. al. 2005; Ayán 2005: 67). A escavación deste ano fornece novos datos sobre este proceso de petrificación na zona meridional do asentamento, evidenciando o paso dunha arquitectura de cabanas feitas en material perecedoiro á construción dunha estrutura circular en pedra adscribible aos séculos VI-V a. C. e vencellada a unha zona de actividades metalúrxicas.

Unha vella arquitectura


En liñas xerais, podemos plantexa-la hipótese de que a arquitectura doméstica desta Fase I resposta ao patrón cultural preexistente (Bronce Final Atlántico), cun predominio de cabanas circulares erguidas con materiales perecedoiros en moitos casos. A campaña de 2008 no Castro Pequeno de Neixón constata unha vez máis, cos seus dous primeiros niveis de ocupación o notable continuismo entre a tradición da Idade do Bronce e a primeira Idade do Ferro (Bettencourt 2000: 84.5), constatado tamén no eido da cerámica (Cobas e Prieto 1998: 161; Cobas e Parcero, 2006: 79-85) ou na proximidade no emprazamento dos novos poboados con respecto ás antigas aldeas abertas (Parcero 2003: 276). A ruptura fundamental reside no xurdimento da fortificación, que afecta ao poboado, á colectividade, mentres que o eido doméstico das unidades familiares segue reproducindo o patrón arquitectónico e espacial anterior.
A este respecto, semella bastante probable que o Castro Pequeno de Neixón fose no seu inicio unha aldea aberta que se fortifica no Ferro I, como parece evidencia-lo corte estratigráfico no parapeto efectuado nas escavacións dos anos 70 (Acuña Castroviejo 2008). Doutra volta, este asentamento exemplifica moi ben as características dos poboados fortificados galegos desta época: predominio claro de asentamentos fortificados de pequenas dimensións (menos de 1 Ha), cun único recinto que soe aproveita-las condicións naturais do seu emprazamento como dispositivo de formalización e monumentalización arquitectónica. Asemade, existe unha clara planificación arquitectónica á hora de aborda-la construción dos poboados como ten amosado a escavación do castro pontevedrés de As Croas (Peña Santos 2000: 154-5) abandonado durante a súa fase de construción.

Foto: detalle da gabia de cimentación da cabana do nivel antigo de ocupación.