Os camiños da vida
Na ría de Arousa, como en Galicia en xeral, experiméntase un conflicto entre a Tradición e a Modernidade, entre a vella cosmovisión das comunidades rurais e mariñeiras e un novo modelo de implantación no territorio no que prima o tempo sobre o espazo, a explotación económica acelerada sobre o sostenemento sostible. Un bo exemplo son as dúas pontes da vía rápida do Barbanza entre Taragoña e Cespón erguidas nos últimos 15 anos. Trazadas dacordo cun proxecto racional e moderno, estas obras de enxeñería constitúen unha obra pública de interese estratéxico para a Comunidade Autónoma, que permite á cidadanía percorrer o Barbanza a unha velocidade impensable décadas atrás. No que non repara ninguén é que esta infraestrutura se sobreimpuxo sobre os intereses da comunidade local, a xente que reside nese espazo e que queda fóra do valado da autovía, e polo tanto, fóra da realidade, do interese común, do presente urbano e cosmopolita da Galicia atlántica. Esas pontes conlevaron un impacto crítico sobre o espazo natural, trocaron as dinámicas deposicionais naturais, fixeron esmorecer unha das zonas máis férteis en capturas marisqueiras de toda a ría de Arousa. Estes danos colaterais son solucionados pola Administración pagando ás mariscadoras por non iren mariscar e erguendo peiraos e pequenos portos cos refugallos dos materiais sobrantes da obra.
Estas pontes son unha metáfora arquitectónica da carta de defunción dun mundo que marcha definitivamente. A lóxica capitalista que preside o presente non se decatará xamais que sobre este espazo para explotar e interconectar se estende outro espazo simbólico, imaxinario (Ayán e Arizaga 2005) no que os camiños da vida xogan un papel fundamental: os túneis dos mouros por debaixo da ría, as corredoiras efémeras na area polas que andaba a xentiña durante a seca para cruzar a outra beira, as congostras onde moceaban os nosos vellos camiño das festas noitaregas como marabillosamente amosou Toño Chouza na súa curta documental O Camiño da Loureira .
No noso traballo coa Asociación de Veciños Neixón de Cespón no marco do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón recopilamos fotografías dos vellos arquivos familiares (Dabezies 2009). Unha delas era un retrato dos anos 50 dos escolares do colexio da parroquia; ao ver esta fotografía, un veciño sinalounos que dúas das nenas eran da aldea de Nine, porque levaban postas senllas botas enlamadas. Daquela a congostra dende a igrexa a Nine e a Neixón era un camiño enlamado no inverno, un punto negro nas procesións fúnebres. A través da metahistoria dese camiño fomos reconstruíndo a historia da parroquia na segunda metade do século XX. Por ese mesmo camiño os mozos de Cespón levaban a ombreiros as imaxes cara aos castros de Neixón, na primeira edición da fanmosa Romería, en 1978. Hoxendía os santos van empoleirados sobre dous coches engalanados que ceremonialmente discorren polo camiño embreado e cinguido polos postes da luz.
A isto nos referimos cando falamos da necesidade de levar a cabo unha etnoarqueoloxía da paisaxe tradicional galega, unha paisaxe vertebrada polos camiños antigos, que sempre nos levan ao pasado, pero que tamén nos conducen, mal que ben, ao futuro.
Do noso artigo Entre ambas as dúas rías.
Fotografías: procesión da Romaría de Neixón en 1978 e 2009. Relixiosidade popular e vías de tránsito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario