Mangoneando
Hoxe na edición Barbanza de La Voz de Galicia sae a toda páxina unha reportaxe sobre as escavacións en Neixón de 2011. Grazas ao enorme labor de comunicación de Víctor Barbeito, mistúranse churras con merinas, campañas de escavación, inzando o texto de informacións erróneas. Xa se sabe a río revolto ganancia de pescadores. Para exemplo, un mango:
Entre los restos que se han encontrado en el campo de trabajo boirense también figuran partes de herramientas como un mango de marfil de origen fenicio y que los expertos han datado en el siglo V de antes de Cristo. Los estudios indican que algún poblador del castro lo desechó al romperse su empuñadura.
Esta peza procede do nivel medio do concheiro (UE 036) que rechea o foso S da entrada SE ao Castro Grande. O especialista en arqueofauna Carlos Fernández (Universidade de León) levou a cabo un exhaustivo estudo da peza no seu día e publicouno no primeiro volume dos Castros de Neixón (2005).
Este mango está realizado nun fragmento de luitadeira de hasta de cervo, de forma troncocónica, cunhas dimensións de 57.5 mm de lonxitude máxima, de 17.3 a 19.5 mm de diámetro no extremo inferior e entre 13.1 e 14.2 mm de diámetro no superior. A forma lixeiramente ovalada das súas secións resposta á propia morfoloxía do fragmento de hasta en que se realizou. Citamos a continuación este estudo:
A peza presenta a superficie exterior totalmente alisada e pulida, eliminándose a estrutura irregular, rugosa, que caracteriza a corna dos cérvidos. Por outra banda, e para facilita-la inserción dun vástago, do interior extraeuse parcialmente (en dúas terceiras partes da peza) o tecido esponxoso, mediante un raspado cun obxecto punzante dende a abertura inferior, tal e como se pode constatar a partir das pegadas lonxitudinais que se conservan na superficie interior da pieza. Na súa parte inferior presenta catro perforacións, afrontadas dúas a dúas, a diferentes alturas pero moi próximas á base, que terían servido para introducir remaches que suxeitaran de forma estable a peza enmangada. Unha das perforacións inferiores presenta unha rotura antiga que acada o extremo da peza, quizais quedando deste xeito inservible o mango. Finalmente, o tercio superior aparece decorado mediante unha serie de catro molduras redondeadas lisas superpostas de diferentes tamaños.
A realización de mangos en materias duras de orixe animal é bastante habitual na até o de agora escasa industria ósea de época castrexa, utilizándose de forma maioritaria a hasta de cervo como materia prima preferente para a elaboración deste tipo de pezas, aspecto que tamén podemos constatar noutras áreas geográficas próximas, como Asturias ou a Meseta.
De todas elas, a peza máis semellante en canto á súa concepción morfolóxica (dimensións semellantes, forma tubular e perforación para remache) é a recuperada no castro de A Peneda do Viso (Pontevedra), posiblemente fracturada durante o proceso de fabricación. O que sen dúbida resulta novedoso nesta peza de O Neixón é a decoración mediante molduras, para a que non contabamos con exemplos previos, se ben xa temos sinalado o limitado número de evidencias de industria ósea que foron documentadas. Este deseño decorativo faise habitual en época romana, aínda que o emprego de tornos facilita a elaboración de pezas de acabado máis regularizado e simétrico, en tanto que ésta que estamos analisando, tallada e pulida de forma manual, presenta irregularidades e, loxicamente, a simetría non é en absoluto perfecta, a pesares do cal a calidade final do traballo resulta destacable.
Polo tanto de marfil e de fenicios nastideplasti. O que temos aquí é un depósito intencional de obxectos apropiados simbolicamente nesta entrada SE, e non unha lixeira onde os primitivos guindaban as ferramentas inútiles. Doutra volta, cómpre remarcar que este mango, datable por C-14 no século III A. C., amosa evidencias de ter sido feito con torno, unha innovación que chegaría ás Rías Baixas co comercio púnico.
http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/07/27/0003_201107B27C3995.htm
No hay comentarios:
Publicar un comentario