26/4/11

Leccións do asociacionismo


Na Catalunya das bisbarras e do asociacionismo as entidades locais de amadores gozan dun prestixio e unha consideración social que se retrotrae ao século XIX. Coma noutros casos europeos, a resistencia cultural foi unha ferramenta de loita nacional, e así se concebiron as asociacións de excursionistas, montañeiros, as colonias dos rapaces, as sociedades arqueolóxicas, etc… Tres ponencias analisaron este proceso histórico no Seminari de Arqueologia i Ensenyament. A profesora Esther Hachuel sinala na década de 1950 unha inflexión clarísima, coa creación por parte do Centre d’Estudis d’Igualada dunha asemblea intercomarcal de estudiosos, pedra angular do movemento asociativo catalán dende aquela. A necesidade de facer país era un obxectivo científico en si mesmo, criticando a casposidade do sistema cultural cunha manchea de institucións eruditas e decadentes. A chegada da democracia non invalidou este proceso, incrementándose exponencialmente o número de asociacións dende o ano 2000. A Universitat Autònoma de Barcelona ten un proxecto no que sistematiza toda a produción biblográfica dos centros de estudos locais, contabilizando máis de 1600 publicacións, o que outros chamarían literatura gris é aquí o alicerce de toda unha política cultural nacional. A ponente rematou con estas reflexións:
1. O territorio é o eixe vertebrador que fornece un tratamento integrado de todo aquilo que se estuda. Imperan as fronteiras disciplinarias na Universidade e na Administración, mentres que nos estudos locais prevalecen as perspectivas integradoras a escala territorial.
2. O coñecemento xenerado, e o proceso de construción dese coñecemento, está aberto a todos, xerando redes de complicidades que non é doado establecer dende as institucións.
3. As asociacións son un chanzo básico no consumo social do Patrimonio Cultural.
Pola súa vez, o profesor francés Michel Martzluff (Universitat de Perpignan) presentou un caso da Catalunya Nord, o da Association Archéologique des Pyrénées-Orientales. Nesta zona fronteiriza o interese polo Patrimonio local fóra fomentado polo Estado cando Fernando VII e o xeneral Castaños ameazaron en 1820 con reconquerir o Rossellò. Unha comisión prefectural estableceu o primeiro centro de eruditos. En 1830 a Revolución liberal crea a Societé Agricole Scientifique et Littéraire des P.O A creación do CNRS en 1945 conleva a fundación dunha delegación local e a potenciación de iniciativas coma a Revue Ruscino ou o Musée Tautavel.
A asociación, fundada en 1982, ten trescentos socios e dous empregados. Centran o seu labor na divulgación do coñecemento, na organización de conferencias na Universidade e a colaboración co INRAP na escavación de sitios (necrópole antiga de Negabous e hábitats rurais de época visigótica no Roussillon). Michel aposta por unha superación da tensión entre amateurs e profesionais, un tema que centrou o debate. De feito, estivo moi ben a intervención dun participante, membro dunha asociación de estudos locais, quen consideraba superada esa desconfianza da Academia con respecto aos amadores. Na súa asociación hai dende obreiros a profesores de Universidade que investigan e coñecen de primeira man a necesidade de rigor e método, como é o seu caso, profesor de Enxeñería con 100 proxectos de fin de carreira e 8 teses de doutoramento dirixidas. Non se trata dun exercicio de autoafirmación, senón da constatación dunha realidade: a actitude paternalista e dirixista da Academia non ten sentido hoxendía. Como dixo Michel, a sociedade non é que demande coñecemento, é que esixe coñecemento de calidade. Toda unha lección para arqueólogos tecnócratas.

20/4/11

El Patrimoni es fa caminant.


Os mestres Rosa Marsol, Antoni Bardavio e Montse Seuma amosaron a súa experiencia educativa patrimonial en zonas rurais, dentro dunha iniciativa proposta polo Servizo educativo da Generalitat de Catalunya. Trátase de converter en aulas sen paredes espazos cun interese cultural específico, para actividades con alumnos entre 3 anos e Bacharelato. Estas actividades configúranse como traballos de investigación para o alumnado, os cales lles permiten comprender as redes de relacións territoriais da súa contorna. Converter ao alumnos e alumnas como actores e actoras da súa propia aprendizaxe. Estas aulas son dezaseis en toda Catalunya, todas vencelladas ao medio ambiente, a parques nacionais, ao patrimonio histórico, ao Císter...; este proxecto en concreto ten como eixo vertebrador a Arqueoloxía e a Prehistoria, na bisbarra rural de interior da Noguera (Lleida). Os ponentes consideran que o Patrimonio arqueolóxico é un excelente visualizador da historia e un contedor de sinais de identidade. A historia é algo lonxano para os escolares pero hai dificultades dende esta perspectiva educativa de comprender a cercanía da historia. O contorno local é un espazo de socialización e participación democrática directa, onde as identidades compartidas entre actores poden ser moi diversas.
As actividades desenvólvense en 23 centros diferentes de toda Catalunya, dende antigas fábricas de azucre, a covas prehistóricas, escolas antigas, de calquer momento histórico; as ruínas arqueolóxicas fornecen unha identidade compartida reconstruída a través desta aprendizaxe social e patrimonial. O Patrimonio é unha aposta de futuro.
En concreto, os ponentes aplican o modelo anglosaxón de Adopt a Monument no conexto escolar. A Escola Adopta un Monumento: un proxecto compartido con centros educativos ten cinco obxectivos:
1. Recoñecer os elementos patrimoniais da contorna.
2. Comprender a importancia de protexer e divulgar estes elementos patrimoniais como bens comúns.
3. Poñer en relación estes elementos patrimoniais con aspectos sociais relevantes do mundo hoxe.
4. Extraer información histórica e social dunha fonte material.
5. Aprender no traballo cooperativo.
A visita aos xacementos procura un feedback co presente, o pasado e futuro, o Patrimonio fica reconvertido nun laboratorio para os alumnos onde se constrúe pensamento social en relación co presente, desenvolvendo consciencia cidadá.
Como exemplo espuxeron as actividades desenvoltas na vila romana del Romeral, cun contacto estreito cos arqueólogos responsables das escavacións, o Concello e o Museo Diocesà. As familias dos alumnos implícanse totalmente no proceso de patrimonialización. A partir do coñecemento dos pasados se configuran presentes que posibilitan ao alumnado posibéis futuros.

L’escola preserva i conserva la memòria


A Universitat de Barcelona e a Universitat Autònoma de Barcelona contan con cadanseu departamento de Didáctica das Ciencias Sociais, un feito insólito noutras latitudes e que amosa ben ás claras o compromiso coa educación da tradición investigadora catalá. Un novo exemplo deste xeito de facer as cousas é a iniciativa de creación da Associació Catalana d’Educació pel Patrimoni, presentada por Clara Masriera, doutora en Didáctica da Arqueoloxía e responsable do parque arqueolóxico da cidadela ibérica de Calafell. Esta asociación xurde coma unha reivindicación do fomento e a inclusión estruturada e estable das experiencias da educación patrimonial na Administración e nas políticas culturais catalás. Pola súa vez, procura promover estratexias de educación informal e de participación cidadá para dotar ao Patrimonio histórico e cultural de significación social. Finalmente, plantexa implicar a todos os axentes vencellados coa xestión do Patrimonio, dende xestores, arqueólogos, docentes, guías, intérpretes, etc... Na declaración programática desta asociación atopamos um enfoque que veremos repetido en museos e memoriais: a necesidade de fomentar espírito crítico, a total transparencia e o sometemento ao debate e discusión pública. Algo impensable na Galicia baltárida.

15/4/11

Cal recuperar la memòria històrica?




Todo este traballo quedaría na friaxe do formigón de non ser polo traballo pedagóxico encetado por Rosa Solsona en colaboración co Museu i Arxiu de la Noguera, a Associació de estudiosos del front del Segre e o Consell comarcal de la Noguera. Os obxectivos deste programa educativo e de formació permanente foron:
• Utilizacion dos espazos de memoria hsitorica como fonte de coñecemento do pasado
• Potenciación de procesos de empatía histórica.
• Converter os espazos da Batalla do Segre no cabeza de pont de Balaguer en espazos de aprendizaxe interxeracional.
• Ver a historia local como parte integradora dunha historia máis xeral.
• Poñer en valor o patrimonio cultural e histórico como recurso didáctico que nos permite construír un coñecemento interdisciplinario e globalizador.
As actividades abranguen dende actividades previas no centro educativo, actividades in situ no espazo arqueolóxico de El Merengue e actividades de aplicación do coñecemento. Os alumnos converténse en corresponsais de guerra, analistas de prensa, traballan con fontes históricas (xornais, diarios, testemuños orais...) que promovan á reflexión e ligar relacións con situacións do presente.
As actividades in situ no espazo arqueolóxico do Merengue consisten en:
a) reproducir de forma simplificada os feitos que van ter lugar alí.
b) establecer procesos de empatía implicando ao alumnado na escenificación da ofensiva.
c) debates éticos sobre se cómpre recuperar a memoria histórica.
Todo este enfoque permite ao alumnado desenvovler habilidades de pensamento crítico, de xestión da información, de comunicación e traballo en equipo, favorece a consolidación dun modelo dunha sociedade democrática, solidaria e tolerante.

Fotografías: actividades na posiciónn franquista de El Merengue (cortesía de Paloma González Marcén, UAB).

Arqueoloxía da guerra civil



Este ano o Seminari Arqueologia i Ensenyament incluíu o eido da recuperación da memoria histórica en Catalunya e a súa integración en proxectos educativos. Pol Galito e Rosa Solsona amosaron o amplo proxecto de musealización e difusión realizado na fronte de guerra da cabeza de ponte de Balaguer (Lleida). Antes da batalla do Ebro todos agardaban unha macroofensiva franquista pro esta zona o que conlevou a conquista dunha cabeza de ponte, a estabilización da fronte e a consecuente construción de grandes infraestruturas bélicas, tanto do lado fascista coma do republicano. La Associació d’estudiosos del front del Segre y el Camp d’Aprenentatge de la Noguera colaboraron para abordar todo este Patrimonio e proxectalo na sociedade. Toda unha combinación de amateurismo, didáctica e participación cidadá. As actividades comezaron en 2005 coa realización de exposicións sobre o cnflicto, sempre con materiais orixinais (non traballan con reproducións), a musealización da Cota 305, El Merengue, actividades cos sobrevivintes da Quinta do Biberón, a localización, rexistro e sinalización dos espazos da guerra, dos lugares emblemáticos da guerra, a represión e a loita antifranquista nas bisbarras de Lleida. No ano 2006 leváronse a cabo escavacións arqueolóxicas tanto de posicións franquistas coma republicanas. Entre 2009-2011 procedeuse á recuperación doutros espazos na fronte do Segre, a petición doutros concellos que viron o éxito acadado no caso do proxecto pioneiro de El Merengue. Os espazos intervidos (Sentiu de Sió, Tossal de les Forques, Trinxeras dels Tossals en Mongai) van dende refuxios, a trincheiras, niños de ametralladoras, pozos de tirador, búnkers, etc... Incluso se recuperou un tanque T-26 dentro do río en Vilanova de la Barca agora exposto ao público nalgo semellante a unha rotonda.

14/4/11

Noraboa, doutor Kaal


Onte o noso compañeiro Joeri Kaal defendeu na Universidade de Santiago de Compostela a súa tese de doutoramento centrada na análise dos procesos de pirólese na área arqueolóxica de Campolameiro. Trátase dun estudo interdisciplinar que fornece unha grande cantidade de dados para trocar a nosa visión da paisaxe prehistórica galega, do modelo de ocupación do espazo das comunidades que crearon a arte rupestre das Idades do Bronce e do Ferro. Joeri é holandés e representa o último chanzo dunha curiosa conexión galego-neerlandesa. Nas nosas escavacións en Neixón escoitamos máis dunha vez falar á xente de Nine e Cespón dos holandeses que foran escavar con Acuña Castroviejo ao Castro Pequeno nos anos 70. O mesmo nos pasou na Lanzada o ano pasado, cando paisanos nos falaban de holandeses entre os arqueólogos que alí estiveron nos anos 70. A sospeita confimouse falando coa profesora de Xeoloxía da USC, Carlota García Paz, quen nos falou do grupo de investigación en xeoloxía galega establecido dene hai décadas na Universidade de Leiden. Entre 1955 e 1973 xeólogos estruturais e petrólogos desta Universidade fixeron os mapas xeolóxicos provinciais a escala 1:100.000. Sedimentólogos, paleontólogos e xeomorfólogos fixeron estudos intensivos na ría de Arousa e arredores recollidos en tesiñas de licenciatura e teses de doutoramento. Mesmo a revista Leidse Geologische Mededelingen recolle un monográfico sobre xeoloxía galega no tomo 37 (1966-1970). Esta colaboración entre a escola de Leiden liderada polo profesor Den Tex e o laboratorio Xeolóxico de Laxe débese ao labor inxente a prol deste país noso do galeguista Isidro Parga Pondal, membro do SEG, escavador do castro de Borneiro nos anos 30 e expulsado da USC en 1936.
No século XXI, dende Holanda, novamente, chegan novas perspectivas que concilian Arqueoloxía, Xeoloxía e Edafoloxía. De aquellos polvos viene estos lodos.

Fotografía de Antonio de la Peña: escavacións na Lanzada na segunda metade dos anos 70.

12/4/11

Monte do Castro


Hoxe impartirase unha conferencia sobre o avance das escavacións arqueolóxicas no castro de Besomaño (Ribadumia, Pontevedra) dirixidas polo noso compañeiro Roberto Aboal no marco do proxecto Pousadas do Salnés. Estades todos convidadors. Comprobaredes que escavar no castro de Besomaño é un gustazo.

11/4/11

O modelo andaluz de xestión do Patrimonio: versión 2.0


Margarita Sánchez Romero (Directora de Bens Culturais da Xunta de Andalucía) amosou no Seminari Arqueologia i Ensenyament o traballo de remodelación e reflexión crítica levado a cabo na propia Aministración, na política pública de xestión do Patrimonio. O modelo andaluz de xestión do Patrimonio dos anos 90 foi todo un referente que se amosaba como exemplo mesmo nos nosos cursos de Posgrao, alá polos anos 2001 e 2002. A sociedade andaluza cambiou moito dende aquela e Margarita defende a necesidade de reflexionar sobre os novos procesos de patrimonialización, nun diálogo constante cos técnicos da Dirección General que formularon as Leis de 1991 e de 2007. A administración andaluza aboga pola inclusión dos Patrimonios emerxentes e das iniciativas cidadás implicadas na protección e difusión, formando parte da identidade. O modelo tradicional de xestión oficial de bens inmobles xa non vale hoxendía. Na exposición de motivos da Lei o Patrimonio Cultural concíbese coma unha expresión relevante da identidade do pobo andaluz. O sentimento de identificación co Patrimonio é un alicerce básico da propia identidade andaluza. Da exposición de Margarita cómpre destacar unha serie de ideas-chave:
• A xestión do PC andaluz artéllase no triángulo Patrimonio, Territorio e Sociedade.
• A administración non dirixe nin intervén, unicamente tutela, centrando o seu traballo na difusión, documentación, cooperación e formación.
• A Administración non fai investigación, se ben xenera coñecemento nos expedientes de proteción e divulgación e conservación. A investigación é tarefa das universidades, outra cousa é a xestión do coñecemento xenerado.
• Documentar non é arquivar, é sistematizar, facer accesible a información, actualizar bases de dados abertas a todos, promover a trasparencia e a comunicación á cidadanía. A mellor forma de protexer é que a cidadanía recoñeza eses xacementos, sexa consciente do que tén, porque forma parte da súa identidade. A Administración forma, non programa másters pero os técnicos e técnicas imparten cursos, másters, seminarios.. iso tamén é relación coa cidadanía.
• Administración aberta a todos os axentes: universidades, grupos de desenvolvemento local, industrias culturais, público en xeral, sector educativo, medios de comunicación e centros de investigación. Pola súa vez, a xestión dos bens culturais incorpórase a procesos sociais organizados por axentes externos.
Este último punto é un dos compoñentes da xestión que debe ser revitalizado con meirande intensidade nesta reformulación do modelo andaluz de xestión do Patrimonio, no chamado III Plano Xeral de Bens Culturais. Os axentes identificados son os seguintes:
1. Os que conservan.
2. Os que ofrecen servizos técnicos.
3. Os que xestionan o coñecemento.
4. Os que xestionan tecnoloxía.
5. Os que comunican.
6. Os que utilizan Patrimonio con fins educativas e de lecer.
7. Os que ofrecen servizos para o uso social.
8. Os que promoven a utilización como recurso de desenvolvemento.
9. Os que capacitan.
10. Os que colaboran na tutela do Patrimonio.
A ponencia rematou cunha breve síntese dos Planos Directores deseñados para os conxuntos da Alcazaba de Almería, Alhambra e Xeneralife en Granada, dólmenes de Antequera, Baelo Claudia, necrópole de Carmona e cidade romana de Itálica. Estes documentos de actuación a oito anos, inclúen elementos de vencello directo coa cidadanía, incorporando novas disciplinas, unha metodoloxía interdisciplinar e requiren a participación de axentes externos. Doutra volta, materializan unha estratexia social que redimensiona os xacementos como lugares de encontros, espazos de debate e de creación, para o desenvolvemento social e a participación cidadá. Lugares de encontro entre o público e a cultura.
En definitiva, as liñas fortes do discurso asumido pola Administración andaluza son:
• Pasar da difusión á participación cidadá.
• Fortalecemento do sistema de documentación e acceso á información: en breve vanse poder tramitar telematicamente os expedientes de Patrimonio na páxina que están deseñando, aberta ás redes sociais e ás suxerencias da cidadanía.
• Da difusión á relación coa sociedade baixo unha estratexia planificada.
• Impulso radical da cooperacion con outros axentes.
• Achegamento ao local.
• Reforzamento dos Gabinetes Pedagógicos promocionados pola investigación.
Cuspidiño ca en Galicia, verdade?

8/4/11

Listillos


A forma de proceder do Concello de Boiro é lamentable. Montan un cristo e depois procuran axuda para desfacer o entuerto. Un novo exemplo. Organizan un campo de prácticas para estudantes de Arqueoloxía, firman un convenio con ianquies e despois lles buscan aloxamento pretendendo que a Administración autonómica se faga cargo, tentando poñer á súa disposición o campamento de Espiñeira. O argumento é o seguinte:

Al parecer, no hay problema en que los estudiantes ocupen las instalaciones en agosto, pero en julio la Administración autonómica suele hacer uso del recinto organizando programación propia. Con todo, el regidor se mostraba ayer optimista y confía en poder utilizar el campamento para dar alojamiento a los jóvenes que trabajarán en Neixón. Esto ahorraría una suma importante al Concello en la organización de la campaña de este verano, una iniciativa que no cuenta con demasiado apoyo por parte de las Administraciones pese a que se trata de un campo de trabajo consolidado. De hecho, este año solo la Diputación ha hecho una aportación para que se celebre.

Entre 2003-2008 levouse a cabo un verdadeiro campo de traballo en Neixón para xoves voluntarios de todo o mundo, dentro do programa verán da Xunta de Galicia que aloxaba aos participantes no campamento de Espiñeira. En 2009 Víctor Barbeito acabou con ese modelo, botou ao CSIC de alí e apostou por un campo de prácticas para estudantes de Arqueoloxía, poñéndollo en bandexa aos seus colegas dunha Universidade e dunha empresa de Arqueoloxía. Por que? Entre outras cousas por que non cren no voluntariado e na Arqueoloxía social, tan científicos eles. Acaban co campo de traballo de Neixón e agora utilizan ese nome para referirse a unha cousa moi diferente. E por riba reprochan ás administracións que non os apoien, manda truco. E para máis INRI din que o campo de traballo está consolidado cando o mandaron á merda en 2008. Sonche ben mentireiros.

http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/04/06/0003_201104B6C9995.htm

Fotografía: campo de traballo internacional de Neixón, agosto de 2008.

7/4/11

Neixón no comercio castrexo-púnico


Lembraredes a nosa asistencia ao VI Coloquio Internacional del Centro de Estudios Fenicios y Púnicos (Sevilla, 30 de setembro, 1- de outubro de 2009) cunha comunicación titulada Buscando a los púnicos en el Noroeste. Nuevas aproximaciones a la presencia mediterránea en Galicia y el Norte de Portugal durante la Edad del Hierro. Estes días acaban de saír publicadas as actas do congreso. O noso artigo podedes consultalo no apartado de produción científica.

González Ruibal, A.; Rodríguez Martínez, R. e Ayán Vila, X. M. 2010. Buscando a los púnicos en el Noroeste. Mainake, XXXII(I): 577-600. Málaga.

Neste traballo incorporamos datos das nosas escavacións en Montealegre, Neixón e A Lanzada así como materiais inéditos do castro de Alobre. Por suposto non atoparedes nada disto no discurso expositivo e museístico do Centro Arqueolóxico de Barbanza onde vos dirán que non hai nada publicado das nosas escavacións (2003-2008). Ides avisados.

Fotografía: algúns dos materiais púnicos atopados no foxo S da entrada SE ao recinto superior do Castro Grande de Neixón. Campaña de 2005.

Buscando a los Púnicos en el Noroeste

Buscando a los púnicos en el Noroeste

6/4/11

A loita libertaria e efectiva dunha Mesa Cidadá



Marabillosa a intervención no Seminari de Arqueologia i Ensenyament de José Ignacio Artillo, membro da plataforma Mesa Ciudadana en Defensa del Paisaje Protegido y yacimiento de Valencina-Guzmán. Este cidadán deu unha lección maxistral sobre as estratexias de resistencia deseñadas pola sociedade civil hoxendía contra as agresións patrimoniais fomentadas pola Administración nunha área na que os dólmenes quedan abandonados entre centros comerciais e demenciais proxectos de construción de centros de interpretación do estilo do de Neixón. Esta xente acadou desviar tramos enteiros de autovías, que se di rápido. Diferentes colectivos se confederan en plataformas formadas da noite para a mañá, actuando como lobby de presión no eido político. Existe toda unha estratexia de agregación e desagregación, coma unha rede social na que cada colectivo non perde a súa independencia e autonomía. Gañada a causa, desvertébrase a rede e a outra cousa. Interesante tamén o seu control dos ritmos na loita, de coñecemento perfecto do funcionamento dos medios de comunicación. O impacto mediático das súas accións é realmente incrible, e botan mao dun activismo gracioso. Por exemplo, para protestar pola construción dun campo de golf, montan un mini campo na rotonda de acceso á vila e explican aos conductores de que vai o asunto, ou se chantan no despacho do alcalde vestidos de golfistas. Esta posta en escena non se queda na anécdota, senónque se alicerza en todo un aparello teórico e nunha fonda reflexión crítica. Esta plataforma simplemente non existiría en Galicia (ou si?, onde serían vistos por algunhas administracións coma unha rama de Al Qaeda ou un grupúsculo anarcoide libertario. A diferenza está loxicamente na existencia dunha verdadeira sociedade civil e nunha traxectoria histórica moi diferente entre Galicia e Andalucía.

5/4/11

Arqueoloxía italo-galega en Mongolia


A nosa compañeira Cecilia dal Zovo (LAPA, CSIC) impartirá hoxe ás 18:00 horas no salón de actos do IEGPS unha charla de investigación sobre o seu proxecto arqueolóxico en Arte Rupestre dos Altai en Mongolia. Unha excelente ocasión para coñecer unha realidade abraiante, baixo todos os puntos de vista.

4/4/11

O proxecto de Guinea en culturagalega.org




Nos vindeiros días iredes coñecendo en arqueoneixon os detalles do proxecto Arqueoloxía no estuario do Muni dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal (LAPA, CSIC). Polo momento, como primicia, tedes un pequeno vídeo editado polo excelente equipo do portal culturagalega.org no que aparecemos resumindo os obxectivos do proxecto.

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=18698

1/4/11

Ai Pepiño por Dios non te vaias


Que previsible todo. Alá vai o Ministro a Neixón, nun acto que non é outra cousa ca un acto electoral camuflado:

José Blanco pronunciará una charla titulada Reformas para el progreso económico. Una vez que finalice su intervención, el ministro responderá a las preguntas que, por escrito, le planteen los asistentes. El foro concluirá, según las previsiones, sobre las 22.00 horas.
Previamente, el ministro podría visitar el centro de interpretación de los castros de Neixón en compañía del teniente de alcalde Juan Jesús Ares (secretario general de los socialistas de Boiro y candidato a la alcaldía), quien aprovechará para pedir la colaboración de su departamento para poder continuar con la ampliación del complejo.
Ares le solicitará una subvención con cargo al 1% cultural del Ministerio.
Cabe recordar que esta actuación permanece parada tras una primera fase en la que se llevaron a cabo los trabajos de cimentación.


http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/jose-blanco-llega-sabado-boiro-hablar-reformas/idEdicion-2011-03-31/idNoticia-654455/

Espazo doméstico



Do discurso expositivo do Museu d'Història de Catalunya hai cousas discutibles e cousas moi ben feitas, ao noso modo de ver. Unha das que máis nos gusta é a utilización do espazo doméstico, da casa como recurso didáctico no fío argumental ao longo da visita. Temos dende unha recreación dunha casa do Bronce final do século VI a. C. até as cociñas dos anos 1960 e 1970 nas que nos criamos, pasando pola cabana de campesiños pobres da época altomedieval. Arqueoloxía do espazo doméstico.

Fotografías: recreacións no Museu d'Història de Catalunya.

Conflicto lingüístico


Intereconomía e a dinastía baltárida deron un espectáculo bochornoso no Teatro principal de Ourense. No entanto, é bo que esta xente reproduza o seu traxicómico discurso en teatros. Esta ultradereita, entre outras cousas, manexa a leria da inmersión lingüística e a desaparición do castelán en Catalunya. Manda truco. Se queren saber o que é a persecución dun idioma que se pasen polo Museu d'Història de Catalunya e vexan a represión borbónica da lingua catalá cos seus Decretos de Nueva Planta. No carrer Hospital do Raval barcelonés, onde estamos aloxados, fálanse, alomenos, 20 idiomas.

Fotografía: lápida de mármore da catedral de Tolosa, século VI d.n.e. Texto escrito en latín,hebreo e grego. Museu d'Història de Catalunya.

Nunca vai haber un Museo de Historia de Galicia




Hai un par de anos encargáronos a uns colegas historiadores unha proposta de redefinición e re-deseño dos contidos do futuro Museo de Historia de Galicia da Cidade da Cultura. Non sabemos se algunha idea foi tida en conta ou non, quizabes sexa mellor non sabelo. O que si sabemos é a decisión e vontade da Xunta de Galicia, que eliminou iso de Historia. Para que un Museo de Historia de Galicia? Para abrir a porta a discursos coma o do Museu d'Història de Catalunya, para enfrontarse ás pantasmas da guerra civil, para repensar criticamente sobre nós mesmos? Nin de coña. Por iso nunca vai haber un Museo de Historia de Galicia, porque somos un pobo sen historia. Lóxico, non? Pero hai máis. O conselleiro de Cultura do PP vai máis alá e manifestou hai pouco que o edificio abrirá as portas unha tempada, sen nada dentro. Que non pasa nada porque en Alemaña xa o fixeran antes, así a xente pode contemplar a grandiosidade do edificio, do contedor cultural. Do mesmo xeito o presidente da Diputació de Castelló defende a apertura dun aeroporto sen avións para que axente pasee polas pistas. A banalidade do mal combinada no caso galego cun curioso medo ao baldeiro. Eu de ser o conselleiro collía a necrópole de debaixo da catedral compostelá e a mandaba en bloque ao Museo de Galicia, alomenos para ver no baldeiro os ángulos mortos.

Fotografías: Museu d'História de Catalunya.