31/8/09

Aira da Pedra


O castelo de Cornatel en Priaranza del Bierzo renaceu esta fin de semana pasada cun revival medieval e un festival de música folk. Os grupos consagrados neste estilo de música rematan sendo presuntuosos, sentando cátedra de virtuosismo en contextos nos que esquecen o contacto co público. Interpretan (ou perpetran) temas aderezados con algunha proclama progre fóra de contexto, a causa palestina e todo iso. Ese é un modelo, con caché. O outro tipo de música folk é o de grupos como Aira da Pedra, xente que fai máis polo Patrimonio Cultural do Bierzo, Laciana, La Cabrera e a propia Galicia que tódalas administracións xuntas. Temas recollidos da moribunda tradición oral e arranxados cun gusto fóra do común, que lles permite misturar o tango arxentino con cantigas d'O Incio, por exemplo. Estes mestres do directo están a preparar novo disco.
http://www.airadapedra.net/

28/8/09

Damnatio memoriae


Todas as práticas e disciplinas teñen os seus trucos, ben coñecidos polos integrantes de cada gremio. Iso pasa na Arqueoloxía e tamén no xornalismo. Cun pouco de humor non custa recoñecer unha lei de todos sabida: no verán, nomeadamente en agosto, non hai moitas novas, baleiro que se adoita cubrir con temas turísticos, descobertas arqueolóxicas e demais. Xornalismo alimenticio, puro trámite. O dossier de prensa do proxecto de Neixón entre 2003-2008 está cheo de novas, reportaxes, entrevistas e incluso noticias que non din nada novo. Moitísimos medios estaban enriba nosa un día si e outro tamén malia que non houbese nada que dicir. O que resulta curioso é a ausencia total de olfato xornalístico. Cando realmente se produce unha noticia, isto é, a cancelación do campo de traballo, a sustitución de equipos e demais na primavera de 2009, a inmensa maioría dos medios de comunicación fan mutis por el forro. Loxicamente este baleiro non resposta á lóxica xornalística que se estuda nas Facultades e se aprende na rúa, iso que se chama, casposamente, xornalismo de raza. Este tipo de xornalismo vacuo que sobrancea o Barbanza non elabora noticias, non contrasta informacións, non tenta achegarse á realidade, senón que reproduce mimeticamente notas de prensa.
Contrariamente a este xornalismo de vaivén, contamos con firmas como a de Xosé Gago no Galicia Hoxe que fan público o que non se quere facer público. Mirade o seu artigo de opinión hoxe en http://www.galicia-hoxe.com/popImprimir.php?idWeb=2&idNoticia=462047
Podedes estar seguros que se nos puxese a parir tamén divulgariamos o enlace á noticia aquí en Arqueoneixon.

Ya en su kiosko


Na Arqueoloxía galega das décadas de transición entre os séculos XIX e XX a influencia da Igrexa e da orde xesuítica foi moi notable, converténdose Camposancos (A Guarda) nun centro de estudos do Paleolítico miñoto, das primeiras descubertas en Santa Trega, etc... Contando con este contexto e coa inxenuidade e nacionalismo da ciencia española da época, comprenderemos o trasfondo da nota que precede ao texto de El rey de los trogloditas:

DEL MISMO AUTOR
Prehistoria Universal y Especial de España [1924]_ Acerca de esta obra ya tan conocida, escribe el Dr. Antón, director del Museo Antropológico: "No conozco otra Prehistoria que la iguale ni en España ni en el Extranjero". Y añade en otro párrafo: "Desde ahora se puede estudiar prehistoria en España, cosa que antes era imposible". El eminente arqueólogo I. Calvo, dice en La Esfera de algunas teorías del Autor: "Son un descubrimiento que es el secreto más sensacional arrancado a la prehistoria de la Humanidad".
La revista de los PP. Jesuitas, Razón y Fe, dice: "Esta obra debiera estar de texto y obligatoria en todos los centros de estudios superiores".
(Pronto qudará agotada la edición).
Los Hijos del Sol._ Es probable que en este mismo año sea publicada esta otra novela de costumbres prehistóricas, que será a modo de complemento de El Rey de los Trogloditas (tiempos prehistóricos).
Se refiere a otra época prehistórica, al neolítico, cuando el hombre ya vivía fuera de las grutas, por haber mejorado el clima. En ella verá el lector como se iniciaron las industrias metálicas,la arquitectura, los cultivos, las domesticidad de los animales, etc.
Es sumamente instructiva y amena para toda clase de lectores.

O salesiano Jesús Carballo (1874-1961) naceu en Santiago de Compostela e foi Director do Museo Prehistórico de Santander. Finalmente La Hija del Sol non saiu á luz, sendo o seu baleiro sustituído por outra novela que promete: Fida, la hija del último druida galaico (Aldus S.A., Santander, 1951).

Ilustración de C. Rincón: op. cit., p. 207.

Arqueoloxía e Didáctica


Na nosa condición postmoderna cremos que a Arqueoloxía do presente resposta ás demandas da sociedade, cultivando novos eidos da práctica arqueolóxica que nos semellan novedosos. Loxicamente, non é así. Velaquí unha amostra de como a divulgación do coñecemento arqueolóxico e a preocupación pola súa recreación e difusión vén de antigo. Fomrmando parte da biblioteca Couceiro Freijomil topamos cun exemplar adicado da 2ª edición da novela de J. Carballo El Rey de los trogloditas, saída do prelo en Santander no 1936. Polo relato viaxamos polas covas de Altamira, Camargo, El Castillo nunha historia que amosa a visión vixente no primeiro terzo do s. XX na Arqueoloxía da cornixa cantábrica.

27/8/09

Apartados de toda civilización


Celestino López rememora a súa viaxe (1907-1913) amosando todos os tópicos propios dun europeo occidental da época: concepción primitivista e salvaxista das comunidades indíxenas, tintes de racismo, crenza no poder civilizatorio do home branco... pero paseniñamente a súa experiencia nas explotacións de caucho vai convertendo o seu libro nunha denuncia pública da opresión e trato inhumano cara ás poboacións amazónicas da man do capitalismo neocolonial máis brutal. O autor describe as razzias na captura de escravos e escravas sexuais, as torturas, as condicións de vida infames, a deshumanización parella á explotación salvaxe dos recursos da zona. Unha denuncia que mantén a súa plena vixencia e actualidade xa que a realidade segue sendo a mesma no curso medio e baixo do Amazonas en pleno século XXI. Doutra volta, Celestino leva a cabo toda unha crónica etnográfica sobre a vida na floresta e detalla a vida cotiá nas explotacións de caucho, reseñando o papel dos galegos na administración, a marea de inmigrantes de todo o mundo, a actitude do estamento eclesiástico... Pura etnoarqueoloxía da Modernidade nuns anos previos á 1ª Guerra Mundial que supuxeron o primeiro grande empurrón do capitalismo global.

Ilustración de Uxío Souto: Un Brujo en sus prácticas ritualísticas, op. cit., p. 82.

Tempos do caucho


Celestino López guinda ao lector unha crónica autobiográfica da súa viaxe trasatlántica de varios anos iniciada en 1906 no porto de Vigo. Acompañando a seu irmán percorre as terras amazónicas de Iquitos (Perú) en plena febre da explotación do caucho. O prólogo do libro, escrito en 1938, corre a cargo de Salvador Etcheverría, español da República Dominicana que manexa un discurso moi decimonónico e romántico ao estilo do primeiro National Geographic:

El libro de Celestino López tiene sabor inconfundible; él vió, estudió y luchó contra la selva, contra el río y contra los hombres, nos trae auténticas noticias y señala datos de enorme interés para geógrafos y estadistas. La autenticidad de sus citas, la sincera descripción de los extraordinarios paisajes, las aventuiras pasadas, incrementan el valor de esta obra, que demuestra a su vez, como la raza Galaica produce hombres excepcionales en el campo de las grandes aventuras.

Ilustración de Uxío Souto: Indio Bora del Putumayo, op. cit., p. 28.

Amazonas


Voltemos a cousas serias. Falabamos o outro día de Uxío Souto, o artista cunteno exiliado en México. Rebuscando nesa xoia que é a biblioteca persoal legada por Couceiro Freijomil e que se custodia no IEGPS demos cun libro abraiante dun tal Celestino López titulado: Embrujo del Amazonas. Relatos de la vida y costumbres del Río Amazonas relatados por un hombre que vivió siete años en la selva virgen, cruzando el río mar en todas direcciones publicado en México D.F. en 1943 polo Impresor F. F. Franco. As ilustracións desta crónica de viaxe aventureira correron a cargo de Uxío Souto que coma outros intelectuais galegos republicanos sobreviviu os primeiros anos de exilio nas Américas colaborando co mundo editorial.

Ilustración: Casa típica de las orillas del bajo Amazonas (op. cit., p. 12).

24/8/09

Sic



Hoxe na Voz de Galicia edición Barbanza sae unha nota de prensa que dá conta do avance das investigacións sobre o Castro Grande de Neixón.

http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2009/08/24/0003_7925711.htm

Simplemente é xenial, un fito no xornalismo e na arqueoloxía barbanzónica. Unicamente avanzamos algúns extractos:

Las excavaciones de Neixón desvelan un enorme foso (sic)
El campo de trabajo de este verano también descubrió que el poblado estaba rodeado de un pequeño muro (sic)
trabajos que buscaban saber si el foso que rodea el asentamiento era grande o no, y que han logrado su objetivo. No en vano, desde el centro arqueológico barbanzano, situado a tiro de piedra del castro, confirman que se trata de un foso monumental, es decir, de unas dimensiones considerables
(sic)
Antes de realizar estos trabajos, en anteriores excavaciones, ya se pudo comprobar que Neixón, como casi todos los asentamientos de la época, tenía foso. Sin embargo, se creía que se trataba de un hueco mucho más pequeño (sic)
También se saben cosas nuevas sobre si los habitantes de Neixón estaban o no rodeados por una muralla. La realidad es que lo que se topó no es una muralla al uso, sino un pequeño muro de contención, de unos 50 centímetros, que en la cima apilaría tierra (sic)
Cabe destacar que en años anteriores hubo problemas porque ese sedimento quedó ahí tiempo y tiempo, empañando la imagen de un castro muy visitado a pie de mar (sic)
Por otra parte, los turistas o vecinos que decidan darse una vuelta por Neixón deben saber que, además de visitar el milenario yacimiento, pueden ver y practicar la cultura castrexa
(sic)

Fotografía: La Voz de Galicia, edición Barbanza, 24 de agosto de 2009, edición dixital

21/8/09

Uxío Souto


Seguimos en Cuntis. Nas nosas entrevistas aos canteiros, falando da guerra e da represión xurdía o recordo de Uxío Souto, talentoso escultor e pintor de Xinzo (Cuntis), profesor de Debuxo, fiel republicano que cruzou a fronteira e acabou nos campos de concentración franceses. De alí marchou a México. Uxío deixou para a posteridade pinturas que reflicten, no seu personalísimo estilo, todo o trauma da derrota, a humillación e o exilio.

Fotografía: Campo de concentración en Francia, 1939. Uxío Souto.

Canteiros cuntenos


Ao longo do século I a. C. vése claramente no castro de Castrolandín como se adoptan modelos propios do mundo dos oppida meridionais como as casas-patio ou os torreóns que conforman os sistemas de acceso desas protocidades. A este respecto, a escavación deste ano está permitindo exhumar un impresionante torreón circular na porta NW. Como se pode comprobar os cuntenos de Castrolandín xa eran bos canteiros para esa época e adaptaban eses modelos á súa realidade... como así fixeron os canteiros de Cuntis moitos séculos despois.

Todo queda na casa


O castro de Castrolandín semella a maqueta dun poboado da Idade do Ferro e representa moi ben o que era un poboado fortificado entre os séculos II a.C e I d.C. A pequena escala podemos ver o proceso de remodelación urbana, a petrificación das estructuras, e a paulatina monumentalización do espazo doméstico. Castrolandín atópase nunha zona de contacto entre N-S e costa-interior, recibindo a influencia de diferentes ámbitos territoriais que experiemntan distintas dinámicas sociais.

Centro-periferia


A ampliación da antedita cuadrícula permitiu exhumar a metade dunha cabana duns sete metros de diámetro, bastante ben conservada coa súa porta, o seu burato de poste, a súa lareira e o nivel de ocupación a puntiño de caramelo. Ao carón documentamos outro muro probablemente pertencente a outra cabana. Segue a abraiar a capacidade dos habitantes dos castros para habilitar superficies habitábeis en zonas abruptas, reaproveitando os afloramentos rochosos e nivelando o terreo. Esta terraza periférica do castro de Castrolandín reflexa o paso previo á conquista definitiva do val.

A lei de Murphy



A lei de Murphy atopa un campo de contrastación excelente na Arqueoloxía de campo. Velaquí un magnífico exemplo. Unha miniterraza do castro de Castrolandín a tomar por saco do recinto fortificado. Planéase unha sondaxe pequena e por suposto aparece unha cabana. Se queremos exhumar a casa en pranta temos que abrir outras tres cuadrículas. Pero o que non falla da lei de Murphy é que a lareira da casa queda empotrada no curruncho da calicata. Un clásico.

19/8/09

Neixón: A Nosa Torre


Dende os inicios do verán unha manchea de xente preguntábanos sobre o proxecto de Neixón deste ano, sobre o que ía acontecendo ao respecto, sobre o trasfondo que se agochaba no fondo do cambio de rumbo na xestión dos castros de Neixón. Perante o silenzo mediático e a actitude do concello de Boiro, tentando amosar á sociedade que todo seguía igual, decidimos levar a cabo a serie de catro entregas titulada Neixón: A Nosa Torre nun dos poucos medios independentes que quedan por estes lares, ou sexa, o Xornal Certo. Aquí podedes atopar outra visión da realidade, apoiada en datos, eventos e procesos perfectamente documentados dende 2003. Aquí veredes unha serie de acontecementos que foron conscientemente agochados, silenzados e manipulados pola Concellería de Cultura do Concello de Boiro e mailo Centro Arqueolóxico de Barbanza. Con esta entrega poñemos a disposición dos cidadáns e cidadás libres información púiblica para que saquen as súas propias conclusións. A consigna do noso proxecto e do blog Arqueoneixon sempre foi a transparencia dentro dunha Arqueoloxía pública. Facer público o que acontece é a finalidade, que saibamos, dos medios de comunicación.
Dito isto, non volveremos sobre este tema agás que dende o Concello de Boiro e adláteres se volva dubidar da profesionalidade do noso equipo de traballo, se minta de xeito canalla sobre o que aconteceu entre 2003-2008 ou se tente enganar á opinión pública. Agora o que nos preocupa, e debería preocupar ao conxunto da sociedade, é o que vai pasar cos castros de Neixón e o Patrimonio arqueolóxico do concello de Boiro. Agardemos que os responsables acerten coas fórmulas de xestión e resposten ás necesidades da área arqueolóxica de Neixón, un espazo emblemático de Boiro, a súa verdadeira torre de Hércules.


http://certo.es/index.php?page=neixon-_a_nosa_torre-i

Castrolandín


Ao longo do mes de agosto podedes visitar as escavacións arqueolóxicas levadas a cabo no castro de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra). Esta intervención, dirixida polo noso compañeiro do LAPA Carlos Otero Vilariño, realízase no marco dun proxecto de campo de traballo interautonómico para mozos e mozas de todo o Estado, que segue o modelo do proxecto dos castros de Neixón. Nesta campaña, entre outras cousas, estáse ampliando a escavación da porta de acceso NW ao asentamento, descubríndose un monumental torreón circular.

17/8/09

Os andares da pedra


Mañá martes ás 20:30 no Auditorio de Cuntis terá lugar un acto de homenaxe aos canteiros cuntenos coa presentación do traballo de documentación realizado pola empresa de xestión cultural Terceira Persoa no outono de 2008 e no que participamos. Amosarase o enfoque etnoarqueolóxico e interdisciplinar que presidiu a investigación, integrando antropoloxía visual, microhistoria, etnografía e arqueoloxía do pasado contemporáneo. Unha perspectiva multidimensional que serve de proposta de deseño para o futuro museo da cantería tradicional de Cuntis. A través dos andares da pedra, das historias de vida, dos arquivos familiares, da historia oral, podemos facer toda unha historia do século XX e abordar a emigración a Arxentina e Cuba, a guerra de Morrocos, a guerra civil e a represión fascista, o sindicalismo de preguerra, a emigración a Venezuela e Brasil, a modernización, a postmodernidade...

Fotografía: canteiros cuntenos facendo panteóns no camposanto de San Miguel de Barcala, anos 50.

Pasado hipotecado


A Prehistoria é un continuo referente icónico-visual e identitario para a sociedade asturiana. Como nos contaban en Infiestu os donos dun posto de libros os ástures eran cojonudos, nas casas de teito non tiñan problemas coa comunidade de veciños, nin tiñan que pedir permiso para reformar a fachada Sobre a percepción do pasado castrexo en Asturias aconsellamos de novo o libro de C. Marín Suárez: Astures y Asturianos: Historiografía de la Edad del Hierro en Asturias (Noia, Toxosoutos, 2005).

Asturias: non só paraíso natural


Asturias concilia paisaxes e visións do pasado como as anteditas, cunha xestión modélica do seu Patrimonio natural e cultural que xa quixeramos nós. Como probas na zona oriental temos o Museo de la Minería y de la Industria de la Mina San Vicente en El Entrego, a Fundación Arquivo de Indianos ou o Museo de la Emigración en Colombres, o Museo del Jurásico de Asturias en Colunga. Por non falar do Parque de la Prehistoria de Teverga ou das numerosas exposicións itinerantes e recreacións etnográficas que inzan os pobos da rexión nestes meses de verán. O único problema é que non poñen pinchiños acompañando as sidrinas. Aí gañamos nós.

La Nueva España


Nas termas de Cuntis acougaban os moros feridos na fronte durante a guerra civil. O crego tapaba cunha saba branca a estatua do Santiago Matamoros para non ferir sensibilidades. O mesmo acontecía en Compostela coa chegada baixo palio do Generalísimo e a súa Garda Mora á catedral o día do Apóstolo. Os perigos da Mourindade seguen presentes no imaxinario ideolóxico e político de bastante xente neste país. Por certo, de Cuntis foron moitos canteiros que traballaron na rehabilitación de igrexas danadas pola guerra en Asturias e na construcción desta escenografía de Covadonga. Do que se esquence todo o mundo (non hai placas) é do traballo forzado dos presos republicanos que purgaban os seus pecados e contribuían ao renacemento de España.

Covadonga


Covadonga mantén incólume a súa natureza de icono dunha visión concreta do pasado do Reino de España. Moitas das placas conmemorativas que inzan esta escenografía, datadas nos anos 70 e anteriores, dificilmente poderían ser colocadas a día de hoxe, en plena alianza de civilizacións, nos tempos da multiculturalidade e da globalización. O curioso é que este período altomedieval no que Pelaio e Fávila facían das súas, no que tantos españois se identifican no presente, é apenas coñecido dende a Historia e a Arqueoloxía, malia a súa potencialidade. En Asturias mesmo unha investigación como a de Margarita Fernández Mier, feita dende a Arqueoloxía da Paisaxe, debrúzase nun baldeiro notable para estes séculos nos que se dan procesos tan interesantes coma o primeiro incastillamento ou a ruptura e continuidade co poboamento castrexo. O mesmo acontece en Galicia. Dende Arqueoneixon estamos a desbarallar sobre este tema, sobre o que aportaremos novedades no vindeiro ano 2010. Ide apuntando un nome: castelo de Vitres (Cures, Boiro).

14/8/09

Os cativiños


Aquí en Nine vivira unha señora moi velliña, moi velliña, que nos contaba dos mouros do Castro Pequeno, que era xente cativiña, pequena, que vivía nunhas casopas de palla e apenas tiñan para comer. Andaban por alí cuns potiños de barro. Que a xente de Nine lles daba sacos para que se fixesen roupa, que andaban espidos. Os mouros eses eran cativiños e comían pouca cousa, ostras e mexillóns.

Fotografía: Panorámica d'O Castro Pequeno dende o campanario da igrexa parroquial de Taragoña (Rianxo)

13/8/09

Neixón no Bierzo


O documental O'Neixón: historia viva dun castro vén de ser seleccionado para participar no VII Festival de Cine de Ponferrada, na mostra paralela Sin fronteras. Trátase dunha mostra itinerante por diferentes localidades da bisbarra d'O Bierzo que comezará a finais do mes de setembro e se prolongará ao longo do outono do presente ano. A organización do festival valorou os contidos etnoarqueolóxicos da longamentraxe, así como a importancia das escavacións arqueolóxicas que o LAPA do CSIC ten levado a cabo en Neixón e a conservación do Patrimonio Cultural que o proxecto ten xenerado.
Páxina web do Festival: www.festivalcineponferrada.com

12/8/09

1978


A Virxe do Carme levada en ombreiros polos rapaces das aldeas da contorna de Neixón. Rapaces que hoxe teñen 31 anos máis e son uns auténticos clásicos da Romaría, que seguen a vivir coa paixón de sempre. Jeans e estética de Bruce Springsteen. O transformador da luz. A paisaxe. O crego. A pista sen asfaltar.

1ª Romaría de Neixón


O proxecto de recuperación do Patrimonio fotográfico local de Cespón segue a dar froitos interesantes, grazas á sentida colaboración da Asociación de Veciños Neixón de Cespón. Estamos en 1978. Fotografía en cor. Época de cambios: a bandeira galega déixase ver cando está xa a ultimarse a transición. Mais continúa o folklorismo propio da etapa precedente, con escenografías propias dunha romería gallega

3/8/09

Actos de véspera


Como todos os anos, a véspora da Romaría é boa ocasión para divulga-lo coñecemento xenerado no proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón. Este sábado 8 de agosto no Centro Social de Cespón, ás 19:00 horas, daremos unha conferencia sobre o Castro Pequeno de Neixón amosando os interesantes resultados da intervención desenvolta en 2008. Acto seguido, ás 20:00 horas exhibirase o documental de Lukas Santiago O'Neixón: historia viva dun castro. Organiza o LAPA (IEGPS - CSIC) e a Asociación de Veciños Neixón de Cespón.

Chegou o día, chegou a Romaría


Este vindeiro domingo día 9 de agosto celébrase a XXXI Romaría de Neixón ao pé do parapeto do Castro Grande de Neixón. Se queredes algo de información sobre a microhistoria da festa podedes consultar a nosa colaboración no Xornal Certo http://certo.es/index.php?page=a_romaria
A pasalo ben.