30/6/11

Balil Illana


Na década de 1960 comeza a formarse na Universidade compostelá unha nova xeración de arqueólogos e arqueólogas, á beira de dúas institucións: a Sección de Arqueoloxía e Prehistoria do IEGPS e o Seminario de Arqueoloxía creado na Facultade de Xeografía e Historia en 1968, trala chegada do Prof. Balil Illana. O mestrazgo deste sabio na súa estadía na Universidade compostelá (até 1972) suporía un acicate na promoción dos estudos sobre a romanización de Galicia dende os presupostos da Arqueoloxía Clásica. Dentro deste contexto, os Castros de Neixón pasaron a ser de novo un obxecto de estudo privilexiado para levar á práctica a estratexia de investigación arqueolóxica deseñada dende as citadas institucións. En 1970 reinícianse as campañas de escavación arqueolóxica no Castro Pequeno baixo a dirección de A. Balil e F. Acuña (campañas de 1970, 1971 e 1972). Despois interveríase no Castro Grande, dentro do proxecto de estudo sistemático da romanización e dos contactos comerciais na ría de Arousa, marco no que tamén se levaron a cabo campañas de escavación dirixidas por Balil no xacemento de As Torres de Oeste en Catoira.
De todo isto probablemente fale Fernando Acuña Castroviejo o vindeiro luns no Consello da Cultura Galega no marco da VIIª Reunión de Escultura Romana en Hispania (Homenaxe ao Prof. Dr. Alberto Balil) cunha ponencia inaugural titulada A. Balil e a renovación da arqueoloxía galaica (12:00, 4 de xullo, CCG). Unha boa oportunidade para coñecer o pasado recente de Neixón como espazo arqueolóxico.

Sobre as intervencións dos anos 70 nos castros de Neixón podedes ver a comunicación de F. Acuña nos I Encontros Arqueolóxicos do Barbanza
http://www.centroarqueoloxicodobarbanza.org/es/galerias_videos_lista.asp?id_gal=8&pag=1&id_video=51

27/6/11

Os vellos camiños do Barbanza


Este sábado 2 de xullo, ás 12 do mediodía, presentarase na Casa de Cultura de Boiro o libro Os vellos camiños do Barbanza coordenado por Mª. Lª. López Otero da Asociación O Faiado II. Neste volume inclúese o artigo noso Entre ambas as dúas rías: vías de tránsito, arqueoloxía e paisaxe no Barbanza unha nova entrega do enfoque interdisciplinar que preside a xeira investigadora dos United Neixons. Desta volta, os autores somos X. M. Ayán Vila (LAPA, CSIC, X. M. Sánchez Sánchez (Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago), L. González Pérez (Alicerce S.L, P. Fábrega Álvarez (LAPA, CSIC), R. Mª. Rodríguez Martínez (Deputación de Pontevedra), P. Fermín Maguire (Arqueólogo do proxecto dos castros de Neixón), J. C. Collazo Alejandre (Arqueólogo do proxecto dos castros de Neixón) e J. Á. Anca Calvo (Director Técnico de Alicerce S. L.). Para a semana teredes á vosa disposición o PDF da publicación.

21/6/11

Cuarto aniversario


En xuño de 2007 comezabamos a andaina deste blogue socioarqueolóxico. Moitas cousas pasaron dende aquela, pero nós seguimos virtualmente no mesmo sitio, abogando por unha maneira de facer, sentir e transmitir a Arqueoloxía moi concreta, diametralmente oposta ao modelo de Arqueoloxía que se está a facer hoxendía na área arqueolóxica de Neixón. Este blogue seguirá sendo a canle de transmisión do coñecemento científico xerado polo noso proxecto, converteráse en breve no punto de descarga de todas as memorias de escavación (2003-2008) e seguirá sendo un portal para falar de arqueoloxía, memoria, política, identidade e persoas do pasado e do presente.
Recordamos aquí o decálogo co que iniciamos esta aventura, para que ninguén se chame a equívocos.

NO QUE CREMOS

1. A Arqueoloxía é unha prática social no presente que debe satisface-las demandas e necesidades da cidadanía e respostar ás esixencias do mercado.
2. A Arqueoloxía é unha ferramenta de construción social da realidade. Non é unha prática inocente, unha suxerente especialidade das Humanidades, senón que devén unha arma de primeira orde na xeración de discursos políticos sobre o pasado e na reconstrución e invención das identidades.
3. Conscientes deste feito, cómpre reflexionar criticamente sobre a Arqueoloxía como disciplina, redefini-lo seu potencial e aplicalo á sociedade. Esta perspectiva aplicada contribuirá a unha mellor valoración social da nosa prática, contribuíndo á concienciación patrimonial e ao desenvolvemento local.
4. Unha Arqueoloxía crítica contribúe a xenerar espíritu crítico na sociedade e axuda a construír, reconstruír e deconstruí-la memoria social a través do Patrimonio Cultural.
5. No proxecto de Neixón aceptamos e aplicámo-lo Código de Práctica da European Association of Archeologists aprobado en Ravenna o 27 de setembro de 1997
6. Seguindo ese código de conducta asumimos a obriga de enceta-los pasos necesarios para informar ao público xeral de tódolos obxectivos e métodos da nosa prática arqueolóxica, empregando tódolos medios de comunicación dispoñibles.
7. Asumímo-la obriga de preparar e facer accesible á comunidade arqueolóxica (e non arqueolóxica) as nosas investigacións co mínimo retraso posible, a través de publicacións e/ou medios electrónicos.
8. Asemade, o rexistro arqueolóxico exhumado (depositado no Centro Arqueolóxico de Barbanza) coma as nosas investigacións quedan á libre disposición de estudosos, estudantes e especialistas, seguindo a lexislación vixente na materia.
9. O proxecto de Neixón conta con tres grandes activos: a motivación do traballo voluntario, a interdisciplinariedade e a participación activa e maila integración da comunidade local.
10. Neste senso, o noso proxecto fuxe do academicismo erudito e tenta documentar e respecta-la multivocalidade, isto é, as diferentes voces e interpretacións que conflúen nos castros de Neixón. Resulta tan lexítimo o noso discurso científico, coma o imaxinario popular (coa súa visión mítica dos mouros como os habitantes primixenios de Neixón), coma a visión que teñen as persoas de Nine que seguen vendo Neixón coma un espazo vencellado á súa experiencia vital dende a nenez, ou as opinións de todos aqueles que utilizan ese espazo: xogadores de fútbol que fan alí a pretemporada, as mariscadoras, os vixiantes das Confrarías, os furtivos, os veraneantes e turistas, etc... Até certo punto a Punta de Neixón é unha escenografía da Postmodernidade, pero tamén é un espazo vivo que reflicte e, á súa vez, xenera, identidade.

Gracias a todos por entrar pola xanela de arqueoneixon.

Popurri




En tempos de crise xurden escenografías e reclamos diagnósticos da realidade social que estamos vivindo. No pobo catalán de Berga os donos dun inmoble vénse na necesidade de explicar a causa do abandono da casa; non, non é por defunción nin por reformas. En Sarria, na rúa dos anticuarios, un solar abandonado loce un indicador que permite ao galego fetén ollar con optimismo ao futuro: mentres hai pulpo hai esperanza. Pulpo Fiction. Mesmo aqueles que viven na porta do Alén, en San Andrés de Teixido, para sobrevivir á competencia chinesa, venden llamadores de ángeles, que sempre fan falla, non vaia ser. Todo un popurri gráfico da crise.

17/6/11

Monopopuli


Segundo exemplo. Maxistral a visita guiada de Antonio Colmenero ao castro de Saceda. Un home que nos fala da súa paisaxe natal, do territorio, das relacións entre asentamentos sancionadas pola tradición oral; o sistema de morse empregado entre os habitantes da Igrexiña dos Mouros do Larouco e os mouros da Saceda, o folión que seguen botando pola Santa Catarina os habitantes da Saceda no cumio do castro... Historia viva da arqueoloxía galega recente, Colmenero reviviu con perspectiva os anos 80 e mesmo o traballo pioneiro de Taboada Chivite que ía en burra ás súas escavacións en San Millán. Poucos sitios hai como o castro de Saceda para comprender a paisaxe da 2ª Idade do Ferro e o proceso de monumentalización reflectido na arquitectura. Simpática foi a argumentación de Colmenero sobre a distribución dos pobos prerromanos na zona, movendo tribus, mansións viarias e civitas por aquí e por acolá. Xogando ao monopopuly no castro da Saceda.

Pegadas e sinalécticas




Visitar xacementos castrexos polo NW é unha risa. A Administración, os técnicos de desenvolvemento local, os Concellos, os arqueólogos imos inzando a paisaxe de carteis ambiguos pensando que así cobrimos o baldeiro infoemativo do que somos responsábeis. Tamén somos artífices de estranos signos na pedra, como esa base topográfica no castro de Saceda que dentro de séculos interpretarán, no vindeiro curso de castros do interior, coma un exemplo excepcional de labirinto atlántico na Limia. Formas efémeras ou non tanto de apropiación do espazo polos científicos.

Te enseño Lesenho


Na nosa opinión, o mellor das visitas de campo do mércores foi comprobar unha vez máis o vencello afectivo dos arqueólogos con determinados sitios, esta relación entre persoa-xacemento da que falou Tito Concheiro, e que é certa. Primeiro caso. O barroso Joâo Fonte, que voltou poñer Lesenho no mapa, artífice dunha charla-papelón: falar dun castro que ves pero ao que non vas subir. A brétema adentrándose pola vagoada, fechando a panorámica do vértice de Lesenho, mentres o arqueólogo dialoga coa néboa, toda unha metáfora do misterio do pasado, da falla de nitidez das nosas reconstrucións científicas sobre a vida dos habitantes dos castros.

Fin de curso


Obélix, Astérix e Panorámix acabamos de voltar de Xinzo da Limia do curso de extensión universitaria sobre os castros de interior, dirixido por Fermín Pérez Losada (Universidade de Vigo). O vello e republicano modelo da extensión universitaria permite coñecer a asistentes como unha economista namorada do Patrimonio, o guitarista dunha orquestra de verán ou unha doutora en Física que se adica a enfriar átomos. Marabilloso. Coma sempre, o máis aburrido, o discurso noso, o dos arqueólogos e arqueólogas que na meirande parte das ocasións, esquencemos o público e non axeitamos a nosa chapa á realidade.

Exaltación e interpretación


Grazas ao noso compañeiro Joâo Fonte puidemos visitar, no marco do curso Castros de interior o ecomuseo de Montalegre, un novo exemplo de estratexia de posta en valor baseada en centros de interpretación financiados con fondos europeos. O desenvolvemento local converteuse en toda unha ideoloxía que merece incluso festas de exaltación. Estes días enteirámonos pola prensa de dúas novas:
- Un empresario chinés reconstruúe o poboado austríaco de Hallstatt perto de Cantón.
-Inaugúrase o centro de interpretación das caras de Vélmez, con financiación da Deputación de Xaén.

14/6/11

As Frieiras


En arqueoneixon temos debilidade por Beatriz Comendador Rey, profesora de Prehistoria da Universidade de Vigo, do mellor da arqueoloxía deste país. Cos alumnos Alberto Pungín e Cristina Fernández amosou unha visión integral da terra das Frieiras no marco do proxecto da Urdiñeira. Unha magnífica presentación na que se falou de escenarios, paisaxes, depósitos e procesos de construción do territorio dende a Prehistoria Recente até hoxe. Adoptando un enfoque interdisciplinar nada se escapa á equipa de traballo, dende as históricas explotacións de estaño, pasando pola percepción das comunidades locais con respecto ao seu Patrimono. Maxistral o audiovisual de dous minutos para rematar a comunicación: un texto en galego do século XV atopado no arquivo da casa de Osuna no que se escribe o ritual de apropiación feudal do territorio, cunha perfomance propia da mitoloxía escandinava, cando menos. Impresionante.

O mundo trasmontano


O arqueólogo da Universidade de Braga Francisco Sande Lemos botou man da arqueoxeografía para sintetizar os condicionantes climatolóxicos, hidrícos e medioambientais que axudan a comprendermos a concentración de oppida no NW de Portugal e a súa ausencia en Tras-os-Montes oriental, unha área á que leva adicados décadas da súa extensa traxectoria investigadora.

Abre la muralla


Ángel Villa Valdés falounos do cambio drástico na visión das xentes castrexas da bacía do Navia grazas aos traballos rigorosos e metódicos de escavación durante os últimos anos en Chao Sanmartín, Coaña, Pelou, etc... Antolóxica foi a súa visión dos monumentos con forno cunha acaída metáfora material desa arquitectura, na que se recrearían ritos nos que o sexo feminino e a procreación terían o seu trasunto no angosto acceso á camara das pedras formosas. Un fermoso símil que nos axuda a comprender a arte castrexa. Tamén para apuntar a identificación dunha nova sauna castrexa no Castelón da Fonsagrada, a partir dunha guía turística Everest dos anos 70.

Terras sen torques


Despois dunha cantas tapas de pulpo e uns viños aquí estamos desfrutando do curso sobre castros de interior en Xinzo de Limia. Onte non estivo nada mal a presentación introdutoria do noso compañeiro Alfredo González Ruibal (LAPA, CSIC) que nos falou das comunidades da Idade do Ferro destas terras montesías, unhas xentes de aquí e acolá que se empeñaron en non ir de chachiguais do progreso e foron rabudos coa súa estratexia de resistencia contra a división social e mailo Estado. Un caso único en Europa, como é un caso único a dinastía baltárida. De aquellos polvos vienen estos lodos.

9/6/11

Todo pola causa



Seguimos coas opinións dos cidadáns sobre como reactivar a área arqueolóxica de Neixón.

J. Carlos de Rianxo
Esperemos que Dieste lle dea a volta o que fixeron os "iluminados" coma destruir parte do xacemento para facer a ampliación do CAB,bueno iso non vai poder ser,para os actos de dia e medio.O de aplicar o mesmo modelo de Atapuerca tendo en conta o que é un e outro xacemento é de selenitas(eche o que ten as xeiras).Esperando que Dieste non olvidara a vergoña que nos fixo pasar o bipartito o dia da prersentación do documental sobre o Neixón agardamos que teña en mente quen de verda volveu a poñer o Neixón no mapa da arqueloxía.

Manuel Rial de Boiro
Contratando al equipo arqueologico que lo puso en valor, y no al que traen estos ultimos años que trabajan sin contar con el pueblo.

Pola parte que nos toca, moi agradecidos pola valoración do traballo feito. Nós cometemos erros ao longo do proxecto pero o que si é certo é que o que si acadamos foi reintegrar á comunidade local non só na proxeción e proteción da área arqueolóxica senón tamén no propio proceso de xeración do coñecemento arqueolóxico. Este proceso truncouse de xeito traumático en 2009 e velaí están as consecuencias.
Que Neixón sexa BIC é mérito de moita xente e doutros arqueólogos que aman Neixón como Tito Concheiro, por non falar dos clásicos que puxeron Neixón no mapa da Arqueoloxía hispánica.
Obviamente, segundas partes non son boas e nós xa cumprimos o noso ciclo neixonense. Seguimos traballando por este sitio continuando coas nosas investigacións e criticando publicamente as cafradas ás que está sendo sometido nos últimos anos de xeito gratuíto. Aínda así seguimos prestando servizo á causa, con traballos dos que vos informaremos en breve.

Fotografía: mnariscadoras e arqueólogos no Castro Grande de Neixón. Campaña de 2004.

7/6/11

Castros do interior


A Universidade de Vigo organiza a vindeira semana en Xinzo de Limia o curso de extensión universitaria Castros do interior no que se presentarán notables novidades arqueolóxicas sobre a Idade do Ferro e a romanización do NW. Alí estaremos para aprender dos e das colegas. Transmitirémosvos en tempo real impresións e comentarios sobre as ponencias. A todo isto, o LAUV segue na avangarda da divulgación e comunicación da Arqueoloxía galega; as ponencias serán gravadas en vídeo e penduradas da Rede para o acceso público. Parabéns novamente pola iniciativa.

6/6/11

Retraso e irresponsabilidade


Baroña é a postal turística de Galicia, un xacemento monumental e espectacular que se vende por si mesmo. O problema é que o visitante non se enteira de nada, cun modesto centro de interpretación que queda a uns cantos kilómetros do lugar. Pola contra, Neixón conta cun centro arqueolóxico ao sopé e moita información dispoñible grazas á investigación feita, divulgada e publicada nos últimos anos. O malo neste caso é que cómpre educar a mirad arqueolóxica do visitante acostumado a ver moreas de casarellas circulares do estilo de Baroña e Santa Trega. Novamente, Neixón non debe mirarse noutras experiencias e xacementos, senón procurar un modelo de xestión propio que resposte da mellor maneira á súa idiosincrasia.
Tamén se comenta o retraso no expediente para declarar BIC aos castros de Neixón. Home claro, pasou o que tiña que pasar; cando se destrúe parte do que hai que protexer pasan estas cousas. O único responsable é o Concello de Boiro e o arqueólogo do CAB, Víctor Barbeito, como todo o mundo sabe e ningún xornal citou nos últimos anos.

Figura: tramo de foxo do Castro Grande de Neixón escavado na campaña de 2007.

Castros en perspectiva comparada



Maruja Crespo de Boiro

Nueve meses para un trámite burocrático me parece un exceso. Esperemos que después de las elecciones el Concello de Boiro, sea cual sea, se ponga a trabajar para potenciar este espacio arqueológico, que falta le hace. Esperemos que no acabe como Baroña.

Elías López de A Pobra

La declaración de Bien de Interés Cultural del castro de Neixón era algo más que merecido para este enclave. Sin embargo, ahora queda lo más difíci, que es la promoción del lugar. Deben editarse guías y trabajar para acercar a los turistas hasta Neixón. Tampoco conviene olvidar la señalización, que en algunos casos a día de hoy es deficiente

Un espazo vivo


Neixón é unha área arqueolóxica cun claro potencial que non resulta doado amosar claramente ao visitante pola longa duración do ocupamento dos castros, polo tipo de estruturas que aparecen, etc... Pero, doutra volta, conta con todo ao seu favor para solventar as demandas patrimoniais da cidadanía. A nosa experiencia de sete anos así o demostra. Chega con maximizar o potencial didáctico do CAB, con formar a bos e documentados guías, con inserir á comunidade local no proceso de construción do coñecemento arqueolóxico de Neixón e con abrir a actividade arqueolóxica a todo o mundo. Estas son as accións que converten a Neixón nun espazo arqueolóxico vivo, algo moito máis desexable ca un parque temático. En todo caso habería que pensar por que o parque temático do arqueódromo de San Roque ten máis éxito có propio CAB, tan científico el.

Fotografía: escavación arqueolóxica no campo de traballo de Neixón. Campaña 2003.

1/6/11

Neixón: parque temático




Carlos C. de Boiro:

Para que la gente que vaya a visitar el castro tenga una idea aproximada de cómo era la vida de sus moradores, lo mejor sería hacer un parque temático. Reproducir un día en la vida de aquellos hombres y mujeres. Incluso, pueden plantearse actividades específicas para los niños, haciendo de Neixón un lugar de esparcimiento, uno de esos sitios a los que las familias deciden ir para disfrutar de una jornada de descanso.

Paloma E. de Noia:

Me temo que la situación económica impedirá la recuperación a corto plazo de este espacio. Sin embargo, también creo que un parque temático sería la idea en la que deben basarse sus actuaciones. La comarca necesita más espacios de ocio para disfrutar del tiempo libre en familia. Además, pienso que ideas como esta impulsarían el turismo en la zona.

Fotografías. Poboado da Idade do Ferro recreado no Irish National Heritage Park (Irlanda)e plano do mesmo.

Complexo de capital


A ausencia dunha rede arqueolóxica barbanzona, eiva sinalada por María, é unha verdade coma un templo. Eu xa levo uns anos escoitándolle a diferentes alcaldes e concelleiros de Cultura aquilo de imos converternos na capital arqueolóxica de Barbanza. Agora tócalle o turno a Riveira. Velaí está esa nota de prensa eleitoral do PP local que saiu antes da eleccións (via Xornal Certo):

RUÍZ RIVAS PROXECTA CONVERTER A RIVEIRA NA CAPITAL CULTURAL ARQUEOLÓXICA DE GALICIA
O proxecto contempla a ampliación e mellora do Centro de recepción de visitantes de San Roque para convertelo en Centro de Interpretación dos restos e intervencións nos castros da Cidade e de Porto Baixo.
Riveira, 18 de marzo de 2011.- O candidato do PP á Alcaldía de Riveira, Manuel Ruíz Rivas, concede no seu programa de goberno unha especial atención ao patrimonio cultural, cun programa de accións co que proxecta converter a Riveira na capital cultural arqueolóxica de Galicia. Ruíz Rivas amósase convencido de que o patrimonio arqueolóxico é “posiblemente o de maior potencial turístico de todos os recursos cos que conta o concello”.