7/7/11

O depósito 9







Cada unha destas manchas correspóndese cunha tumba, formada por unha foxa escavada orixinariamente no sustrato areoso, na duna que ocupa toda a zona. Estas foxas foron seccionadas polo labor das retropalas, polo que, en moitos casos, se ten preservado unicamente a metade ou un terzo da estrutura.
O seguimento da escavación da alcumada por nós tumba 9 permitirános explicar graficamente a metodoloxía de traballo empregada. Neste caso, a limpeza do perfil deixou en evidencia a presenza dunha destas foxas, incluídos varios obxectos metálicos (nocelleiras, machados) vencellados a ela. Unha vez definida a estrutura no perfil, encetamos unha sondaxe en pranta para exhumar a totalidade da tumba. Nesta segunda fase escavamos con todo detalle o depósito do interior da foxa, rexistramos coa estación topográfica a localización de cada obxecto, tomamos mostras edafolóxicas e radiocarbónicas e debuxamos todo o enxoval funerario. Unha escavación arqueolóxica non deixa de ser unha destrución controlada, polo que todo este traballo de rexistro e documentación minuciosa é fundamental para xerar coñecemento sobre esa sociedade do pasado e para reconstruir unha imaxe rigorosa do ritual funerario. No debuxo de Mario Trigo podedes ver unha recreación hipotética da disposición do cadavre a partir dos dados extraídos durante a escavación da tumba 9.

No hay comentarios: