28/6/08

WAC 2008


O luns dá inicio o 6º World Archaeological Congress en Dublín (Irlanda) (29 de xuño-4 de xullo de 2008). Alí o proxecto de Neixón estará presente coa comunicación de Pedro Fermín e Xurxo Ayán The Archaeology of concentration camps in Galicia (Spain) na sesión Archaeology and the failures of Modernity coordenada por Alfredo González Ruibal e Ashish Chadha. Informaremos puntualmente ao longo de toda a semana dese WAC 2008, o mellor expositor da arqueoloxía que se fai neste mundo globalizado no que vivimos.

Máis información en http://www.ucd.ie/wac-6/

25/6/08

Aniversario


Arqueoneixón fixo un ano de vida neste mes de xuño. Sabemos que hai algunha xente que nos segue a pista garimosamente. Segundo as estatísticas do blogomillo ocupámo-lo posto 259 dun total de 5466 blogs feitos dende Galicia, en galego. Abraiante, cando menos. Como mellor agasallo para celebrar este evento témo-la sorte de seguir traballando nos castros de Neixón nesta campaña 2008 que dará inicio o 7 de xullo. Estades convidados a pasarvos por esta pequena república prestamarca, laica e independente da ría de Arousa.
Saúde e república.

24/6/08

San Xoán

Un paseo noitarego polas rúas de Compostela na noite de San Xoán amosa ben ás claras o pastiche no que se ten convertido esta festa. Non se trata de laiarse dos tempos idos, pero nos últimos anos pouco queda xa daquela festa rachada: espazos acotados, prazas reconvertidas en museos (cercenadas como espazo social, vivo), políticos que arrincan como resortes cando se acende a luz das cámaras, minicacharelas en sitios postmodernos, colas disciplinadas, sardiñas-kebab... Non somos tradicionalistas, pero cando a tradición ou o costume se delimitan ata o último detalle, iníciase o camiño da fosilización museística. Non o dubidamos, o ano que vén, coma sempre, dende o ano 2000, voltaremos ao castro de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra), onde os avós ensinan aos nenos a face-las fachas do castelo de San Xoán, que coroa a muralla do castro.

Fotografía: noite de San Xoán en Castrolandín.

20/6/08

Arqueoloxía da Arquitectura


Unha inscrición rianxeira que se salvou polos pelos.

Tempos de crise

Heliporto


O carro antedito forma parte de toda unha escenografía da Postmodernidade; nese coto da Eira atopamos cousas coma un barco (en pleno Ourense), rodas de muíño e unha eira de mallar reconvertida en heliporto. Que opinará o crego de Vedra de todo isto?

O carro


O párroco de Vedra aconsella aos seus fregueses na folla parroquial sobre o futuro das linguas: o galego, di el, é un incordio, un estorbo, algo atrasado coma o carro dos bois. Vaia crack, un fulano que de linguas mortas ten que saber un rato, despois de anos estudando latín, unha lingoa moi útil se aplicámo-lo seu razonamento. Pero non é ese desprezo cara ao idioma deste país o que nos chama a atención, senón esa recorrente metáfora do carro como símbolo de atraso. Hai escasos días o concello de Chantada decidiu mercar uns cantos carros tradicionais a paisanos da zona para chantalos nas rúas principais da vila a xeito de instalación artística. Tradición, modernidade, identidade. Velaí as tres asignaturas pendentes da Igrexa católica, apostólica e romana, eivas que, por suposto, o crego de Vedra, co seu espírito crítico, agudeza, traxectoria vital e apertura de miras, non vai solucionar.

Fotografía: carro no Coto da Eira en Santo Andrés do castro de Beiro (Ourense).

16/6/08

Arqueoloxía da Idade do Plástico


Non é a primeira vez que citamos aquí aportacións verquidas por Bea Comendador no blog amigo www.pasadoreciclado.blogspot.com unha das olladas arqueolóxicas máis intelixentes e simpáticas das reflexadas na Rede máis cercana. Reflexiónase alí sobre a cultura material da nosa infancia, das décadas de 1970 e 1980, plásticos, cristais e papeis que se converten, co paso do tempo, en restos arqueolóxicos que permiten datar unidades estratigráficas. Nesta liña, velaí tedes algúns dos materiais que permiten data-lo verquedoiro que cubría parte do sector 01 da nosa escavación no Castro Grande de Neixón: Mirindas, gaseosas Rianxeira, caramelos La Asturiana, pipas Facundo, búrmanflashes...

Fotografía: Leonardo González Pérez.

13/6/08

Auga para Etiopía


A ONG galega Implicadas no desenvolvemento está a coordenar unha serie de actividades que se desenvolven en Santiago de Compostela arestora no marco da campaña Auga para Etiopía. Tedes máis información en http://www.augaparaetiopia.org/ e no documento http://www.adega.info/files/Pacifismo/Auga%20en%20ETIOPIA.pdf

Fotografía de Xurxo Ayán: De volta da fonte (poboado de Bowla Dibas'i, Metekel, Etiopía occidental).

11/6/08

Neixón na Terra Chá


A investigación sobre os castros de Neixón está presente no I Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba que se está a celebrar esta semana na capital da Terra Chá, da man do equipo da Universidade de León dirixido por Carlos Fernández. Hoxe amosaron Víctor Bejega, Carlos Fernández e Natividad Fuertes a análise zooarqueolóxica das amostras faunísticas do Castro Grande de Neixón e mañá falará Eduardo González Gómez de Agüero sobre os úteis metálicos documentados nas nosas escavacións.
Información sobre o programa científico e resumo das comunicacións en http://www.arqueoloxia.org/resumenes.htm

Fotografía: crisol de fundición de bronce (séculos IV-III a. C.) documentado no foxo do Castro Grande de Neixón. Campaña 2007.

5/6/08

Chabolas


Swástikas nazis en barrios xitanos de Galicia. Censos fascistas de poboación xitana en Italia. Acampamentos a piques de seren destruídos pola especulación urbanística nas cidades galegas. Cando farán o mesmo cos narcopazos de todos coñecidos en primeira liña de costa?
Ás veces un sinte vergoña do seu propio país. O país da desmemoria. O país dos ananos.

(Fotografía: casas nun barrio en Addis Ababa (Etiopía).