30/3/09

Encerados de lousa


Na Biblioteca Municipal de Cuntis expónse até o 1 de maio a recreación dunha escola franquista da postguerra, en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia. Sobre o carácter fidedigno e auténtico da mostra só apuntaremos dúas anécdotas que nos contou Mario, o bibliotecario. Un vello de oitenta e pico anos, socialista de toda a vida queixouse amargamente de que se recordase esa época, cos retratos de José Antonio e Franco, e non entendía a razón pola cal se amosaba iso á xente nova. Outro home, de cincuenta e tantos anos de idade, entrou na sala da exposición e sentou nun dos bancais da aula: alí estivo un rato largo, esbagoando coma un meniño, lembrando as malleiras e acoso brutal do seu mestre. Dous exemplos do poder da cultura material, da materia sensible e trumática de que está feita a memoria, individual e colectiva. Sobran as palabras, pero fan falla os obxectos.

27/3/09

Sociedades contra o Estado?


Algúns pensamos que o proceso seguido polas comunidades da Idade do Ferro é un camiño con idas e voltas marcado pola resistencia á aparición do Estado, seguindo aportacións de, entre outros, Pierre Clastres. Pois ben, nesta zona de fronteira entre Etiopía e Sudán, tras todas estas fotografías máis ou menos anecdóticas, agóchanse diferentes estratexias adoptadas por diferentes grupos étnicos: resistencia contra o Estado cunha reafirmación da identidade tradicional, asimilación, aculturación, hibridación... procesos que se poden seguir analisando a cultura material.

Foto: cabanas no poboado añuak de Iliya coroadas pola bandeira etíope.

25/3/09

Capítulo 0


O blog Arqueoneixón é unha simple ferramenta de divulgación e difusión que xurde da Arqueoloxía oficial e académica, coas súas miserias e as súas potencialidades. Pola súa banda, o blog de Capítulo 0 de Manuel Gago é, sinxelamente, ARTE, con maiúsculas. Parabéns e grazas por ensinarnos a SENTIR a Arqueoloxía e o Patrimonio Cultural, material e inmaterial, deste país.

Fonte: Capítulo 0.

II Jornadas Arqueológicas

No blog amigo de pasado reciclado fanse eco das II Xornadas Arqueolóxicas a celebrar na Facultade Historia de Ourense o 29 e 30 de abril de 2009. Estes encontros están organizados polos alumnos, toda unha garantía de debates, crítica e gañas de aprender. Alí estaremos.

Day to day style


Velaquí tedes o interior da cabana precedente, tan tradicional, tan añuak de toda a vida. É o dormitorio dunha rapaza nova con tres fillos, que utiliza muíños barquiformes e cabazas decoradas pero que vive nun mundo globalizado con referentes suxerentes. A tradicional decoración das paredes interiores é substituída por xornais chineses, a cama sudanesa por colchóns convencionais, o vestido de toda a vida pola camiseta do Barcelona patrocinada por UNICEF. Os adolescentes de Iliya óllannos mal, con desdén, porque son modernos e non lles gusta que veñamos aquí á procura do bo salvaxe. A plasmación gráfica dese conflito entre Tradición e Modernidade que se dá non só en Etiopía, senón tamén na ría de Arousa.

24/3/09

Unha volta por Iliya


Hai poucos anos houbo enfrontamentos tribais entre nuer e añuak nesta zona de Gambela. Os añuak viene en conxuntos de habitación idénticos ás casas-patio dos oppida galaicos. O interior dos conxuntos está impoluto, inmaculado, varrido ao detalle. Os cinsais e verquedoiros atópanse fóra, ao carón dos camiños. Como dicía o outro: onde hai basura hai todo un sistema, toda unha cosmovisión detrás. Mais as impresións polas veces enganan. Esta cabana añuak, fermosamente pintada, remite a unha arquitectura ancestral chea de trasfondos simbólicos... Como serían as cabanas castrexas, pintadas e decoradas?

23/3/09

VIII Xornadas Blanco Freijeiro



Hoxe ás 20:00 horas na Biblioteca municipal de Marín ábrense as VIII Xornadas Blanco Freijeiro Arqueoloxía Cultural nas Rías Baixas coa exhibición do documental O'Neixón: historia viva dun castro. Para o noso equipo constitúe unha ledicia presentar nese foro a nosa forma de ver a Arqueoloxía, en grande medida non moi diferente -nalgúns aspectos- da de Blanco Freijeiro, quen aconsellaba a un amigo: Cuando vayas a Roma, tócalo todo; en muchos casos los dedos te transmitirán sensaciones tanto o más profundas que los ojos. A mellor definición do que se sinte nunha escavación arqueolóxica.

18/3/09

Que cruz!

O representante dun deus na terra visita estes días África condanando o uso do preservativo para combate-la SIDA. Con mensaxes tan intelixentes coma esta non vai ter moito público nun contexto de competencia entre credos clásicos (ortodoxos etíopes, musulmáns) e outros emerxentes, como as diferentes variedades de protestantismo que se abren camiño entre os pobos nilóticos, antano e hogano, animistas.

Igrexa en construción no poboado multiétnico de Gwankei, a escasos kilómetros de Sudán (Gambela, Etiopía occidental).

17/3/09

Peixe bo


Unha paisaxe aberta na que, tamén, todo é posible... como nos filmes surrealistas de Buñuel ou nos cadros de Dalí. Non, non se trata dunha instalación artística ou dunha perfomance. E só
unha muller nuer cun peixe na cabeza, camiño da casa. Para raros os faranji.

A campo aberto

A arquitectura nómada dos arqueólogos convive coa arquitectura milenaria dos nuer, xente afeita a moverse pola terra seguindo as necesidades do gado, como fermosamente reflectía Evans-Pritchard na súa obra clásica de 1940. Toda unha experiencia para a aqueles que nos enchemos a boca falando dos acampamentos da Prehistoria Recente, dos procesos de sedentarización, dos asentamentos permanentes e fortificados tipo castro, da visibilidade e visibilización do espazo doméstico. Aquí, nesta paisaxe aberta, todo é relativo...

Where the streets have no name?


No poboado nuer de Pakang atopámonos de novo cun fenómeno interesante. Os nenos e nenas que van a escola comezan a gravar o espazo doméstico con graffitis en inglés, nomeando os obxectos e as arquitecturas. Todo un proceso de resignificación da cultura material en plena globalización. Quen nos ía dicir aos arqueólogos que imamos chegar a unha aldea co nome das cousas escritos nos obxectos, facilitando a tarefa?: pot, hut, house...

16/3/09

Mocedades arqueolóxicas

O sábado pasado participamos na Facultade de Psicoloxía da USC nunha actividade formativa destinada a rapaces e rapazas en colaboración coa Asociación de Altas Capacidades de Galicia. Partindo da sociedade tradicional galega viaxamos cara a Etiopía amosando o labor da Arqueoloxía. Por unhas horas os rapaces convertéronse en etnoarqueológos, interpretando a cultura material e reflexionando sobre a construción da identidade, algo moi importante na adolescencia en todas as culturas do mundo, do pasado e do presente. Unha actividade reconfortante e produtiva que nos reconcilia coa Arqueoloxía como práctica social no presente.

A voltas con Darwin


Este xoves pasado aprendimos moito nunha mesa redonda organizada pola USC sobre a recepción do darwinismo en Galicia. Alí soubemos que A orixe das especies non entrou na biblioteca da Universidade até o século XX, que Emilia Pardo Bazán falaba de Darwin coma alguén harto más que un simple aficcionado, que a censura eclesiástica surtiu efecto nun panorama científico e intelectual raquítico. Vellos recordos de actualidade coa cavernícola reacción do integrismo contra o avance da ciencia ou coa crítica dos sindicatos ao darwinismo social aplicado en tempo de crise. Tempus fugit... Na foto podedes ver o debuxo dun homínido no Museo Nacional de Etiopía. Ao fondo á dereita un retrato de Mengistu Haile Mariam, responsable da dictadura comunista entre 1977 e 1991, acusado de xenocidio e que senta cátedra na Universidade no Zimbawe de Mugabe...

12/3/09

E por fin, a xente

Non sei que pensaría Evans-Pritchard deste retrato ao estilo Avedon dos nuer hoxendía. Recordaría os ecos lonxanos da lanza, as pulseiras de cobre, as escarificacións... pero ficaría un pouco desnortado coa pose de macarra do Bronx do rapaz do centro. A súa nai chegoulle a dicir que deixase de facer o parvo e se puxese como as persoas, unha risa. Cousas da adolescencia. En Pontevedra, cando ía eu en 8º do EXB os colegas ían bailar breakdance á estación de autobuses. A globalización non é tan recente como se pensa.

Compounds para el diálogo

Seguimos por Pakang. A típica cabana con porche nuer, con jericams de plástico, cabazas e cacharros cerámicos. Ao fondo á dereita, as ruínas da vella casa, colapsada. En primeiro termo, área cultual de barro pisado, con fogar e unha fermosa estrutura pintada. Completan o cadro dous postes de madeira chantados. Aínda se conservan nos poboados desta zona de Gambela estas estruturas rituais, unhas para honrar á divindade que protexe ás mulleres e outras, como eses postes (que non deixan pegada no rexistro arqueolóxico) para protexeren aos homes cando inician unha viaxe ou cando marchan para a guerra. Sen xente na casa, o etnoarqueólogo adícase a (como lle gusta dicir aos postmodernos) dialogar coa cultura material.

11/3/09

Nuer teitando ao solpor


Existen momentos no traballo de campo etnoarqueolóxico que resultan imposibles de describir, verbalizar, poñer por escrito... Debrúzase o sol no horizonte; cando esmorece a luz e deixas de camiñar polos illotes de casas esparexidos polo poboado de Pakang escoitas ao lonxe un cántico que se repite coa cadencia das historias que nunca morren. Todos marcharon hai tempo co gado para o río Baro e voltarán na estación das chuvias. Só quedan as katiuskas de goma diante das casas, os nenos, algunhas mulleres, vellos, enfermos, lisiados e dementes. Coma un frautista de Hammelin o home que canta acada que un quede abraiado ao pé da choupana que está teitando, mentres o tempo pasa, paseniño.

Tempos modernos

Os grupos étnicos da fronteira entre Sudán e Etiopía pasaron historicamente dos Estados-nación, dos límites arbitrarios impostos polas conxunturas históricas, polo colonialismo e a Modernidade. Os tempos mudan. A nova estrada que vertebrará o territorio marca un camiño sen volta atrás; os PK (puntos kilométricos) grávanse por riba dunha arquitectura tradicional que esmorece.

Foto: camiño de Gambela, nunha vila de estrada, típica decoración de grupos coma os anyuak e os nuer.

10/3/09

Onde as rúas non teñen nome


Despois da viaxe iniciamos unha viaxe que queremos compartir convosco. Sensacións, ideas, interpretacións sobre cultura material, identidade, globalización, modernidade, resistencia... Arqueoloxía do presente á fin e ao cabo; voltamos a onde as rúas non teñen nome. Etiopía occidental, 2009.

Solpor na sabana: parque nacional de Awash, febreiro 2009.

9/3/09

Un bo arquitecto

Toda persoa que estea interesada no Patrimonio Cultural de Galicia debería pasar por Fonseca para ve-la exposición sobre a vida e obra do arquitecto Francisco Pons-Sorolla. Todo un documento histórico do que foi a rehabilitación da Arquitectura histórica en Galicia na postguerra e durante o franquismo (antolóxico o vídeo do Portomarín vello antes da catástrofe). Home intelixente e pioneiro en moitas cousas, deixou en 1970 toda unha declaración que inda ha servir de guía para proxectos honestos:

Debo deciros que lo admirable no es lo mucho que ha invertido el Estado -que no es mucho-, sino la obra magnífica que ha podido hacerse gracias al cariño de todos [...] En este fundamental aspecto de la salvación de un conjunto -creedlo, amigos míos, los pueblos se salvan de dentro a afuera y no por científicas imposiciones llegadas del exterior- [...] Y en esta comunión de cariño a la obra que se realiza no hay primeros ni últimos, como debería ser siempre; desde el peón avispado y jovenzuelo al arquitecto, pasando por el encargado y el constructor, no se forma una fila, sino un círculo cuyo centro es la satisfacción del deber cumplido.