25/1/08

A Pedra de Rufino (e II)


Hoxe aparece na prensa local de Barbanza a reubicación da lápida de Taragoña no Centro Arqueolóxico de Barbanza en Neixón, onde poderá ser contemplada polo público. Esta medida, adoptada pola Dirección Xeral de Patrimonio, supón un novo chanzo no devalar histórico desta pedra. A pedra de Rufino. Xurde, polo tanto, un novo contexto: o museístico. O contexto anterior (reutilizado como banco no patio dunha casa) xa só poderá ser reconstruído pola Etnoarqueoloxía. Un contexto que nos falaba da percepción da comunidade local do seu propio pasado, da súa opinión da Arqueoloxía como prática, da súa imaxinación histórica, da arquitectura rural, de realismo máxico.
A muller da casa de Taragoña fixo moito porque se conservase esa pedra, que sinte como algo propio. Como dixo ela: A pedra naceu na casa, e aquí morrerá.

23/1/08

Ibiza sound


Aquí podedes ver un bordo case enteiro dunha xerriña que chegou dende o Mediterráneo occidental a castros do litoral como Neixón e Baroña no século III a. C. Atopámola no interior dunha das foxas que inzan o interior do recinto superior do Castro Grande, xunto con outros restos de cerámica cartaxinesa procedentes de Ibiza. Unha interesante conexión entre Atlántico e Mediterráneo. Para algúns arqueológos estes anacos cerámicos serían parte do lixo botado ás foxas cando deixaron de ter uso como almacéns de cereal. Pola contra, nós cremos que todo apunta a un uso máis complexo desas estruturas. Se queredes a resposta a este interrogante debedes agardar á vindeira campaña 2008.
O misterio vende.

22/1/08

Bonecas rusas


As miudezas marcan a vida cotiá, como ben defende o humorista Luis Piedrahita. Malia que os arqueólogos temos que estar afeitos á fragmentación, ás veces un topa con cousas abraiantes que che fan manter a ilusión... coma este regatón (non confundír coa música) de bronce, probablemente dunha lanza, caiada ou similar. No seu interior conservouse en perfecto estado un anaco de madeira mineralizada de carballo (Quercus sp. caducifolio) empregada para darlle solidez a base e que non crebase de xeito doado. A peza apareceu no foxo do Castro Grande de Neixón, no mesmo contexto estratigráfico ca un travesaño de fíbula datable entre os séculos IV-III a. C. Estes pequenos detalles permítennos coñecer un puco máis as práticas de xestión forestal dos habitantes de Neixón, o traballo da madeira, a metalurxia... Pequenas cousas que fan maxinar ao vello sentado á raxeira do sol, contra a parede da súa casa circular, termando de navalla para pulir a peza de madeira, mentres os nenos xogan a indíxenas e púnicos polo rueiro.

Fotografía: Yolanda Porto (IEGPS, CSIC-XuGa)
Análise antracolóxica: María Martín Seijo (USC).

21/1/08

Looking for a new kind of writing


Sara Roca, arqueóloga-xornalista do equipo arqueolóxico de Neixón, vén de elaborar unha síntese crítica do enfoque asumido no noso proxecto, que xa vos podedes baixar no apartado de produción científica. Sara atópase de estancia na Universidade de Pennsylvania (USA) e alí presentou este interesante paper (como din os anglosaxóns). Nas Universidades norteamericanas estánse definindo os novos marcos teóricos para a prática arqueolóxica. Esta conexión ianqui, xunto co labor de Alfredo González Ruibal na Universidade de Stanford, abrénnos as perspectivas para actualizar e reinventar o proxecto de Neixón.
Queda moito traballo por facer.

Fotografía:_ Xosé Moledo Lucas

18/1/08

Redondeando


A mesma técnica empregada en Manjäre é aplicada polos restauradores do equipo arqueolóxico de Neixón para restituír parte do trazado das construcións circulares do século I d. C. descubertas no nivel de ocupación altoimperial do Castro Grande.
Arquitectura universal.

Urban design


Este home do poboado de Manjäre (Metekel, Etiopía occidental) aproveita a estación seca para facer unha nova casa. O bruxo previamente aconsella o mellor lugar para facer bulir os malos espíritos, e se é nun cruce de camiños, poi alí é. Elixido o sitio chántase un pau no que vai se-lo centro da vivenda. Pousáse a rentes de el unha pedra e un anaco de tela. O arquitecto creba o poste central e emprégao para definir o perímetro da casa circular escavando cun pico cavador os buratos dos postes.
Descoñecemos o PXOM de Manjäre.

Fotografía: Xurxo Ayán

15/1/08

Con Teais todo dura máis


A terminoloxía arqueolóxica ten un certo aquel bélico e militar. Falamos, por exemplo, de campañas de escavación. Nestes intres estamos nos nosos Laboratorios de inverno, sistematizando, analisando e interpretando eses materiais asoellados no Castro Grande de Neixón. Porque as sorpresas non se dan só no traballo de campo. Velaí unha mostra. Formando parte dos depósitos de cerámica guindados ao tramo de foxo que delimita polo S a entrada SE ao recinto superior do Castro Grande, atopamos cerámica cartaxinesa, xerras profusamente decoradas e... anacos de cerámica castrexa pintada. Algún caso se coñecía xa de antigo, incluso no veciño castro de Alobre (Vilagarcía de Arousa). O interesante do tema é que nos atopamos perante un exemplo máis de reinterpretación castrexa da cultura material alóctona. Unha versión local da cerámica íbero-púnica pintada. Un dato máis para defender Neixón coma un escenario de interación e de construción das identidades na 2ª Idade do Ferro.

Fotografía con lupa binocular a 10 x: Yolanda Porto.

11/1/08

Arraianos


Dende este blog non adoitamos dar consellos a ninguén, pero ás veces, cómpre facermos unha excepción, alomenos a nivel editorial. Queriamos avisarvos da saída do prelo do número 7 da Revista Arraianos (xaneiro de 2008) que abrangue un monográfico sobre A vida nas aldeas. Na miña humilde opinión constituirá un referente para todos aqueles que procuren intelixentes e críticas respostas á realidade actual da paisaxe rural, das aldeas e parroquias galegas. Polas páxinas da revista escoan maxistrais sínteses do proceso de desestruturación do agro galego, expostas dende a Xeografía Humana, a Arquitectura, a Socioloxía e maila Historia contemporánea; devalan anovadoras e irreverentes interpretacións politolóxicas (coma unha fundamentada defensa do caciquismo como sistema propio do país), suxestivas interpretacións sobre o patrón de racionalidade do campesiñado reconvertido en Terceira Idade, misturando Psiquiatría e Antropoloxía aplicada... Todo un amplo abano de análises, estudos e olladas que abre novos camiños para a reflexión sobre este vello país. Finalmente cómpre sinalar, para aqueles máis interesados no debate aberto sobre o feísmo, que esta obra tamén contextualiza perfectamente este fenómeno.

8/1/08

Microtoponimia


O Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, escrito en castelán, rexistrou os nomes galegos de cada leira, lameiro, eido e cortiña deste país, así como de cada un dos lugares e aldeas do Reino de Galicia. Velaí o seu valor lingüístico i etimolóxico para coñece-la paisaxe cultural de, por exemplo, a parroquia de San Vicenzo de Cespón.
250 anos despois, nesta parada de autobús de Nine vemos como semanteñen as inercias históricas. Unha empresa galega, utilizando o castelán, cobra un servizo a unha manceha de aldeas que manteñen o seu nome dende época altomedieval. Todo un icono da paisaxe galega, da diglosia, do hábitat disperso, da permanencia dun xeito de estar no mundo.
Arqueoloxía da Paisaxe.

7/1/08

O ladrón de Mel


Vén de saír á rúa, O ladrón de mel, unha cativa aventura d'Os Pequenos Barbanzóns, da man do creador Pepe Carreiro. Unha ledicia non só para os pícaros, senón tamén para aquelas persoas que aman a Arqueoloxía, porque sabemos que este tipo de produtos fan máis pola divulgación e difusión do mundo dos castros ca un feixe de Teses de Doutoramento. Asemade, o autor sempre tivo a ben asesorarse e facerse eco dos avances das investigacións. Para nós resulta un grande éxito que introducise Neixón na súa famosa saga dos Barbanzóns, dando vida a unha serie de personaxes como Manicho Cativo de Neixón que, en grande medida, pasará con nome propio a formar parte da historia desta península do Barbanza.
Unha boa noticia para o cómic e maila Arqueoloxía deste país.

3/1/08

A cidade asulagada


O Portomarín vello é unha ruína arqueolóxica que de cando en vez, coma unha Atlántida medieval, rexurde das augas coma as míticas lamias ou as xacias do río Miño. As lendas sobre cidades asulagadas e condanadas son un tesouro do patrimonio inmaterial galego. As ruínas de Portomarín recórdanme á antiga cidade de Miraflores, abandonada pola invasión de millóns de formigas. A plaga obrigou ás xentes a trasladarse a un outeiro entre os ríos Rubín e Saa. A auga impedía o acceso ás formigas. Esta lenda explicou durante séculos a orixe da Pobra de Brollón (Terra de Lemos, Lugo), unha vila medieval emprazada nun antigo castro mineiro romano. A Cidade de Miraflores non era outra cousa que unha espectacular explotación aurífera en xacemento secundario, coñecida aínda hoxe como Os Medos (da mesma raíz que As Médulas, por exemplo). Isto sabémolo pola ciencia arqueolóxica. E que queredes que vos diga, prefiro a ensoñación, maxinar as míticas cidades asulagadas... e non caír no aburrimento da veracidade histórica.