30/3/10

Memorial


A invasión aliada de Abisinia en 1941 tomou como ruta de acceso secundaria o S do Nilo Azul. Un batallón belga congoleño, os King's African Rifles e a Sudan Defence Force liberaron primeiro Asosa o 11 de marzo de 1941 e despois dunha abraiante marcha a pasos forzados conqueriron Gambella. Velaquí temos, no camposanto antedito, un monumento esquencido a xeito de memorial dos falecidos do batallón belga congoleño:

B.C.S.
A LA MEMOIRE DES 142 GRADES ET SOLDATS
215 PORTEURS MILITAIRES
DES TROUPES COLONIALES BELGUES
CAMPAGNE D'ABYSSINIE 1941

29/3/10

Fazañas bélicas


Improvisamos unha escavación arqueolóxica no camposanto colonial. Retiramos a Unidade Estratigráfica 1 composta por condóns usados Sensation, bolsas amarelas fabricadas en China, baterías e pilas de todas as cores e tamaños, excrementos varios, galiñas momificadas e farrapos diversos. Esta actividade deposicional cobre unha estrutura esquencida: a tumba do sarxento Lambrecht Mort pour la Belgique, 21-7-41. Un mando militar, probablemente flamenco, que morreu pouco tempo despois da batalla de Gambella, quizabes como consecuencia das feridas sofridas. A súa familia nin saberá que xace aquí a rentes do río Baro, nun corazón máis de África. Morrer por Bélxica nas terras do nuer e dos añuak para acabar soterrado baixo unha lixeira. A isto conduce toda a ideoloxía bélica dos Estados-Nación, o patrioterismo militaroide, a volatilidade e estupidez agochada tras conceptos como a honra, a bandeira, o valor e mailo heroísmo. Acostumados aos memoriais do tipo dos soldados mortos no desembarco de Normandía, este triste camposanto dános outra idea do que foi a 2ª Guerra Mundial. Cousas da apaixonante Arqueoloxía do pasado contemporáneo.

26/3/10

Arqueoloxía da morte


Cada sociedade manexa unha determinada estratexia de xestión da memoria e o esquecemento. Os añuak marxinaron unha arquitectura funeraria que non ía con eles, mais tamén amortizaron materiais. Aquí temos ao cabo dunha unidade familiar, Salomon, probablemente cristián ortodoxo etíope, que mandou aproveitar un anaco de lápida de mármore dun faranji para marcar o lugar do seu descanso eterno. Quen dixo que os cemiterios non están vivos? Toda unha lección para repensar arqueoloxicamente as necrópoles doutros tempos.

Ruína romántica


Agromando como zarrotas de entre a capa húmica, algún mausoleo remite aos tempos do colonialismo romántico, da experiencia africana en películas como a mítica Raíña de África. Velaquí temos o sentido recordo dunha viúva. Por un tratado a comezos de século XX, Gambella, de soberanía etíope, podía ser empregada privilexiadamente como porto fluvial polo Imperio Británico, que empregaba o río Baro como vía de exportación cara a Sudán, Exipto e Europa. A muller de James Howlison ergueu esta tumba. Homes europeos que morreron novos pola malaria ou a guerra inzan esta lixeira que pouco lle di á comunidade local, máis pendente da estación de autobuses que se atopa ao carón de que rendir honras a próceres doutras Patrias lonxanas.

Camposanto colonial


Gambella. 2010. Unha lixeira esténdese por detrás das cabanas de unidades familiares añuak, seguindo a tradicional ordeación do espazo doméstico desta cultura. O verquedoiro cobre un camposanto de faranji (guiris). Baixo a merda repousan os restos de comerciantes sirios e gregos, de empregados británicos de alfándegas... e heroes de guerra, esquencidos polo tempo. Soldados e mandos belgas que conquistaron Gambella aos italianos en 1941 en plena IIª Guerra Mundial.