29/6/07

Petroglifeiros


A adopción de motivos decorativos da arte prehistórica é xa un clásico dentro da estratexia de márketing da Galicia celta, Galicia meiga, Galicia verde, Galicia a celtic window on Atlantic sea e todo iso. Petroglifos da Idade do Bronce véndense como arte celta nas tendas de Compostela. Invencións, reinterpretacións, ensoñacións. Á fin e ao cabo, a propia cidade é unha invención. No campo de traballo poderás face-lo teu propio arenoglifo, orixinal e personalizado. Aforrarás cartos e de paso, aprenderás bastante sobre a arte rupestre en Galicia.

Laxe das Rodas


No campo de traballo coñeceredes o Patrimonio arqueolóxico e etnográfico da serra de Barbanza e doutras zonas de Galicia. Dende a Arqueoloxía da Paisaxe podemos tentar comprende-lo sentido das manifestacións materiais das sociedades prehistóricas, coma a necrópole megalítica da Serra de Barbanza, a arte rupestre da Idade do Bronce de Campo Lameiro, o poboamento castrexo, ou a arquitectura dos castros a través da visita ao castro de Baroña (Porto do Son) e Castrolandín (Cuntis).

19/6/07

Obradoiro


A Arqueoloxía permite o contacto directo cos materiais. A Arqueoloxía experimental permite contrastar na prática hipóteses sobre os materiais e maila técnica empregadas polas comunidades do pasado á hora de elabora-la súa cultura material. Neste obradoiros de cerámica catrexa poderedes modelar e decorar coas vosas mans tipos de cacharros aparecidos nas escavacións dos Castros de Neixón e ser alfareir@s da Idade do Ferro por un día.

Puzzle


A Arqueoloxía vén sendo unha reconstrución do pasado a partir dos restos da cultura material. No Laboratorio todos poderedes traballar no puzzle da interpretación, no que teñen cabida tódalas opinións e suxerencias. Non somos científicos; somos compañeiros.

Hai pote


Atopar unha peza cerámica de hai 2500 anos fai ilusión. Permite apreixala autenticidade do pasado no presente. O anaco dun cacharro fornece moita información, se aplicamos unha axeitada metodoloxía de escavación. Pero atopar un pote non supón coñecelo. Comeza un longo e interesante camiño: o que vai da terra ao Museo.

Topoloxía comparada


Representa-lo espazo é unha das angueiras da Modernidade. Só se explota aquilo que se coñece, aquilo que se domina. Os mapas, o GPS, a estación total, as coordenadas, X, Y, Z. Todo moi científico. Todo un alarde tecnolóxico. En Neixón poderedes coñece-los segredos da Topografía aplicada á Arqueoloxía, pero tamén coñecer outras formas de representa-lo espazo, máis antigas, pero igual de válidas e lexítimas. Na Punta de Neixón sobreimpónse toda unha cartografía mítica, simbólica, froito dunha paisaxe agraria e mariñeira tradicional. Veredes que O Neixón non é só un espazo que se poda medir, senón, ante todo, un espazo económico, social e simbólico. Unha paisaxe cultural, en definitiva.

Arqueoloxía de campo


A palabra traballo procede do latín tripalium, que era unha sorte de cadea que se lle poñía no pescozo aos bois para os labores de campo. Como vedes, a palabriña connota de todo menos liberdade. Aínda que o tempo pasou, este concepto de traballo forzado, no que se explota ao voluntario sen explicarlle absolutamente nada, segue vixente en moitas destas actividades. Pola contra, en Neixón veredes que a vosa implicación na escavación arqueolóxica é o cerne do proxecto, facilitando a consecución dos tres obxectivos fundamentais de todo isto: satisface-las vosas demandas, contribuír á vosa formación e axudar dende a Arqueoloxía ao desenvolvemento local.

Voluntari@s


Os principais activos do proxecto arqueolóxico dos Castros de Neixón son a interdisciplinariedade, a motivación do traballo voluntario e a implicación da comunidade local.

Neixón 2007.

Estimados internautas:
Como vedes, este blog vai collendo forma, paseniñamente. Pouco a pouco iremos ampliando os contidos, co gallo de amosa-lo traballo feito dende 2003. Neste senso, en breve poñeremos á vosa disposición vídeos do proxecto arqueolóxico así como a producción científica vencellada ao mesmo, con documentos (artigos, comunicacións, presentacións en powerpoint) que poderedes descargar en formato PDF. Doutra volta, este blog está pensado coma un medio orientativo para todas aquelas persoas que queiran participar como voluntarios no campo de traballo de Neixón, ofertado pola Dirección Xeral de Xuventude (www.rix.org). A este respecto, abrimos unha nova categoría, alcumada Campo de traballo, no que podedes ver algunhas das actividades formativas desenvoltas durante as escavacións do Castro Grande de Neixón.

18/6/07

Atila en Galicia (4)


Os presos, enfermos, cheos de piollos e outros parásitos, eran levados a bañarse no mar ao pé do peirao. Dende alí vían de fronte os Castros de Neixón. No campo de concentración do Castelo, en Rianxo, morreron, de enfermidade e trato inhumano, á marxe da Convención de Xenebra, quince homes (que se saiba):

Anselmo Borbolla Cabezas (8-12-1937)
Antonio Ojeda Otero (20-12-37)
Julio Tresguerres Brabo (2-1-1938)
Narciso Pendás García (2-1-1938)
José Bravo Feito (7-1-1938)
Óscar Menéndez Menéndez (12-2-1938)
Andrés de la Torre Fernández (28-2-1938)
Bartolomé Pérez Muñoz (24-9-1938)
Basilio Poyatos del Pozo (17-12-1938)
José Castello Vals (24-12-1938)
Juan Velasco Pérez (26-12-1938)
Juan Grau Oller (8-1-1939)
Juan Solías Abert (26-1-1939)
Rafael Fernández Boquete (25-3-1939)
Hermenegildo Pubill Juvilla (6-4-1939)

(Listado tomado de X. Comoxo, X. Costa, X. Santos, op. cit.: páxs. 74-76.

Atila en Galicia (3)


O Concello de Rianxo levou a cabo un labor encomiable de recuperación da memoria histórica, co erguemento dun monolito conmemorativo aos presos do campo de concentración do Castelo, apoiando a investigación sobre ese período escuro e miserento da historia local:

Era ya de día y el pueblo de Rianjo sabía de nuestra partida. Al pasar por sus calles, las jóvenes que tenían 'ahijados' en la expedición, se despedían de ellos desde las puertas y las ventanas de las casas. Les llamaban por el nombre, les decían 'adiós' y les pedían que les escribiesen cuando pudiesen. Un hecho sin importancia como éste, no le gustó al alférez, el cual ordenó al sargento: 'Tome nota de esas rojas que luego les daremos un escarmiento'. Este consistió, según se supo después por cartas, en una paliza, una dosis abundante de aceite de ricino y corte del pelo al cero.

Testemuño de Llera Iglesias recollido en X. Comoxo, X. Costa e X. Santos (2003): Rianxo na Guerra Civil: campo de concentración de prisioneiros de guerra. 1937-1939. Noia: Concello de Rianxo: páx. 38.

Atila en Galicia (2)


Longa noite de pedra

Atila en Galicia (1)


Unha urbanización medra sobre o solar do campo de concentración franquista de O Castelo, en Rianxo. Abriuse en 1937 cando o derrubamento da Fronte do Norde, enchéndose de republicanos asturianos. As dúas palmeiras, que xa existían naquela época, semella que se conservaron porque lle dan un aquel de Ribera Maya á urbanización. Quedan bonitas.
Arqueoloxía da guerra civil.
O slogan da urbanización é: O Castelo. Tu punto de amarre.

15/6/07

Ceda o paso


Un cruceiro decapitado nun accidente mortal, nun perigoso cruce de camiños por non ceder o paso ao Progreso, por culpa dus contenedores de lixo. É o que teñen os ángulos mortos. Os políticos, pendurados das farolas, ademáis de prometer unha rotonda, negociar un acceso ao desdoble da vía rápida, unhas cantas cunetas limpas, e alquitrán para as corredoiras, garanten que este cruceiro guillotinado non volva conducir na vida. Cousas do carnet por puntos.

Bufarda cega


Cantos gatos buliron por esta fiestra? cantas escopetas asomaron por esta bufarda, poñamos por caso, no tempo dos carlistas? cantas olladas agochadas tiveron conta do que acontecía fóra, no camiño? Os ladrillos: cataratas nos ollos das vellas casas.

Post


Unha parada de autobús. Na parroquia xa existían blogs antes de Internet.

Baldeiro arqueolóxico


En Arqueoloxía, ás veces, as ausencias son máis significativas cás presencias.

14/6/07

A Virxe dos Anxos

Cespón é una parroquia rica en festas e en devocións. Unha das máis importantes, tanto na vertente lúdica coma na relixiosa, é a da Virxe dos Anxos. O seu culto ten como punto clave un miragre acontecido aquí mesmo, na persoa de Constanza de Jesús, nacida en Redondela.
(…) el año de mill seis cientos y veinte, y tres a cinco del mes de março, siendo rector Antonio Gomes de Romai, primer fundador de la dicha cofradía con su hermana Constanza de Jesús, que al dho tiempo estaba en su compañía y asistencia en la casa rectoral deste dho beneficio, hallandose tullida e imposibilitada de los pies y algunos miembros de su cuerpo, por cuia causa ussava de muletas, y por la especial devocion continua que tenía delante esta Sancta Ymagen de ntra Señora de la Asumpción (a quien suelen llamar de los ángeles, originado acaso de los que tenía a los lados por el misterio de la assumpcion…) a obrado su divina magestad por su madre santissima muchas maravillas en esta dha su devota y la principal la de sanarla de su imposibilidad natural, de que despues de recobrada dejo delante desta Sancta Ymagen (que está situada en el altar colateral al lado del evangelio desta Yglesia parroquial) las muletas sobre que antes andaba, y despues se fue a entrar religiosa en el convento de las huerfanas de de Santiago, donde murio y está enterrada con opinión de sancta. A la cual muchos cofrades viejos, que van referidos aquí y otros vezinos antiguos, que si viven en esta dha feligresia y en otras la an conoscido y assi todos los demás de mediana edad an oido a sus padres y mas persona viejas lo mismo, y es notoria su virtuosa y exemplar vida como también las dhas muletas las llevo, y saco un rrector que huvo en este curato en vacante, que era assi de la villa de Pontevedra, en cuio lugar assentan por seguro pararon en casa de cierta señora de quien havía sido capellán (…)


Libro de la cofradía de Ntra Sra de los Ángeles (1703-1790), Archivo Diocesano de Santiago, serie cofradías y otras instituciones religiosas, nº 11, fol. 5 r.

Unha parroquia, un mundo


Un espazo inzado de campos de millo, que remata na punta de terra sobranceira de Neixón. A parroquia de Cespón, vista dende o monte Ferreiro, é un pequeno universo onde se mesturan a tradición coa modernidade, a terra co mar, a lenda coa relixión... A este lugar chegan tódolos anos un grupo de persoas armadas de sachos e ilusións para seguir escañando no seu pasado máis profundo e para tentar comprender a súa realidade máis presente.

Neixón 1956


A batalla do Atlántico non só levou aos submarinos alemáns a repostar á ría de Arousa, senón que tamén foi o escenario da loita a morte polo wolfram do Barbanza. Barcos británicos afundían á entrada da ría os cargamentos destinados en orixe á Alemaña nazi. Ecos bélicos da 2ª Guerra Mundial. A Guerra Fría deixounos tamén documentos gráficos. Franco agasalla aos ianquis coas bases militares no país e deseguido fotografían dende o aire todo o territorio español. Seguro que o fotógrafo de Minnesota que ía no avión cun piloto de Dakota do Sur pensou que esta península era un bo sitio para establecer unha base, resgardada no fondo da ría.
O mar, a repoboación forestal e, sobre todo, os arqueólogos cambiaron (para ben e para mal) esta romántica estampa en branco e negro.

Neixón 1870


España estreaba Constitución e o Parlamento precuraba un Rei polas cortes europeas. Alleos ás loitas da Vila e Corte os labregos e labregas de Cespón seguían cultivando algunhas concas de labradío secano de primera calidad no monte de neyxon. Tampouco estaban os tempos como para perder cinco céntimos no Castro Grande. O paisano dono da peza quizabes tivo sorte e topou cun mouro dos que alí vivían, camiño da feira, levando algún carbonciño para casa, deses que se converten en ouro. Alomenos libraría da bronca do gobernante ou gobernanta da casa. E que o gastas todo nas máquinas.

Aloumiños líticos



Un bloque de pegmatita dálle un bico a unha meta de muiño circular. Coma os amantes prehistóricos atopados hai pouco en Italia, as dúas pedras levan facéndose mimos dende hai centos de anos. O bloque (un tipo duro) e maila meta, na súa fuxida, acabaron aí os seus días. A pegmatita costa abaixo e a meta do muíño a rolos. Ante esta estampa podemos preguntarnos que foi antes o ovo ou a galiña?

Van Gaal


As cuadrículas Wheeler dos anos 70 teñen un aquel especial. Rigor. Orde. Sobriedade. Equilibrio (sobre todo por riba do muro testigo). Liñas rectas no interior do círculo dun castro. O cartesianismo espállase ao mundo subterráneo. A estética por riba da ética. Fósil director dunha pretendida nova ciencia arqueolóxica.

13/6/07

A dous carrillos


Unha mandíbula de ovella ou cabra agroma no perfil dunha sondaxe. Sucesivos depósitos de cunchas sucédense, enchendo o interior dun foxo defensivo do Castro Grande. Cunchas de ameixas, caramuxos, mexilón e, sobre todo, ostras. Refugallos dunha mariscada. De segundo, coma sempre, a elixir: carne ou pescado. Todo un banquete, aínda que está palabra causa alerxia aos arqueólogos positivistas. Eu creo que deberían de ler máis Astérix e Obélix, tomando nota da viñeta final.

Dous por un


A serra recórtase no horizonte e os remates do cabazo semellan reproducir os picos desta paisaxe antiga de vello país atlántico. Todo un prodixio de lóxica capitalista. Minimización de custes, maximización de beneficios. Velaí teñen ao hórreo-pombal. En breve, o espazo dará para acondicionar dous pisos.

A casa pola ventá


Iniciamos con esta imaxe un percorrido polas arquitecturas de Cespón. Vaia de entrada que non cremos no concepto feísmo nin nesas liñas editoriais, deseñadas por urbanitas pequeno burgueses, homes rurais de fin de semana. Cómpre estuda-la neoarquitectura rural analisando o contexto social dunha comunidade en crise, na que a Modernidade entrou a saco, desmantelando as formas tradicionais de estar no mundo. Pero a arquitectura evoluciona, amortiza materiais, reinterpreta outros. Novas arquitecturas, un novo espazo doméstico que pode ser estudado con metodoloxía arqueolóxica, como se encargou de amosar claramente o noso amigo Alfredo González Ruibal (Etnoarqueología de la Emigración. Pontevedra: Deputación Provincial. 2003).

Te gusta conducir?


Dumézil probablemente non estaría moi a gusto nunha romaría galega. Todo o entramado teórico se lle iría a tomar por saco nun momentiño. A que función pertence este icono relixioso? Á primeira, segunda, terceira...? Non, eu creo que o devoto vai en quinta porque vai comeza-la función relixiosa.
O pano da ventá recorda vellas inercias.
Mentres pasa, un temiña de Manolo Escobar escoa polo aire nesta mañanciña festiva.

Locus amoenus


O campo da festa da Romaría de Neixón é, normalmente, unha área recreativa para turistas e visitantes. Que non lle falen a este home de comer de campo, de piquenique (como din os portugueses) nin de agros bucólicos. Romaría a todo gas. Todo un cadro de Vermeer.

Boleira arqueolóxica (2)

Boleira arqueolóxica

O parapeto defende, separa, delimita, cingue. Con todo é menos rexo e inamovible que a cerrazón dos departamentos de Humanidades. Nós cremos nunha Arqueoloxía dacabalo entre a croa e as terrazas, que supere os foxos da microfísica do poder, as gabias da microespecialización nas que se enchouoan os especialistas.

Un castro de la Virgen


A Punta de Neixón descansa a resaca do mar. Hoxe é festa. A procesión da Virxe diríxese cara ao altar chantado diante do foxo N do Castro Grande de Neixón. Hoxe é a Romaría de Neixón. Os castros como espazo simbólico na paisaxe rural e mariñeira galega.

A movida dos anos 80


Capa vexetal. Humus. Horizonte vexetal. A. UE001. Distintas maneiras de alcumar o manto que cobre a terra na que durme a historia. Este nivel, no sector 01 do Castro Grande e Neixón, garda os restos do desembarco da Modernidade. Un cassette de Siniestro Total. Deterxente Skip. Peches de botellas de gasosa dos de toda a vida. Un cravo do armazón dun carro tradicional galego. Un Burman Flash. Patacas Risi. Restos arqueolóxicos da infancia.

New Archaeology


Esta rapaza é filla de emigrantes galegos a New York. Cada verán volta coa familia á súa aldea. En 2003 achegouse canda súa nai até o Castro Grande. A día de hoxe distingue cerámica púnica da cerámica castrexa. O ano pasado tiña dúbidas sobre o que quere ser de maior. Plantexaba tres opcións: panadeira, avogada ou arqueóloga. Non sei que acabará sendo. O único que sei e que dá sentido ao que facemos. Con ela voltamos a ser aqueles pequenos que devecían por escarabellar na terra e asoellar cousas da xente de antes.

Feito a man


Un cérvido, ou unha cérvida (sexamos politicamente correctos) morreu na serra de Barbanza. Mellor, poñamos por caso que foi cazado ou cazada por un home, unha muller, un neno, ou unha nena dos Castros de Neixón. Tempo despois unha man fixo un traballo fino coa cornamenta do animal falecido. Un enmangue de óso, útil, bonito, fetén. Gallaecia calidade. A mesma man, ou outra, guindou o enmague ao foxo do Castro Grande, ao carón da entrada. E alí quedou, entre cunchas e cerámicas, selado por un manto de misterio. Outra man atopou a peza. Ninguén puido apreixala dende aquel día (ou noite) na que foi soterrada para sempre. A cultura material pasa de man en man, ao longo dos séculos, dos milenios. Ninguén se acorda do cervo. Ninguén recorda xa ao prestamarco ou prestamarca que lle tiña cariño á súa navalla Victorinox.

Arqueoloxía galeguista


Hay en la Ría de Arousa, frente a la villa marinera de Rianxo, una pequeña punta conocida por el Neixón, en cuya proximidad batida por el mar en tres de sus lados, existe un ingente montón de tierra, piedras y valvas de moluscos al que designan, sin duda, por su aspecto de parapeto, con el nombre de Castro pequeño, y a alguna distancia hacia el interior se ve un recinto circular fortificado con terraplenes al que se llama Castro Grande. Pues bien, el Castro Pequeno tiene el mérito de ser la única estación arqueológica que nos refleja la primera época de la invasión Sefe, y que nos ofrece un complejo en que cosas traídas por dichos invasores se mezclan con las que son propias de los antiguos habitantes Oestrimnios.

F. López Cuevillas: La Civilización Céltica en Galicia, 1989 [1953] 41.

Neixón 1937


O porto de Vidres; noutrora embarcadoiro da xente de Cespón. Primeiro paso para marchar a América, para iren ás festas a Taragoña ou Rianxo, para vivir, para amar, para fuxir, para esquecer, para comezar de novo. Trala guerra estableceuse unha explotación de estaño, modesta, pero que forma parte da memoria viva da comunidade. Homes e mulleres peneiraban, lavaban, carretaban a casiterita estrada pola praia. Como dous mil cincocentas anos antes xa facían os habitantes dos Castros de Neixón, mestres da metalurxia do bronce.
Neixón 1937: os coios varados na praia, chantados no frío cemento do esquecemento, lémbranos que a ruína arqueolóxica, nalgún tempo, tivo vida.

Neixón 1912


En extremo simpática fue la fista que aquí se celebró el viernes de la pasada semana para honrar al gran caricaturista Castelao, á Daniel como familiarmente en Rianjo se le llama [...] Todos, en unión de numerosas personas de la villa y de las parroquias vecinas después de ir á casa del agasajado á felicitarle, partimos con él y con su padre en dirección al muelle, en donde nos embarcamos con rumbo á una de las próximas playas de Cespón [...] Una vez en tierra nos dedicamos á buscar sitio donde reposar agradablemente, encontrando un delicioso pinar, de fresca y mullida alfombra, en la que cada cual acomodóse a su placer. Pronto el apetito despertado por los aires marítimos, hízose general, y dio principio el campestre, pero sabroso yantar [...] Conmovido por las muestras de simpatía de que era objeto, aunque con el gracejo que en todas ocasiones se distingue, contestó Castelao agradeciendo profundamente el agasajo que, con gran modestia, calificó de inmerecido, puesto que él no sólo no era un diputado que viniese a traernos la ventura, sino que nada de provecho había alcanzado para su querido pueblo, ni siquiera una triste carretera; pero, como replicó muy bien el Sr. Carballido, Castelao puede estar orgulloso de su triunfo, que su soberano talento da más gloria á su patria que muchos personajes y personajillos políticos que consiguen caminos, canales y pantanos.

El Barbero Municipal, nº 99 (1 de xuño de 1912)

[Fotografía en Xosé Enrique Acuña (2000): As Imaxes de Castelao. Fotobiografía. Vigo: A Nosa Terra; páx. 16]

Unha mensaxe nunha botella


Do mesmo xeito que no coñecido anuncio publicitario dun insecticida, a cultura material nace, medra, reprodúcese, morre, e desaparece. Do mesmo xeito que nunha xoiería de luxo teñen un book do máis granado da súa coleción, cada xacemento ten o seu ránking de pezas-estrela. En Neixón, durante moito tempo, o nº 1 ocupouno un aríbalos púnico (circa s. IV a.C.) que, coma as cucarachas do anuncio publicitario antedito, desapareceu sen deixar rastro.
Esta tendencia a xerarquizar os achados atópase tamén na museística actual; pensemos no concepto de pieza del mes, por exemplo. Deixrémonos levar por este fetichismo, orixe da nosa disciplina. Presentámosvos na foto de arriba un cacharro cerámico. Como científicos detallaremos:

  • o contexto de aparición da peza: depósito de recheo do foxo que cingue polo N a entrada SE ao recinto superior do Castro Grande de Neixón. Nunha unidade estratigráfica ben definida foi o único resto material localizado. Atópase enteiro. O foxo foi colmatado entre os séculos IV-II a. C.
  • consideracións técnicas: feito a man, con desgraxante micáceo, etc...
  • tipoloxía: non se coñecen paralelos (publicados) na cerámica da Idade do Ferro galaica.
Outra cousa é aventura-la función deste cacharro. Podemos aventurar unhas cantas:
  • vasiño de chupito para beber augardente da casa.
  • petaca cerámica da época
  • botelliña na que se gardaba un líquido concreto, aceite, perfume...
  • imitación que fixeron alfareiras castrexas de ungüentarios de orixe mediterránea, noemadamente púnicos.
E aínda nos quedaría desbarallar sobre o seu sentido. Quen dixo que a Arqueoloxía non era interpretación?
Agardamos os vosos comentarios, suxerencias sobre paralelos que coñezades, etc.

12/6/07

Benvid@s

Dende o ano 2003 un amplo equipo de técnicos e especialistas vencellados ao Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xuga) de Santiago de Compostela estamos traballando na recuperación da área arqueolóxica de Os Castros de Neixón (Boiro, A Coruña). Un dos obxectivos prioritarios do proxecto é a divulgación á comunidade local e toda a sociedade de todo o coñecemento científico xenerado polas nosas investigacións. Nesta liña, este blog de Neixón constitúe un novo chanzo nesta tarefa de difusión e comunicación social do noso traballo. Pasamos a engrosar, deste xeito, o amplo abano de blogs centrados no eido da Arqueoloxía aparecidos recentemente na Rede. No noso caso, pretendemos que sexa unha ferramenta útil que satisfaga as diferentes demandas de todas aquelas persoas interesadas no proxecto de Neixón: futuros participantes no campo de traballo internacional, estudantes universitarios, investigadores, afeccionados, veciños de Boiro, turistas, viaxeiros, posibles patrocinadores...
Iniciámo-la nosa andaina na véspera do inicio da 5ª campaña de escavacións arqueolóxicas no Castro Grande de Neixón. Pretendemos facer deste blog un espello que reflicta en tempo real, día a día, os avances do traballo de campo, do campo de traballo, as actividades realizadas, os achados máis sobranceiros, as publicacións máis recentes. Asemade servirá de escenario virtual para tentar transmitirvos o noso enfoque (lexítimo e discutible) sobre o que é e debe se-la Arqueoloxía, unha prática social (e apaixoada) no presente que debe contribuír a forma-lo espírito crítico da cidadanía e transforma-la realidade. Que non é pouco.




O equipo do proxecto arqueolóxico dos Castros de Neixón

Contraindicacións

Este blog está contraindicado para todos aqueles que pensan que a Arqueoloxía é unha actividade científica, unha prática metódica, rigorosa que fornece explicacións definitivas sobre o pasado.
Este blog está contraindicado para todos aqueles que consideran a Arqueoloxía coma o eido exclusivo duns especialistas eruditos, detentadores da única verdade, que traballan de costas á sociedade.
Este blog está contraindicado para todos aqueles que se enganan pensado que a teoría arqueolóxica non vale de nada, para todos aqueles pseudopositivistas que só cren no que escavan, como se os restos materiais fosen a realidade.
Este blog está contraindicado para todos aqueles que seguen instalados no academicismo máis rancio, deturpando as diferentes interpretacións que conviven hoxendía sobre o pasado.
Este blog poderá ser utilizado por aqueles doentes desenganados da Arqueoloxía, que aínda pensan que é necesario reflexionar criticamente sobre a nosa prática, que aínda cren na necesidade dunha ética profesional.

No que creemos

1. A Arqueoloxía é unha prática social no presente que debe satisface-las demandas e necesidades da cidadanía e respostar ás esixencias do mercado.
2. A Arqueoloxía é unha ferramenta de construción social da realidade. Non é unha prática inocente, unha suxerente especialidade das Humanidades, senón que devén unha arma de primeira orde na xeración de discursos políticos sobre o pasado e na reconstrución e invención das identidades.
3. Conscientes deste feito, cómpre reflexionar criticamente sobre a Arqueoloxía como disciplina, redefini-lo seu potencial e aplicalo á sociedade. Esta perspectiva aplicada contribuirá a unha mellor valoración social da nosa prática, contribuíndo á concienciación patrimonial e ao desenvolvemento local.
4. Unha Arqueoloxía crítica contribúe a xenerar espíritu crítico na sociedade e axuda a construír, reconstruír e deconstruí-la memoria social a través do Patrimonio Cultural.
5. No proxecto de Neixón aceptamos e aplicámo-lo Código de Práctica da European Association of Archeologists aprobado en Ravenna o 27 de setembro de 1997
6. Seguindo ese código de conducta asumimos a obriga de enceta-los pasos necesarios para informar ao público xeral de tódolos obxectivos e métodos da nosa prática arqueolóxica, empregando tódolos medios de comunicación dispoñibles.
7. Asumímo-la obriga de preparar e facer accesible á comunidade arqueolóxica (e non arqueolóxica) as nosas investigacións co mínimo retraso posible, a través de publicacións e/ou medios electrónicos.
8. Asemade, o rexistro arqueolóxico exhumado (depositado no Centro Arqueolóxico de Barbanza) coma as nosas investigacións quedan á libre disposición de estudosos, estudantes e especialistas, seguindo a lexislación vixente na materia.
9. O proxecto de Neixón conta con tres grandes activos: a motivación do traballo voluntario, a interdisciplinariedade e a participación activa e maila integración da comunidade local.
10. Neste senso, o noso proxecto fuxe do academicismo erudito e tenta documentar e respecta-la multivocalidade, isto é, as diferentes voces e interpretacións que conflúen nos castros de Neixón. Resulta tan lexítimo o noso discurso científico, coma o imaxinario popular (coa súa visión mítica dos mouros como os habitantes primixenios de Neixón), coma a visión que teñen as persoas de Nine que seguen vendo Neixón coma un espazo vencellado á súa experiencia vital dende a nenez, ou as opinións de todos aqueles que utilizan ese espazo: xogadores de fútbol que fan alí a pretemporada, as mariscadoras, os vixiantes das Confrarías, os furtivos, os veraneantes e turistas, etc... Até certo punto a Punta de Neixón é unha escenografía da Postmodernidade, pero tamén é un espazo vivo que reflicte e, á súa vez, xenera, identidade.