26/4/11

Leccións do asociacionismo


Na Catalunya das bisbarras e do asociacionismo as entidades locais de amadores gozan dun prestixio e unha consideración social que se retrotrae ao século XIX. Coma noutros casos europeos, a resistencia cultural foi unha ferramenta de loita nacional, e así se concebiron as asociacións de excursionistas, montañeiros, as colonias dos rapaces, as sociedades arqueolóxicas, etc… Tres ponencias analisaron este proceso histórico no Seminari de Arqueologia i Ensenyament. A profesora Esther Hachuel sinala na década de 1950 unha inflexión clarísima, coa creación por parte do Centre d’Estudis d’Igualada dunha asemblea intercomarcal de estudiosos, pedra angular do movemento asociativo catalán dende aquela. A necesidade de facer país era un obxectivo científico en si mesmo, criticando a casposidade do sistema cultural cunha manchea de institucións eruditas e decadentes. A chegada da democracia non invalidou este proceso, incrementándose exponencialmente o número de asociacións dende o ano 2000. A Universitat Autònoma de Barcelona ten un proxecto no que sistematiza toda a produción biblográfica dos centros de estudos locais, contabilizando máis de 1600 publicacións, o que outros chamarían literatura gris é aquí o alicerce de toda unha política cultural nacional. A ponente rematou con estas reflexións:
1. O territorio é o eixe vertebrador que fornece un tratamento integrado de todo aquilo que se estuda. Imperan as fronteiras disciplinarias na Universidade e na Administración, mentres que nos estudos locais prevalecen as perspectivas integradoras a escala territorial.
2. O coñecemento xenerado, e o proceso de construción dese coñecemento, está aberto a todos, xerando redes de complicidades que non é doado establecer dende as institucións.
3. As asociacións son un chanzo básico no consumo social do Patrimonio Cultural.
Pola súa vez, o profesor francés Michel Martzluff (Universitat de Perpignan) presentou un caso da Catalunya Nord, o da Association Archéologique des Pyrénées-Orientales. Nesta zona fronteiriza o interese polo Patrimonio local fóra fomentado polo Estado cando Fernando VII e o xeneral Castaños ameazaron en 1820 con reconquerir o Rossellò. Unha comisión prefectural estableceu o primeiro centro de eruditos. En 1830 a Revolución liberal crea a Societé Agricole Scientifique et Littéraire des P.O A creación do CNRS en 1945 conleva a fundación dunha delegación local e a potenciación de iniciativas coma a Revue Ruscino ou o Musée Tautavel.
A asociación, fundada en 1982, ten trescentos socios e dous empregados. Centran o seu labor na divulgación do coñecemento, na organización de conferencias na Universidade e a colaboración co INRAP na escavación de sitios (necrópole antiga de Negabous e hábitats rurais de época visigótica no Roussillon). Michel aposta por unha superación da tensión entre amateurs e profesionais, un tema que centrou o debate. De feito, estivo moi ben a intervención dun participante, membro dunha asociación de estudos locais, quen consideraba superada esa desconfianza da Academia con respecto aos amadores. Na súa asociación hai dende obreiros a profesores de Universidade que investigan e coñecen de primeira man a necesidade de rigor e método, como é o seu caso, profesor de Enxeñería con 100 proxectos de fin de carreira e 8 teses de doutoramento dirixidas. Non se trata dun exercicio de autoafirmación, senón da constatación dunha realidade: a actitude paternalista e dirixista da Academia non ten sentido hoxendía. Como dixo Michel, a sociedade non é que demande coñecemento, é que esixe coñecemento de calidade. Toda unha lección para arqueólogos tecnócratas.

No hay comentarios: