O modelo andaluz de xestión do Patrimonio: versión 2.0
Margarita Sánchez Romero (Directora de Bens Culturais da Xunta de Andalucía) amosou no Seminari Arqueologia i Ensenyament o traballo de remodelación e reflexión crítica levado a cabo na propia Aministración, na política pública de xestión do Patrimonio. O modelo andaluz de xestión do Patrimonio dos anos 90 foi todo un referente que se amosaba como exemplo mesmo nos nosos cursos de Posgrao, alá polos anos 2001 e 2002. A sociedade andaluza cambiou moito dende aquela e Margarita defende a necesidade de reflexionar sobre os novos procesos de patrimonialización, nun diálogo constante cos técnicos da Dirección General que formularon as Leis de 1991 e de 2007. A administración andaluza aboga pola inclusión dos Patrimonios emerxentes e das iniciativas cidadás implicadas na protección e difusión, formando parte da identidade. O modelo tradicional de xestión oficial de bens inmobles xa non vale hoxendía. Na exposición de motivos da Lei o Patrimonio Cultural concíbese coma unha expresión relevante da identidade do pobo andaluz. O sentimento de identificación co Patrimonio é un alicerce básico da propia identidade andaluza. Da exposición de Margarita cómpre destacar unha serie de ideas-chave:
• A xestión do PC andaluz artéllase no triángulo Patrimonio, Territorio e Sociedade.
• A administración non dirixe nin intervén, unicamente tutela, centrando o seu traballo na difusión, documentación, cooperación e formación.
• A Administración non fai investigación, se ben xenera coñecemento nos expedientes de proteción e divulgación e conservación. A investigación é tarefa das universidades, outra cousa é a xestión do coñecemento xenerado.
• Documentar non é arquivar, é sistematizar, facer accesible a información, actualizar bases de dados abertas a todos, promover a trasparencia e a comunicación á cidadanía. A mellor forma de protexer é que a cidadanía recoñeza eses xacementos, sexa consciente do que tén, porque forma parte da súa identidade. A Administración forma, non programa másters pero os técnicos e técnicas imparten cursos, másters, seminarios.. iso tamén é relación coa cidadanía.
• Administración aberta a todos os axentes: universidades, grupos de desenvolvemento local, industrias culturais, público en xeral, sector educativo, medios de comunicación e centros de investigación. Pola súa vez, a xestión dos bens culturais incorpórase a procesos sociais organizados por axentes externos.
Este último punto é un dos compoñentes da xestión que debe ser revitalizado con meirande intensidade nesta reformulación do modelo andaluz de xestión do Patrimonio, no chamado III Plano Xeral de Bens Culturais. Os axentes identificados son os seguintes:
1. Os que conservan.
2. Os que ofrecen servizos técnicos.
3. Os que xestionan o coñecemento.
4. Os que xestionan tecnoloxía.
5. Os que comunican.
6. Os que utilizan Patrimonio con fins educativas e de lecer.
7. Os que ofrecen servizos para o uso social.
8. Os que promoven a utilización como recurso de desenvolvemento.
9. Os que capacitan.
10. Os que colaboran na tutela do Patrimonio.
A ponencia rematou cunha breve síntese dos Planos Directores deseñados para os conxuntos da Alcazaba de Almería, Alhambra e Xeneralife en Granada, dólmenes de Antequera, Baelo Claudia, necrópole de Carmona e cidade romana de Itálica. Estes documentos de actuación a oito anos, inclúen elementos de vencello directo coa cidadanía, incorporando novas disciplinas, unha metodoloxía interdisciplinar e requiren a participación de axentes externos. Doutra volta, materializan unha estratexia social que redimensiona os xacementos como lugares de encontros, espazos de debate e de creación, para o desenvolvemento social e a participación cidadá. Lugares de encontro entre o público e a cultura.
En definitiva, as liñas fortes do discurso asumido pola Administración andaluza son:
• Pasar da difusión á participación cidadá.
• Fortalecemento do sistema de documentación e acceso á información: en breve vanse poder tramitar telematicamente os expedientes de Patrimonio na páxina que están deseñando, aberta ás redes sociais e ás suxerencias da cidadanía.
• Da difusión á relación coa sociedade baixo unha estratexia planificada.
• Impulso radical da cooperacion con outros axentes.
• Achegamento ao local.
• Reforzamento dos Gabinetes Pedagógicos promocionados pola investigación.
Cuspidiño ca en Galicia, verdade?
No hay comentarios:
Publicar un comentario