13/6/07

Feito a man


Un cérvido, ou unha cérvida (sexamos politicamente correctos) morreu na serra de Barbanza. Mellor, poñamos por caso que foi cazado ou cazada por un home, unha muller, un neno, ou unha nena dos Castros de Neixón. Tempo despois unha man fixo un traballo fino coa cornamenta do animal falecido. Un enmangue de óso, útil, bonito, fetén. Gallaecia calidade. A mesma man, ou outra, guindou o enmague ao foxo do Castro Grande, ao carón da entrada. E alí quedou, entre cunchas e cerámicas, selado por un manto de misterio. Outra man atopou a peza. Ninguén puido apreixala dende aquel día (ou noite) na que foi soterrada para sempre. A cultura material pasa de man en man, ao longo dos séculos, dos milenios. Ninguén se acorda do cervo. Ninguén recorda xa ao prestamarco ou prestamarca que lle tiña cariño á súa navalla Victorinox.

No hay comentarios: