13/6/07

Unha mensaxe nunha botella


Do mesmo xeito que no coñecido anuncio publicitario dun insecticida, a cultura material nace, medra, reprodúcese, morre, e desaparece. Do mesmo xeito que nunha xoiería de luxo teñen un book do máis granado da súa coleción, cada xacemento ten o seu ránking de pezas-estrela. En Neixón, durante moito tempo, o nº 1 ocupouno un aríbalos púnico (circa s. IV a.C.) que, coma as cucarachas do anuncio publicitario antedito, desapareceu sen deixar rastro.
Esta tendencia a xerarquizar os achados atópase tamén na museística actual; pensemos no concepto de pieza del mes, por exemplo. Deixrémonos levar por este fetichismo, orixe da nosa disciplina. Presentámosvos na foto de arriba un cacharro cerámico. Como científicos detallaremos:

  • o contexto de aparición da peza: depósito de recheo do foxo que cingue polo N a entrada SE ao recinto superior do Castro Grande de Neixón. Nunha unidade estratigráfica ben definida foi o único resto material localizado. Atópase enteiro. O foxo foi colmatado entre os séculos IV-II a. C.
  • consideracións técnicas: feito a man, con desgraxante micáceo, etc...
  • tipoloxía: non se coñecen paralelos (publicados) na cerámica da Idade do Ferro galaica.
Outra cousa é aventura-la función deste cacharro. Podemos aventurar unhas cantas:
  • vasiño de chupito para beber augardente da casa.
  • petaca cerámica da época
  • botelliña na que se gardaba un líquido concreto, aceite, perfume...
  • imitación que fixeron alfareiras castrexas de ungüentarios de orixe mediterránea, noemadamente púnicos.
E aínda nos quedaría desbarallar sobre o seu sentido. Quen dixo que a Arqueoloxía non era interpretación?
Agardamos os vosos comentarios, suxerencias sobre paralelos que coñezades, etc.

No hay comentarios: