16/2/10

De aldea aberta a poboado fortificado


A delimitación espacial deste tipo de asentamentos viría dada polo sistema defensivo, iniciándose a contrución do foxo, do que se extraía a materia prima empregada no levantamento de parapetos e murallas. Posteriormente, a arquitectura doméstica utilizaba como referente espacial a cara interna do recinto amurallado, carecendo de cimentación. Este modelo constátase no Castro Pequeno na área escavada nos anos 70 e rehabilitada hai escasos anos. Outro aspecto interesante documentado este ano é o tremendo traballo de aterrazamento levado a cabo polos habitantes do castro ao traballar as cristas rochosas do afloramento de xisto que conforma a Punta de Neixón, habilitando unha superficie plana para asenta-las estruturas.
Outro aspecto que pon de manifesto o Castro Pequeno é o proceso de petrificación da arquitectura doméstica que se dá nos castros do litoral das Rías Baixas, como Torroso (Peña Santos 1992: 93, fig. 21), As Croas (Peña Santos 2000: 155-60), Pena Redonda (González Ruibal 2004, 2005), Penalba (Álvarez Núñez 1986; 1989: 38), Alto do Castro (Parcero 2000: 64-5) ou A Lanzada (Acuña 1976, 1977; Calo e Sierra 1983: 35; Fariña 1983: 34)
Así pois, no Castro Pequeno constátase unha sucesión de espazos habitacionais, pasando dunha arquitectura feita con materiais perecedoiros a outra constituída por cabanas de pranta circular con zócalo de pedra de xisto, paramentos de adobe e palla e cuberta de colmo, que se enmarcan nos séculos VII-VI a. C. (Rey 1992: 167; Álvarez et. al. 2005; Ayán 2005: 67). A escavación deste ano fornece novos datos sobre este proceso de petrificación na zona meridional do asentamento, evidenciando o paso dunha arquitectura de cabanas feitas en material perecedoiro á construción dunha estrutura circular en pedra adscribible aos séculos VI-V a. C. e vencellada a unha zona de actividades metalúrxicas.

No hay comentarios: