Un depósito ritual
En conxunto, toda unha serie de evidencias fannos sinalar este espazo coma unha arquitectura singular claramente ritualizada mediante deposicións tencionadas de obxectos metálicos nos muros, de materiais significativos como anacos de turmalina ao carón dunha estrutura delimitada por un bloque de pegmatita, de dous fragmentos dun mesmo muíño barquiforme a ámbolosdous lados da porta, dun pote depositado no exterior do muro e coa presenza dunha estrutura a xeito de foxa fundacional da cabana.
Esta foxa con cinzas e anacos dun caldeiro de bronce de chapas con remaches de tradición atlántica, preséntase coma un caso máis dun tipo de depósitos comúns en castros antigos anteriores a fins do s. VII a. C. como Torroso, Coto da Pena, A Lanzada, Chao Sanmartín, Campa Torres, La Mazada de fins do s. VIII (Armada Pita 2008: 130-1, tabla 1). Dentro deste marco xeral, esta estrutura do Castro Pequeno constitúe un exemplo ben contextualizado dunha prática ritualizada semellante á documentada no sector necrópole do cacemento abulense de Sanchorreja (González-Tablas 1990; Armada 2008: 138). Aquí caldeiros de bronce de semellantes características foron obxecto dun ritual de cremación que implicou a súa fragmentación intencional, o seu paso polo lume e a súa deposición final en buratos coas cinzas do defunto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario