16/2/10

Unha vella arquitectura


En liñas xerais, podemos plantexa-la hipótese de que a arquitectura doméstica desta Fase I resposta ao patrón cultural preexistente (Bronce Final Atlántico), cun predominio de cabanas circulares erguidas con materiales perecedoiros en moitos casos. A campaña de 2008 no Castro Pequeno de Neixón constata unha vez máis, cos seus dous primeiros niveis de ocupación o notable continuismo entre a tradición da Idade do Bronce e a primeira Idade do Ferro (Bettencourt 2000: 84.5), constatado tamén no eido da cerámica (Cobas e Prieto 1998: 161; Cobas e Parcero, 2006: 79-85) ou na proximidade no emprazamento dos novos poboados con respecto ás antigas aldeas abertas (Parcero 2003: 276). A ruptura fundamental reside no xurdimento da fortificación, que afecta ao poboado, á colectividade, mentres que o eido doméstico das unidades familiares segue reproducindo o patrón arquitectónico e espacial anterior.
A este respecto, semella bastante probable que o Castro Pequeno de Neixón fose no seu inicio unha aldea aberta que se fortifica no Ferro I, como parece evidencia-lo corte estratigráfico no parapeto efectuado nas escavacións dos anos 70 (Acuña Castroviejo 2008). Doutra volta, este asentamento exemplifica moi ben as características dos poboados fortificados galegos desta época: predominio claro de asentamentos fortificados de pequenas dimensións (menos de 1 Ha), cun único recinto que soe aproveita-las condicións naturais do seu emprazamento como dispositivo de formalización e monumentalización arquitectónica. Asemade, existe unha clara planificación arquitectónica á hora de aborda-la construción dos poboados como ten amosado a escavación do castro pontevedrés de As Croas (Peña Santos 2000: 154-5) abandonado durante a súa fase de construción.

Foto: detalle da gabia de cimentación da cabana do nivel antigo de ocupación.

No hay comentarios: