17/2/10

Líticos



A campaña de 2008 forneceu asemade unha mostra ampla de úteis líticos (62 pezas) que permite coñecer mellor o instrumental empregado polos habitantes do Castro Pequeno para diferentes actividades. Neste senso, compróbase unha vez máis, a utilización sistemática das materias primas locais (xisto, seixo, cuarcita) propias do sustrato rochoso da Punta de Neixón, complementada coa amortización de coios procedentes das praias anexas. Só para a fabricación de determinados úteis, como poden ser os muíños barquiformes, empregouse granito, non presente na zona onde se empraza o asentamento. Tambén cómpre destacar a presenza de pequenos úteis tallados en cristal de rocha.
Entre o material lítico destaca a localización de muíños barquiformes no espazo doméstico conformado pola cabana 1, así como a concentración de anacos de turmalina na metade E do interior da cabana de pedra 3. Asemade, un muíño barquiforme fragmentado en dous anacos apareceu cinguindo a porta desta estrutura. Especial interés amosan os fragmentos de grella de forno decorada con incisións, realizada en esteatita, materia prima non local que se ubica nas terras interiores do Deza. Fragmentos semellantes téñense localizado en xacementos galegos do Ferro I coma o Castro Leboreiro na península de O Morrazo.

No hay comentarios: