27/8/09

Apartados de toda civilización


Celestino López rememora a súa viaxe (1907-1913) amosando todos os tópicos propios dun europeo occidental da época: concepción primitivista e salvaxista das comunidades indíxenas, tintes de racismo, crenza no poder civilizatorio do home branco... pero paseniñamente a súa experiencia nas explotacións de caucho vai convertendo o seu libro nunha denuncia pública da opresión e trato inhumano cara ás poboacións amazónicas da man do capitalismo neocolonial máis brutal. O autor describe as razzias na captura de escravos e escravas sexuais, as torturas, as condicións de vida infames, a deshumanización parella á explotación salvaxe dos recursos da zona. Unha denuncia que mantén a súa plena vixencia e actualidade xa que a realidade segue sendo a mesma no curso medio e baixo do Amazonas en pleno século XXI. Doutra volta, Celestino leva a cabo toda unha crónica etnográfica sobre a vida na floresta e detalla a vida cotiá nas explotacións de caucho, reseñando o papel dos galegos na administración, a marea de inmigrantes de todo o mundo, a actitude do estamento eclesiástico... Pura etnoarqueoloxía da Modernidade nuns anos previos á 1ª Guerra Mundial que supuxeron o primeiro grande empurrón do capitalismo global.

Ilustración de Uxío Souto: Un Brujo en sus prácticas ritualísticas, op. cit., p. 82.

1 comentario:

lorcho dijo...

¿A alguien más le recuerda a Sauron?
XDD