4/3/12

Vocación


E ti que vas ser de maior?
Arqueólogo, dixo el. Talvez. Lera un tratado e atraérao, máis que o propósito mesmo de atopar algo, o método. Era un traballo silencioso. Ese preámbulo de cuadricular un espazo e facer a escavación. Era un método que servía para todo tempo. Non só para as ruínas do pasado
.
Manuel Rivas, Os libros arden mal

A miña mai recorda sempre que a miña afección aos castros me viñera xa antes de nacer, cando nunha excursión en 1976 ao castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), esvarou e caiu a rolos por un pequeno tramo parapeto da muralla. Este pequeno susto quedou en nada, se ben, quen me coñece, sabe que nunca me recuperei daquel trompazo dentro do ventre materno, afectando seriamente o meu cabezón. Pode que aquí xurdis a miña afección pola Arqueoloxía que se desenvolveu paseniñamente entre os anos 1985 e 1987. Eu son arqueólogo grazas á biblioteca de meu pai en Pontevedra, ao seu interese en darme a coñecer dende pequeno a historia de Galicia, ás excursións que faciamos por castros da terra de Lemos e á cultura popular transmitida pola miña mai. O meu achegamento á Arqueoloxía científica eriqueceuse con catro experiencias fundacionais: unha charla extraescolar impartida no meu colexio polo arqueólogo do Museo de Pontevedra, Antonio de la Peña Santos, unha visita ás escavacións no castro de Penalba (Campolameiro, Pontevedra), unha viaxe a Cantabria visitando a Cueva del Castillo e Julióbriga e a leitura de dous libros que me agasallaron meus pais: La Arqueología. El pasado a nuestro alcance (Bendala 1981) e Introducción al estudio de la Prehistoria y la Arqueología de Campo (Almagro 1985).

1 comentario:

Anónimo dijo...

Mea culpa, mea culpa! Eu era daquela moi novo non sabía que iba a contribuir á criación dun monstro... Non mo teñades moi en conta, prego XXXXXXXDDDDDDDD

Antonio de la Peña (coberto de cinzas)