4/3/12

Confesionario


Dende que arqueoneixon naceu en 2007 apenas teño falado de min mesmo, o editor deste blogue. Os dous, blogue e máis eu, temos fideis seguidores pero tamén detractores aos que lles gostaría ver pechado este blogue e a min lonxe da Arqueoloxía deste país. Para os que non o sabedes, eu chámome Xurxo Ayán e nos vindeiros posts vou falar da miña experiencia académica e profesional nisto da Arqueoloxía, porque, como dicía Celso Emilio, porque me peta, porque para iso non lle teño que pedir permiso a ninguén, porque semella que cómpre recordar para comprender todo o rebumbio recente que se xenerou arredor deste blogue. Ao que lla sople xa lle aforro o tempo, e a quen queira lelo xa lle digo que está escrito seguindo o criterio de transparencia e publicidade que rixen este blogue dende o seu inicio.
Vou falar de min mesmo, non en nome de ningunha institución e sen ningunha veleidade corporativista ou gremialista. Neste senso, unha característica da Arqueoloxía galega, ao meu modo de ver e sen querer ofender a ninguén, é esa idea do rigor e do método científico que impide calquer intromisión da subxectividade ou da personalidade do arqueólogo/arqueóloga. Esta idea trasládase ao xeito de contar e de escribir. Só existe algún pequeno caso no que o investigador ou investigadora apareza reflexado na súa presentación, artigo ou libro. As Ciencias Sociais non son Física Nuclear. A maneira de sentir e de estar no mundo do científico social plásmase de cheo no xeito de facer e de comunicar, e a Arqueoloxía é un exemplo magnífico disto. Um escava, investiga e divulga tal como é.