6/3/12

Perda de facultades


Non coñezo a ninguén que se metese a estudar Historia ou Arqueoloxía coa angueira de facerse rico. Toda a xente que coñezo fíxoo por vocación. No meu caso, obviei os sabios consellos de meu pai, empeñado en que eu estudase Arquitectura. A miña xenreira ás Matemáticas impediumo, xa de entrada. En 1994 entrei entusiasmado, ultramotivado e emocionado na Facultade de Historia de Santiago de Compostela. O soño durou pouco. A primeira estampa que recordo foi a de dous profesores de Arqueoloxía a labazada limpa no claustro. Aquilo non fora, certamente, nada gratificante. Podíase tomar coma unha anécdota, coma unha novatada, pero non foi así. O que viu despois foi lamentable. Todo o que conto aquí pode ser corroborado polas promocións anteriores á miña (1994-1998) e polas que viñeron despois. Outra cousa é que ninguén recoñeza en público a desidia que todos sufrimos: profesores que adicaban a hora de clase a desbarallar contra o seu inimigo particular (real ou imaxinario) sen dar o programa; profesores sen ningún tipo de habilidade comunicativa; profesores que vivían nun constante absentismo laboral; profesores que daban a mesma clase que en 1978, sen ningunha intención de mínima actualización de contidos, ancorados voluntaria e conscientemete nas filminas de turno; profesores que pasaban de dar clase porque tiñan cousas mellores que facer como era preparar a consecución da súa praza; profesores que deixaban aos alumnos zapateados facendo supostas práticas toda unha hora para voltar inmersos nunha bafarada de viño de Barrantes; profesores que che dicían abertamente que o seu era a investigación e que lles importaba un carallo a docencia...
Aínda a día de hoxe a xente adopta a postura tan galaica da calada; cómpre calar, como se fixo e se segue facendo coas mulleres maltratadas e os familiares das vítimas do franquismo. O ensino arqueolóxico recibido nese centro baseose no 90 % dos casos nunha falla de respecto absoluto cara a o alumnado. Eu tiven a sorte de que a carreira ma pagaban os meus pais co seu esforzo, pero había moita outra xente que traballaba e estudaba ao mesmo tempo facendo un sobreesforzo que se gratificaba deste xeito. Unha desvergonza infame. Mentres tanto, os mozos e mozas teñen que escornarse para dar clases na Universidade en condicións nefastas. Eu mesmo teño experiencia docente e sempre apliquei a máxima de non reproducir o modelo precedente. Estudar Arqueoloxía nesa Facultade foi unha tomadura de pelo que se ampliou dous anos máis co enganabobos dos cursos de Doutoramento, o timo da estampita: cursos que non se daban directamente, mentres outros era unha continuación do formato precedente. Eu só recordo as clases do profesor Ramón Fábregas, ben preparadas, cinguidas a un programa, promocionando a interacción e o debate co alumnado... niso consiste aprender, niso consiste o labor do ensinante, na miña modesta opinión.
En terceiro de carreira, a piques de deixar a Arqueoloxía como opción e meterme en Historia Moderna, tiven a sorte de coñecer a un bo profesor, que despois deixaría a Universidade. Un clásico da USC: os seus mellores docentes e investigadores acaban marchando ou sendo expulsados, en 1936 e en 2011 (velaí están os Parga Pondal, por exemplo). Felipe Criado, como o anterior profesor citado, tomábase en serio o seu traballo, transmitía algo máis e rachaba co modelo xerárquico da Academia. Aberto a suxerencias e curiosidades, abriume a porta para colaborar nos traballos do laboratorio que dirixía. Hai profesores que marcan, e neste caso de Felipe, asentou a miña vocación. Eu fun bo estudante, malia non ir moito a clase, visto o panorama, e acadei unha bolsa de colaboración no último ano. Así din co Laboratorio co que soñaba de neno, para ben e para mal.

2 comentarios:

MaelocGZ dijo...

Tristemente a facultade de Historia segue a ser así (son estudante de quinto). O peor non só é que eles/elas non queiran cambiar as cousas, se non que os propios estudantes aproveitan o sistema e beneficianse deste. Unha vergoña.

Marín dijo...

Aplíquese también esta descripción al departamento de Prehistoria de la Complutense (quitando contadas, contadísimas, excepciones).