7/3/12

A primeira escavación, chispas



Xa teño comentado aquí os ritos de paso dos que gosta o gremio arqueolóxico, como calquer outro grupo humano. Na traxectoria dun arqueólogo ou arqueóloga a primeira escavación é algo así coma o primeiro pitelo ou o primeiro bico. A primeira impresión é a que conta, dende logo. No meu caso, tiven a sorte de que Antonio Álvarez contase comigo para escavar no castro da Torre de Sobredo no Courel, no verán de 1995. Eu coñecía a este home porque era o practicante da Pobra de Brollón. Morreu recentemente dunha fodida enfermidade. A el se lle debe en parte que Campolameiro sexa hoxe unha referencia na arte rupestre europea, por exemplo. Home de carácter difícil e vehemente, aprendín de el o seu compromiso coa xente coa que traballaba. Naquela escavación eu tiña 18 anos, acababa de entrar na Facultade da que vos falei, e topei nesta escavacións con xente veterana, maior ca min. Un destes veteranos era Lois Ladra, etnógrafo-arqueólogo apaixonado que leva gañado unha manchea de merecidos premios de investigación nos últimos anos. Para min foi o mellor introductor na arqueoloxía de Campo que puiden ter. No tocante ao traballo co material, Nuria Calo tamén foi un puntal. Recordo especialmente as sobremesas en casa Tino, no Folgoso do Courel, sobre todo a tertulia que tivera lugar co gallo da morte de Julio Caro Baroja. Cousas da memoria selectiva.
A segunda escavación á que fun foi no castro de Alvarelhos en Santo Tirso, perto do Porto, en 1996. O contexto era diferente. Un proxecto de intercambio cultural entre Santo Tirso e outras dúas vilas, unha alemá e outra borgoñona. O director, Álvaro de Brito Moreira lidiaba de marabilla con políticos, cos voluntarios e coa comunidade local. Alí aprendín moito e deixei o campo abonado para que os meus colegas desembarcasen alí ao ano seguinte: foron a Santo Tirso durante catro anos seguidos, ou sexa que non estivo mal.
Nas fotos podedes ver a casa do castro mineiro da Torre, na que debutei escarallando parte do pavimento. Na outra foto, a casa do tren decimonónica na que nos aloxababamos en Santo Tirso.

Álvaro de Brito defendeu recentemente a súa tese na USC:
"Castellum Madiae" formação e desenvolvimento de um "aglomerado urbano secundário" no ordenamento do povoamento romano entre Leça e Ave". Podédela descargar aquí:

http://dspace.usc.es/handle/10347/2816

No hay comentarios: