28/10/11

O máis estraño


E ti que vas ser de maior?
Arqueólogo, dixo el. Talvez. Lera un tratado e atraérao, máis que o propósito mesmo de atopar algo, o método. Era un traballo silencioso. Ese preámbulo de cuadricular un espazo e facer a escavación. Era un método que servía para todo tempo. Non só para as ruínas do pasado.


Manuel Rivas, Os libros arden mal

Estivemos antonte na presentación dos Contos reunidos de Manuel Rivas (Xerais) na Libraría Couceiro en Compostela. Rivas falounos da súa pretensión de esculpir o tempo. Ten escrito tamén que Galicia é ese lugar inzado de arqueólogos dun futuro abandonado. Nas súas reportaxes e novelas sempre aparece a Arqueoloxía coma unha metáfora do labor do escritor. Moitas veces emprega o símil da escavación arqueolóxica. Ten deixado para a posteridade páxinas fermosísimas sobre a exhumación dos represaliados nas foxas da guerra civil. Por que che inspira tanto a Arqueoloxía? fomos quen de preguntarlle. E alí abrollou de novo o talento literario deste escritor admirable: porque é unha maneira de tentar superar o límite do coñecible, do apreixable, do intelixible. Rivas firmou ducias de exemplares a leitores devotos de toda caste, idade e condición, firma acompañada por un debuxo demorado feito a partir da pingueira da pruma estilográfica. A tinta escoando polo papel recordoume aos tinteiros que aparecen nas trincheiras republicanas, aos tinteiros das escolas de indianos importados de Bos Aires ou de La Habana. Son estes tempos nos que neste país noso cómpre reencher eses tinteiros, algo que sea acada grazas a xente como Manuel Rivas.

Fotografía: El Mundo.