30/6/11

Balil Illana


Na década de 1960 comeza a formarse na Universidade compostelá unha nova xeración de arqueólogos e arqueólogas, á beira de dúas institucións: a Sección de Arqueoloxía e Prehistoria do IEGPS e o Seminario de Arqueoloxía creado na Facultade de Xeografía e Historia en 1968, trala chegada do Prof. Balil Illana. O mestrazgo deste sabio na súa estadía na Universidade compostelá (até 1972) suporía un acicate na promoción dos estudos sobre a romanización de Galicia dende os presupostos da Arqueoloxía Clásica. Dentro deste contexto, os Castros de Neixón pasaron a ser de novo un obxecto de estudo privilexiado para levar á práctica a estratexia de investigación arqueolóxica deseñada dende as citadas institucións. En 1970 reinícianse as campañas de escavación arqueolóxica no Castro Pequeno baixo a dirección de A. Balil e F. Acuña (campañas de 1970, 1971 e 1972). Despois interveríase no Castro Grande, dentro do proxecto de estudo sistemático da romanización e dos contactos comerciais na ría de Arousa, marco no que tamén se levaron a cabo campañas de escavación dirixidas por Balil no xacemento de As Torres de Oeste en Catoira.
De todo isto probablemente fale Fernando Acuña Castroviejo o vindeiro luns no Consello da Cultura Galega no marco da VIIª Reunión de Escultura Romana en Hispania (Homenaxe ao Prof. Dr. Alberto Balil) cunha ponencia inaugural titulada A. Balil e a renovación da arqueoloxía galaica (12:00, 4 de xullo, CCG). Unha boa oportunidade para coñecer o pasado recente de Neixón como espazo arqueolóxico.

Sobre as intervencións dos anos 70 nos castros de Neixón podedes ver a comunicación de F. Acuña nos I Encontros Arqueolóxicos do Barbanza
http://www.centroarqueoloxicodobarbanza.org/es/galerias_videos_lista.asp?id_gal=8&pag=1&id_video=51

No hay comentarios: