4/11/10

Destrución por coñecemento


Hoxe sae en El País (Edición Galicia)unha noticia sobre o castro de Punta dos Muros, a raíz da entrada de Manuel Gago no seu blog.

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/nuevo/puerto/corunes/arraso/castro/singular/elpepiautgal/20101104elpgal_4/Tes?print=1

No artigo de X. M. Pereiro aparecen unhas declaracións de quen isto escribe das que cómpre unha contextualización para non inducir a equívocos: Los especialistas no se sorprenden de que las características del castro hayan permanecido ocultas desde que el cemento lo sepultó, con autorización del Ministerio de Cultura (a quien le correspondía). "Eso es un clásico. Ya pasó con el Castro de Laias que sepultó en O Ribeiro la autovía de las Rías Baixas", dice Ayán.
O debate xurdido leva na Rede a algunhas persoas a unha lexítima oposición de cheo á destrución de xacementos arqueolóxicos co gallo da construción de obras públicas malia que teña lugar unha correción de impacto arqueolóxico (ben feita, claro está). Obviamente, estamos en desacordo. O noso Laboratorio leva dende o ano 1991 traballando no eido da Avaliación e Correción de Impacto arqueolóxico cando ninguén en España se atrevía a adentrarse nese traballo dende a Academia ou a Universidade. Moitos dos que viven hoxe dese tipo de traballos criticábannos hai 10 e 15 anos alegando cousas como que iso non era investigación, que era información que se perdía, que a Arqueoloxía non tiña nada que ver co Mercado, etc... O tempo, á fin, pon a cada quen no seu lugar. Nesta ampla traxectoria nós tivemos unha cousa clara: unha obra necesaria e de interese estratéxico para a comunidade (é certo que non sabemos se o Porto Exterior da Coruña o é) que supoña a destrución dun castro, compensa sempre que se faga unha escavación minuciosa en área e se publiquen e difundan os resultados. Este tipo de intervencións son moi custosas e dificilmente teñen lugar; neste contexto, as grandes obras públicas brindan unha oportunidade excelente para ampliar o noso coñecemento sobre o pasado deste país. Hai miles de castros en Galicia; o 99 % non vai ser sondeado nin escavado na vida. Sobre este tema podedes consultar a ampla serie TAPA e CAPA editadas polo noso Laboratorio.

http://www.iegps.csic.es/lapa/Publicaciones.htm

Polo tanto, non estamos en contra da intervención de arqueólogos en proxectos coma o de Punta dos Muros, pero si queremos remarcar unha eiva fundamental neste tipo de traballos. Todo se deslexitima se non se revirte á sociedade ese investimento e a potencialidade científica desa destrución. E aquí é onde se contextualiza o que comentamos ao xornalista de El País. No NO da Península Ibérica contamos con tres exemplos de castros escavados en área co gallo da construción de infraestruturas:
- O castro das Laias, no Ribeiro, afectado pola autovía Sur na primeira metade dos 90 e escavado en 1997. Un xacemento espectacular do que hai publicado un pequeno artigo nas actas dun congreso celebrado en 1999. A monografía aínda non se deu a coñecer a día de hoxe.
- O castro de Punta dos Muros: escavado en 2005; cinco anos despois aparece un artigo sobre un aspecto parcial do rexistro (paleometalurxia). Nunca se fixo público o que alí apareceu.
-O castro do Vieto na desembocadura do Lima, escavado en extensión en 2004-2005 co gallo da construción da autoestrada A28/I-C1 Viana do Castelo-Caminha. A empresa construtora financiou a memoria e toda a investigación sobre o rexistro, a partir da cal o director presentou a súa tese de doutoramento en Coimbra en 2008, dispoñible xa daquela en formato PDF nun blog do proxecto http://www.castrodovieito.co.cc/

Como vedes, son diferentes modelos de xestión da información. Loxicamente, a situación dos anos 90 non é a mesma ca na actualidade. O que pasa é que hoxe resulta inadmisible que intervencións desenvoltas hai cinco e seis anos remanezan inéditas. Tárdase cinco minutos en facer un PDF dun informe valorativo e penduralo na Rede. Así de doado. Cal é o problema? Que premer ese click conleva cambiar moitas cousas na cabeza dos arqueólogos e arqueólogas deste país.

Fotografía de Xurxo Ayán: obras de construción dunha estrada por unha empresa chinesa en Etiopía occidental (febreiro de 2006).

1 comentario:

Nemigo dijo...

non penso que sexa "necesario" destruir restos arquolóxicos pra construir nada

As estradas teñen curvas (como dicía a miña avoa) pódese poñer unha máis, non sería o primeiro caso

Quen vai ver unha autoestrada? Pois ninguén. Un achádego coidado e ben explicado e documentado pode atraer xente e dar cartos. Pregúntome como pode seguir o coliseo romano en pe. Mira que podería ser útil construir aí un centro comercial e ata beneficioso pra a cidade

Deberamos ter máis respeto polos nosos antergos. As infraestructuras que se están a construir teñen unha duración de posiblemente non máis de 50 anos. estarán desfasadas e deberán substituirse por outras. Razón de máis pra non sacrificar nada por elas