A xente que non sabe
Tras facerse público o extrano caso do castro do Cociñadoiro en Punta Langosteira, só houbo, que saibamos, dous arqueólogos que publicamente falaron do asunto: Xosé Gago no seu blog Delorean de Bois e nós mesmos aquí en Arqueoneixon. É isto normal? Para contestar esta pregunta cómpre saber como se comporta o gremio arqueolóxico (se é que existe neste país):
1. A diferenza doutros gremios, o corporativismo da Arqueoloxía galega non atopou unha canle axeitada. Unha Asociación Profesional de Arqueológos de Galicia non chegou nunca a nada neste senso, non existe Colexio ou algo semellante, e unicamente contamos cunha recente acordo sindical, do que falaremos outro día. Polo tanto, non contamos cunha plataforma que se poda manifestar en representación dun ente que se puidese definir como a Arqueoloxía galega. Esta ausencia explica o mutis por el forro dos profesionais da Arqueoloxía en Galicia, ou hai outros factores?
2. Claro que os hai. Perante a ausencia de estruturas corporativistas, a maioría dos arqueólogos e arqueólogas de Galicia adoptan a calada (tan galaica) como estratexia de adaptación e reproducen unha actitude sectaria, é dicir, escíndense do todo social e se reafirman como científicos profesionais garantes da Verdade. Nesta liña van as declaracións do arqueólogo Juan Antonio Cano Pan (Arqueoloxía do Noroetse) no Xornal de Galicia: A xente que non sabe pensa que apareceu un castro na Coruña que vai cambiar a prehistoria de Galicia
3. Os arqueólogos diferéncianse da xente que non sabe, esa mesma xente que non ten dereito para opinar sobre o patrimonio nin para visitar as escavacións, nin para esixir información. Porque esta é outra característica esencial do gremio de arqueólogos galegos: o control obsesivo da información, o secretismo e a apropiación indebida dos xacementos.
4. Todo o mundo sabe que as escavacións en Galicia están en mans de directores-dictadores que conceden as venias das visitas. Todo o mundo sabe que, en moitos casos, só arqueólogos amigos teñen acceso á escavación de turno. Todo o mundo coñece casos de xente que deixou de traballar nunha escavación porque convidou inoportunamente a determinados colegas a visitar a intervención. Todo o mundo coñece a prohibición expresa por parte de determinados empresarios da arqueoloxía de atender á prensa ou filtrar información ao público.
Poderiamos seguir así até o infinito, pero estes catro puntos abondan para defender a nosa hipótese: o gremio da Arqueoloxía galega caracterízase por unha ausencia de estrutura corporativa, polo rigoroso hermetismo e por un notable complexo de inferioridade que a leva a diferenciarse da xente que non sabe, dos afeccionados e da sociedade en xeral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario