O castro de Punta dos Muros
Se ben levamos un tempo reflexionando sobre a Arqueoloxía e a comunicación, cómpre recoñecer que estes posts veñen dados pola entrada editada por Manuel Gago no seu blog capítulo 0: O drama (histórico) do Porto Exterior da Coruña. Esta obra conlevou a escavación en área dun castro en 2005. Desde aquela, non se publicou nin divulgou ningún dato até a aparición estes días das actas dun congreso en Andalucía nas que se inclúe o artigo de A. Cano Pan (Arqueología del Noroeste, S.L.) e o profesor da UDC Fernan Gómez Filgueiras de Brage: La Paleometalurgia del Poblado de Punta de Muros (Arteixo, A Coruña) en el contexto de la transición Bronce Final – Primera Edad del Hierro. Non imos abordar aquí o trasfondo científico desta publicación (interesante para contextualizar por exemplo o que atopamos no Castro Pequeno de Neixón), senón outras consecuencias que son esmiuzadas con bo criterio por Manuel Gago. Aconséllovos a leitura do seu post. O asunto presenta alomenos, ao noso modo de ver, tres facianas:
1. A faciana política: a autorización e seguimento deste proxecto de corrección de impacto arqueolóxico foi levada a cabo directamente pola Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales de Madrid, sen pasar pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Por que? Neste contexto, a ninguén se lle escapa o contexto político e as presións para levar a cabo a obra do Porto Exterior da Coruña, a toda costa.
2. A faciana de difusión científica: até o día de hoxe nin a comunidade científica nin a sociedade en xeral recibiron unha soa noticia do que se atopou nesa escavación en área, cinco anos despois. Nada novo no modelo de xestión de información que se segue na Arqueoloxía galega. Todos temos a obriga por Lei de entregar unha memoria técnica na DXPC aos seis meses de rematada a intervención. Ninguén, praticamente, cumpre ese prazo. A memoria, cando se entrega, non chega á sociedade, agás se se publica en papel. Os directores da intervención controlan a información, se queren, até que morran, ao mellor polo camiño conceden o privilexio a outros investigadores para publicar o que eles fixeron décadas antes. A oralidade segue sendo o fío transmisor da Arqueoloxía galega, fóra de calqueira canle científica. Como no caso d'A Lanzada ou Neixón, Punta Langosteira convertiuse nun mito que se reactualizaba en cada congreso, en cada reunión de arqueólogos. Poucos viron o que alí apareceu, pero todo o mundo era consciente da súa suposta importancia. Iso si, como cabaleiros, os arqueólogos sempre conceden aos seus colegas o beneplácito da memoria. Levamos trinta anos agardando pola memoria de Neixón e outros 30 pola memoria d'A Lanzada. A perda de memoria tamén caracteriza á Arqueoloxía galega.
3. A faciana da divulgación social. Aquí suscribo punto por punto o defendido por Manuel Gago, profesor de Ciencias da Comunicación da USC e unha persoa que ten feito máis pola divulgación da Arqueoloxía e o Patrimonio deste país que todos os arqueólogos galegos xuntos. Quen somos para controlar esa información, ese rexistro que xeneramos? por que somos tan ridículos de secuestrar eses datos na era do facebook, nun intre no que a cidadanía demanda Patrimonio e reflexiona criticamente sobre el? para que seguir con práticas escurantistas e ocultistas nas escavacións arqueolóxicas, á marxe das comunidades locais?
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/11/03/o-drama-historico-do-porto-exterior-da-coruna/
Figura: Cano Pan e Gómez Filgueiras 2010.
No hay comentarios:
Publicar un comentario