11/5/10

A vella fábrica




Unha canle desviaba a auga á factoría para mover os trebellos mecánicos, do mesmo xeito cás nosas ferrerías do Courel. De feito, o emprazamento da construción évos moi semellante, medio agochada entre mesto arborado. O edificio feito en boa cachotería e con tellado metálico amosaba o porte dunha estrutura moderna, rechamante neste contexto da Oromía Occidental. Como arqueólogos do pasado contemporáneo, comezamos a fixarnos en certos detalles de maquinaria en uso e abandonada. Decatámonos de que houbera un grande investimento tecnolóxico a comezos da década de 1950: unhas turbinas da casa Gilbert Gilkes and Gordon de London (1951), un trebello hidráulico da casa grega Makris de Jartum, da mesma época, unha prensa de aceite estadounidense de Tennessee, un tractor dos anos 60 comesto do fungo e do verdín. Un vaiado pechaba o solar no que un fillo de Dimitris construíu unha segunda residencia, unha choupana típica das vilas de estrada da zona. Un vello falounos do fillo, Ñoño, e indicounos as ruínas da casa que construíra Dimitris onde se criara toda a familia. Ao carón do meandro dun regato, entre bambú e arborado, alí remanecían os alicerces dunha casa grega, mediterránea, con porche e galería, en plena Etiopía.

No hay comentarios: