11/5/10

Grecia en Etiopía



Chamábase Dimitris Valentis. Un grego descendente dunha familia sefardita de Valencia que marchou cara ao Mediterráneo Oriental trala expulsión ordeada polos Reis Católicos. Moitos dos xudeus da Coroa de Aragón remataron en Salónica, e de aquí aos crematorios nazis, moito tempo despois. Os Valentis quedaron a rentes do Mar Xónico, na illa de Kefalonia. Catrocentos anos despois, en 1893, naceu Dimitris. Con dazaseis anos marchou a Abisinia, asentándose no bordo do altiplano etípe, no occidente do país, na rexión de Dembidollo, onde outros compatriotas levaban anos comerciando co café (nome que provén da rexión veciña de Kaffa) que polo río Baro abaixo era enviado a Sudán e Europa. En Dembidollo aínda se conservan as casas destes comerciantes que mantiveron a súa lingua e os seus costumes no Corno de África. Dimitris acadou montar un notable negocio de exportación de café e importación de sal e de la. Casou cunha muller oroma, chamada Agamti, e chegou a considerarse un etíope máis. Incluso preferiu que os fillos non se criasen unicamente con outros gregos e xa de pequenos enviounos a estudar a Addis Ababa.
Cando estivemos en Dembidollo escoitamos falar dunha vella fábrica de xabrón que pertenceu a un grego. Alá fomos co inspector local. Nunha paisaxe verde e ondulada que recorda a certas zonas montesías galegas, cruzamos un regato e deixamos o jeep á beira do camiño que leva ao vello edificio.

No hay comentarios: