Abesha patriots
Dimitris levantou un pequeno imperio que lle foi arrebatado polos italianos fascistas. Seica, e isto é verdade, o grego apoiou economicamente á guerrilla patriota e chegou a ter encontros na fábrica de xabrón cun líder local, Olika Dingil. Apresado polos italianos, que despois invadirían Grecia, remaneceu no cárcere con outros membros da colonia grega até a liberación de Abisinia en 1941. Aínda que fora condanado a morte, se lle conmutara a pena por catro anos de cadea. Trala victoria, o emperador, o negus Haile Selassie, concedéralle unha medalla pero el negouse a ir recollela a Addis Ababa, porque non lle interesaban os políticos e o Poder. Seica defendeu a causa porque el se consideraba a si mesmo abisinio. Coa paz, foi quen de erguer de novo o seu imperio económico do que a factoría de xabrón era unicamente a punta do iceberg. Tiña negocios en Gambella, Illubabor e Wöllega. Até a súa morte en 1974 unicamente voltou a Grecia en dúas ocasións: unha para operarse dun ollo e outra para casar a súa irmá a quen dotou cunha fermosa casa na illa de Kefalonia. Non custa nada maxinar ao maduro Dimitris actuando coma un indiano nunha aldea galega a comezos do século XX. Pero el, como diciamos, considerábase abisinio. Contra o final da súa vida, voltou perder os seus negocios, co gallo da expropiación e nacionalización fomentada polo goberno comunista do Därg instaurado poucos meses antes do seu falecemento. Foi naqueles tempos cando a colonia grega de Etiopía comezou a retornar a casa ou a esparexirse, novamente, polo mundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario