Pamätaj ! (Lembra!)
Perto da farmacia e da catedral topamos cun pequeno espazo aberto, atravesado en 1971 por unha autovía construída polo rexime comunista. Este vial é todo un símbolo do Progreso e da Modernidade, tan querido por este tipo de sistemas políticos. Para acadar este obxectivo, de paso, os dirixentes checoslovacos daquela, fixeron pasar o trazado polo medio e medio do emprazamento da sinagoga xudía, que foi demolida. O antisemitismo non rematou na Europa oriental en 1945. Doutra volta, os reximes dos países satélites da URSS víronse obrigados a facer auténticos encaixes de bolillos á hora de xestionar o pasado recente, co gallo de non dar pábulo a un excesivo sentimento patrio a ollos de Moscova. En Checoslovaquia, o caso da sinagoga de Bratislava e o pseudo esquencemento da matanza de Lídice en Chequia, son dous perfectos exemplos deste tratamento polítioo do pasado. Coa revolución de 1989 xurdiu un novo movemento memorialístico co que se tentou pechar esas feridas do pasado e restituír o protagonismo na historia de acontecementos traumáticos coma a deportación aos campos da morte de 59.000 xudeus eslovacos durante o rexime fascista do crego Jozef Tiso (1939-1945).
No hay comentarios:
Publicar un comentario