Macondo
Este residente ausente, o grego que ergueu dúas veces o seu imperio, está soterrado en Addis Ababa, onde aínda hoxe se conserva a fermosa igrexa ortodoxa grega. Os seus fillos viven todos en Londres, e gozan da nacionalidade grega concedida polo goberno heleno a tódolos descendentes destes pioneiros comerciantes. Só un fillo reside en Dembidollo, o tal Ñono. Así lle chaman os oromo, pero en realidade chámase Dionisos. Tralo seu divorcio deixou Addis Ababa e, coma un actor que recrea o último acto dunha traxedia grega, retornou á paisaxe da súa infancia, ao Macondo familiar, a revivir modestamemnte o soño do seu pai, na vella fábrica de xabrón, agora reconvertida en muíño para fariñar teff, sorgo e millo. Ñoño lembra a fábrica de xabrón na súa época de esplendor. Os ingredientes empregandos era aceite vexetal local de nuk, traído de Aira Gulisso, graxa de vacún de Gambella e sosa caústica importada de Europa en bocois de 300 kg. Ñono conserva aínda 5 selos para as pastillas de xabrón. Nun deles veñen as iniciais do pai: D.P.V. Dimitris Polibios Valentis, o sefardita que nun curruncho de África protagonizou a primeira globalización da man do capitalismo mundial, o mesmo contra o que hoxe berra desesperanzada a xuventude grega nas rúas de Atenas.
Fotografías: ruínas arqueolóxicas da casa grega erguida por Dimitris ao carón da fábrica de xabrón (circa 1930).
O texto destes posts foi publicado en www.galiciaconfidencial.com baixo o título Unha da grega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario