30/3/09

Encerados de lousa


Na Biblioteca Municipal de Cuntis expónse até o 1 de maio a recreación dunha escola franquista da postguerra, en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia. Sobre o carácter fidedigno e auténtico da mostra só apuntaremos dúas anécdotas que nos contou Mario, o bibliotecario. Un vello de oitenta e pico anos, socialista de toda a vida queixouse amargamente de que se recordase esa época, cos retratos de José Antonio e Franco, e non entendía a razón pola cal se amosaba iso á xente nova. Outro home, de cincuenta e tantos anos de idade, entrou na sala da exposición e sentou nun dos bancais da aula: alí estivo un rato largo, esbagoando coma un meniño, lembrando as malleiras e acoso brutal do seu mestre. Dous exemplos do poder da cultura material, da materia sensible e trumática de que está feita a memoria, individual e colectiva. Sobran as palabras, pero fan falla os obxectos.

No hay comentarios: