30/3/10

Memorial


A invasión aliada de Abisinia en 1941 tomou como ruta de acceso secundaria o S do Nilo Azul. Un batallón belga congoleño, os King's African Rifles e a Sudan Defence Force liberaron primeiro Asosa o 11 de marzo de 1941 e despois dunha abraiante marcha a pasos forzados conqueriron Gambella. Velaquí temos, no camposanto antedito, un monumento esquencido a xeito de memorial dos falecidos do batallón belga congoleño:

B.C.S.
A LA MEMOIRE DES 142 GRADES ET SOLDATS
215 PORTEURS MILITAIRES
DES TROUPES COLONIALES BELGUES
CAMPAGNE D'ABYSSINIE 1941

29/3/10

Fazañas bélicas


Improvisamos unha escavación arqueolóxica no camposanto colonial. Retiramos a Unidade Estratigráfica 1 composta por condóns usados Sensation, bolsas amarelas fabricadas en China, baterías e pilas de todas as cores e tamaños, excrementos varios, galiñas momificadas e farrapos diversos. Esta actividade deposicional cobre unha estrutura esquencida: a tumba do sarxento Lambrecht Mort pour la Belgique, 21-7-41. Un mando militar, probablemente flamenco, que morreu pouco tempo despois da batalla de Gambella, quizabes como consecuencia das feridas sofridas. A súa familia nin saberá que xace aquí a rentes do río Baro, nun corazón máis de África. Morrer por Bélxica nas terras do nuer e dos añuak para acabar soterrado baixo unha lixeira. A isto conduce toda a ideoloxía bélica dos Estados-Nación, o patrioterismo militaroide, a volatilidade e estupidez agochada tras conceptos como a honra, a bandeira, o valor e mailo heroísmo. Acostumados aos memoriais do tipo dos soldados mortos no desembarco de Normandía, este triste camposanto dános outra idea do que foi a 2ª Guerra Mundial. Cousas da apaixonante Arqueoloxía do pasado contemporáneo.

26/3/10

Arqueoloxía da morte


Cada sociedade manexa unha determinada estratexia de xestión da memoria e o esquecemento. Os añuak marxinaron unha arquitectura funeraria que non ía con eles, mais tamén amortizaron materiais. Aquí temos ao cabo dunha unidade familiar, Salomon, probablemente cristián ortodoxo etíope, que mandou aproveitar un anaco de lápida de mármore dun faranji para marcar o lugar do seu descanso eterno. Quen dixo que os cemiterios non están vivos? Toda unha lección para repensar arqueoloxicamente as necrópoles doutros tempos.

Ruína romántica


Agromando como zarrotas de entre a capa húmica, algún mausoleo remite aos tempos do colonialismo romántico, da experiencia africana en películas como a mítica Raíña de África. Velaquí temos o sentido recordo dunha viúva. Por un tratado a comezos de século XX, Gambella, de soberanía etíope, podía ser empregada privilexiadamente como porto fluvial polo Imperio Británico, que empregaba o río Baro como vía de exportación cara a Sudán, Exipto e Europa. A muller de James Howlison ergueu esta tumba. Homes europeos que morreron novos pola malaria ou a guerra inzan esta lixeira que pouco lle di á comunidade local, máis pendente da estación de autobuses que se atopa ao carón de que rendir honras a próceres doutras Patrias lonxanas.

Camposanto colonial


Gambella. 2010. Unha lixeira esténdese por detrás das cabanas de unidades familiares añuak, seguindo a tradicional ordeación do espazo doméstico desta cultura. O verquedoiro cobre un camposanto de faranji (guiris). Baixo a merda repousan os restos de comerciantes sirios e gregos, de empregados británicos de alfándegas... e heroes de guerra, esquencidos polo tempo. Soldados e mandos belgas que conquistaron Gambella aos italianos en 1941 en plena IIª Guerra Mundial.

18/2/10

Faccetta Nera


Porque este ano tamén retomamos a liña de traballo en Arqueoloxía do Fascismo, tema do que xa temos falado nas nosas colaboracións no Xornal Certo http://certo.es/index.php?page=arqueoloxia_do_fascismo. Esta zona fronteiriza xogou un papel crucial no trunfo da invasión e ocupación italiana de Abisinia, mais tamén despois como escenario bélico da primeira derrota do Eixo na 2ª Guerra Mundial en 1941.
Na fotografía podedes ver unha ilustración fascista que amosa o solemne izado da bandeira italiana no Aeroporto de Gambela (impreso por E. Mainetti).
Voltamos falarnos a finais de marzo.
Saúde e República

Marchamos a Abisinia


Amigos e amigas de Arqueoneixon, marchamos de novo a Etiopía para participarmos no proxecto dirixido polo noso compañeiro e membro do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón, Alfredo González Ruibal. Voltamos ás zonas baixas de Gambela na fronteira con Sudán cun amplo equipo etío-español que conta con estudantes de posgrado da Universidade de Addis Ababa. No marco da cooperación internacional, formaremos a esta xente (Arqueoloxía de campo, GIS, GPS, rexistro arqueolóxico, etnoarqueoloxía) e esta xente ensinaranos moitas cousas a nós. Levaremos a cabo un par de escavacións en sitios abraiantes, un conxunto de abrigos rochosos no val do río Baro e un monumental poboado fortificado correspondenete á expansión oroma na rexión de Anfillo. Estas intervencións irán acompañadas de novas investigacións etnoarqueolóxicas con minorias étnicas da área, das que xa vos iremos informando, se podemos, antes do regreso o 24 de marzo.
Reproducimos arriba un mapa desta zona fronteiriza e que forma parte da obra clásica dun etnógrafo italiano que non perdeu o tempo durante a ocupación fascista de Abisinia (1936-1941).

Vinigi L. Grotanelli. 1940. Missione Etnografica nel Uollega Occidentale. Volume Primo. Roma: Reale Academia d'Italia.