16/6/12

Arqueólogos temporeiros


Imos continuar por esta línea divertida de cabrear a eses arqueólogos e administradores galegos tan preocupados (agora) pola mercantilización e democratización do patrimonio arqueolóxico. E para iso contamos com Wolfgang Meier e Kurt Frank, arqueólogos-empresarios austríacos. Estes irmaos Grimm déronse de conta, como se dá todo o mundo, ou case, que cada vez máis xente está abraiada polo estudo do pasado na súa contorna. Moita xente afeccionada ten un nivel alto en Arqueoloxía pero nunca puido gozar, si, gozar, dunha escavación arqueolóxica. A súa empresa ARGE Archeology leva dez anos ofrecendo a amadores a oportunidade de participar activamente en escavacións arqueolóxicas por Europa adiante, incluso sen experiencia previa (Oh my God!). Os socios científicos do proxecto son universidades, museos e entidades científicas independentes que garanten a calidade científica do traballo, o que vén sendo un aval científico. Cada grupo de participantes está titorizado por un xove arqueólogo contratado que pola súa vez actúa como contacto co equipo científico da escavación. Como vedes, é o mesmo modelo de voluntariado co que temos traballado (nós e moitos outros que agora critican este modelo) en Neixón ou Castrolandín por poñer dous exemplos. Para os que aínda así critican este modelo de voluntariado, aquí vai unha bomba: esta empresa vienesa cobra 1.280 euros pola participación activa nunha semana. O pack inclúe, aparte de desprazamento, aloxamento e manutención: escavación arqueolóxica titorizada, unha introdución á historia local, clases teóricas e práticas de arqueoloxía de campo, clases de rstauración e tratamento de materiais, seminarios, excursións, etc... Unha parte considerable destes cartos vai directamente para soster o equipo de escavación e garantir a continuidade do proxecto e a súa calidade científica. Por certo, a inmensa maioría de usuarios deste produto, destes clientes, destes cidadáns, repite a experiencia, por, repetimos, 1.280 euros á semana.

Aínda que me empeño, eu non vexo por ningures que estas inciativas leven á pauperización da arqueoloxía e a perda de dignidade da profesión, máis ben ao contrario, son unha ferramenta para a sustentabilidade da Arqueoloxía nestes tempos de crise, pero tamén nos tempos das vacas gordas. Pero claro, o doado é falar de explotación dos voluntarios, de chamar vendidos ao capital a arqueólogos e empresarios que viven da xestión do Patrimonio e ofrecen produtos e servizos coma este. Neste caso estamos falando de clientes e usuarios (outros van á lúa, pagando, claro). Pero no tipo de Arqueoloxía que nos movemos os que estamos deste lado da calicata, estamos falando de voluntarios que con boa vontade, sen pagar pero tamén sen cobrar, queren participar da recuperación do noso pasado na súa terra. E esta xente é a primeira que respecta, admira, publicita e divulga o labor dos arqueólogos profesionais.

Se queremos ollar para outro lado e botarlle as culpas das nosas miserias aos demais, alá nós.. pero a sociedade non merece uns científicos tan cegos, tan soberbios e tan deshonestos.

http://www.arge-archaeologie.at/

1 comentario:

AGR dijo...

Hai unha empresa americana que se chama Earthwatch que leva facendo iso desde hai 40 anos. Dubido que en España fose a ter moito éxito este tipo de iniciativas. Estamos falando de xente con cartos e un mínimo de sensibilidade e cultura. Non se me ocurre ningún por aquí.