16/6/12

Voluntas


Paradoxicamente os arqueólogos temos pouca memoria. Por iso cómpre lembrar algunhas cousas que todos temos vivido dende que decidimos adicarnos a isto:
1. Os estudantes comezamos a nosa fomación en Arqueoloxía de campo como voluntarios, si, como voluntarios, participando en escavacións pola comida e a dormida no mellor dos casos. Que alguén me explique a diferencia entre un estudante sen formación e outro voluntario calquera. Eu mesmo teño escavado anos cunha nena rinaxeira de New York, cun empregado na recolleita do lixo, cun albanel facedor de nichos, cun técnico radiólogo dun hospital... e todos eles son excelentes profesionais no seu e magníficos arqueólogos de campo. Pero claro, segundo algúns bos e xenerosos arqueólogos galegos isto é un atentado contra a profesión. Efectivamente, esta xente que veño de mencionar non son auxiliares... son os hoplitas e lexionarios voluntarios da Arqueoloxía
2. Como voluntarios aprendimos a facer traballo de campo, porque saímos da Facultade de turno cun título pero sen ningún tipo de habilitación profesional. Grazas ao noso voluntarismo e á boa vontade dos arqueólogos responsables dos proxectos de acollida, aprendimos a facer Arqueoloxía. Non podo dicir o mesmo da formación recibida na Universidade, unha custosa tomadura de pelo
3. Esta rede de solidariedade entre arqueólogos, novos e vellos, era un dos principais valores da nosa Arqueoloxía. Semella que os novos tempos veñen de reventar esta valiosa experiencia compartida. Contra a vontade, xurde de novo a Autoritas, non só na Arqueoloxía académica senón tamén (e isto é o incrible) entre as novas xeracións, formadas en proxectos de Arqueoloxía Social ou no eido da Corrección de Impacto Arqueolóxico por empresarios-arqueólogos ou por xente coma nós.
4. Esta perda de memoria momentánea acompáñase dunha denuncia expresa dos modelos de voluntariado en Arqueoloxía. En Europa a ninguén se lle ocorre actúar deste xeito, é máis, téntase ir máis alá da Arqueoloxía Pública, como veremos en seguintes posts. Mentres, a Arqueoloxía galega (se iso existe) segue empeñada en converter o país nun anómalo Sitio Distinto. Arqueólogos ex-voluntarios denuncian agora a presenza de voluntarios en Arqueoloxía. Corren malos tempos para a lírica... e para a Arqueoloxía.