29/5/12

O depósito de Neupotz


Vou seguer o texto do especialista Richard Petrovsky para tentar transmitirvos a importancia histórica destes tesouros do Rhin.
O achado de Neupotz, Kreis Gemersheim, en Renania-Palatinado, é o meirande e máis amplo depósito de época romana xamais descuberto. O achado saiu á luz en 1980 de xeito accidental durante unhas obras de dragado nun antigo brazo do Rhin (non vos recorda ao noso Ulla?). Componse de bastante máis de mil obxectos de ferro, bronce, latón e prata. Nin sequera os achados de Pompeia e Herculano fornecen algo comparable. O depósito de Neupotz constitúe, xunto con outros depósitos da mesma zona (Hagenbach. Liegenfeld ou Otterstadt), unha excepción: son os botíns reunidos polos saqueadores xermánicos nas súas incursións de pillaxe polas provincias romanas. Durante a retirada, afundiu nas augas do Rhin e preservouse durante séculos na húmida area do leito fluvial. Este depósito ten un potencial informativo extraordinario, xa que está composto de vaixela de mesa e de cociña, de ferramentas, de utensilios para a agricultura e de partes de carros, todos, de época romana, e abre unha fiestra á vida cotiá das provincias do NW galo-xermánico ao longo da primeira metade do sécul III d. C. Con todo, non se conservaron os materiais inorgánicos do botín, comida, gando e textís. Este depósito confirma de xeito abraiante como aínda restan momentos estelares para a arqueoloxía.