29/5/12

Na procura do botín



Testemuños de antigos autores, evidencias epigráficas e nomeadamente o crecente número de restos arqueolóxicos, fan que xurda paseniñamente de entre a néboa da historia unha época movida e sinistra para os habitantes das provincias romanas como foi a do segundo terzo do século III d. C. A relativa calma das provincias do norte chegou á súa fin a partir do ano 233 d. C. coa incursión de continxentes xermanos en Raetia. Os xermanos dectáronse moi tarde neste intre, de que o limes, podía ser acadado e ultrapasado de xeito doado, especialmente nos intres en que a vixiancia esmorecera por mor da retirada de tropas cara o limes oriental. O punto culminante deste proceso deuse a fins de 259 d. C. Os xutungos xermánicos atacaron Raetia e o norde de Italia; os alamáns penetraron na Xermania Superior e as provincias do Sur da Galia, mentres que os francos avanzaron pola Xermania inferior e o norde da Galia. As pegadas da devastación e os saqueos foron marcando o camiño destas tribos. Incursións por todo o territorio conduciron ao saqueo de asentamentos, fincas e santuarios. O reparto do botín realizábase no camiño de volta (polas propias vías romanas) ás súas áreas de orixe, antes de levar a cabo o perigoso cruce do Rhin. Por este motivo abundan as pezas esnaquizadas tencionalmente para seren repartidas. Non importaba a función e utilidade do obxecto romano de turno, senón que o valor viña dado polo propio material (ferro, prata, bronce).
Neste camiño de volta a casa resultaban perigosas as emboscadas levadas a cabo pola rápida frota romana do Rhin. Probablemente moitos alcanzaron a súa patria sen sufriren dano algún, pero outros non tiveron tanta sorte e caíron en mans da frota romana, ou alomenos perderon o seu botín durante a loita. Este foi o caso do depósito de Neupotz, que remaneceu no fondo do Rhin até 1980.

Fotografía: decantador de viño romano con decoración nielada, formando parte do depósito de Neupotz. Tipoloxicamente, en castelán, é un cuenco con pitorro y cubierta parcial. Viña sendo un recipiente multifuncional na mesa e servía tanto para verquer o viño como para coar as herbas e especias aromáticas.

No hay comentarios: