19/4/12

O Elinfante






Como sabedes, nos últimos anos temos traballado na fronteira entre Sudán e Etiopía occidental pescudando no modo de estar no mundo de comunidades étnicas marxinadas, perseguidas e escravizadas, como os gumuz ou os mao. Nestes pobos a Tradición confírelle moita importancia ao consumo ritualizado da cervexa en banquetes colectivos e á caza maior como rito de paso e prática cohesionadora dos varóns do grupo. O espallamento do Islam e dos misioneiros protestantes está rematando coa primera manifestación cultural mentres que o Estado abisinio, na súa angueira civilizatoria de antergos costumes, prohibe a caza a grande escala levada a cabo por estes grupos minoritarios.
En 2010 tivemos ocasión de observar as manobras dos inspectores do goberno para obviar a realidade étnica do grupo mao, minoría que habita os lindeiros occidentais de Oromía (vinte millóns de oromo cirtiáns ortodoxos e/ou musulmáns). O Goberno rexional nega esta realidade, considera os mao coma un clan oromo máis e ve nestas práticas cinexéticas unha inútil cousa do pasado. O bo da Etnoarqueoloxía é que nos permite contrastar a memoria material e a memoria histórica. Nas choupanas dos xefes mao penduran do esteo central os trofeos de caza, entre os que sobrancea a especie maís respectada e temida: o bisonte. Sen embargo, na memoria colectiva prevalece a lembranza do rei indiscutible: o elefante, extinguido nestas terras hai unha recua de tempo. Entre os gumuz de Metekel tamén se conserva o recordo das cacerías de elefante, um animal praticamente sagrado, agora convertido en toda unha metáfora literaria que forma parte da xenealoxía histórica dos gumuz e dos seus mitos fundacionais.
Aquelas cacerías desenvoltas por estes grupos premodernos pouco ou nada tiñan que ver con outro tipo de caza, a desenvolta pola elite que controlaba o poder imperial no Estado etíope. A fins do século XIX, os nobres amhara de Addis Ababa desprazábanse ás terras baixas para cazaren elefantes e gumuz. Como no caso da burguesía chilena da mesma época hai fotos de cazadores pousando o pé na cabeza dun ser humano: mapuches e gumuz como trofeo de caza. Esta é caza moderna, deshumanizada, como símbolo de ostentación social do Poder. Malia todo, a proverbial resistencia dos gumuz fixo que estes sigan existindo, mentres que os elefantes fuxiron definitivamente cara ao S. Doutra volta, o desprazamento de centos de miles de refuxiados sudaneses nas últimas décadas deu lugar a unha sobreexplotación do medio que pouco axudou á preservación desa especie en extinción, recluída neses parques naturais coñecidos por todos, dende Kenia até Sudáfrica.
A cobiza do marfín sempre estivo no maxín de todos os poderes coloniais dende o século XV, no Golfo de Guiné, for portugueses, españois, franceses, británicos ou holandeses. A illa de Mandji (Corisco) na que estivemos traballando o ano pasado, foi o encrave privilexiado para o embarque de escravos, colmillos, pelos e colas de elefante. Mesmo as comunidades locais do continente mercaban escravos aos europeos en troques de marfín. Como sinala o historiador catalán Gustau Nerín, cando os holandeses tomaron momentaneamente a posesión portuguesa de São Tomé en 1599, atoparon nos almacéns a módica cifra de 1.400 colmillos de elefante. O que resulta evidente é que o colonialismo europeo tratou por igual a persoas e elefantes. O incremento do prezo do marfín a partir de 1820 levou a pagar un duro español por 20 libras de colmillo de elefante. Mentres contra 1855 a trata de escravos xa desaparecera “oficialmente” no folgo de Guiné, a caza sistemática de elefantes seguiu sustentando a exportación de marfín, produto seguido moi de lonxe por madeiras exóticas, a cera e o caucho. Esta economía predadora levou á prática desaparación de determinadas árbores e dos elefantes na costa na década de 1890, razón de máis que levou aos franceses, alemáns e españois a encetar a conquista das terras do interior do Continente. Comezaba o século XX das prantacións, as grandes compañías e as explotacións forestais, o arrasamento dunha terra que foi lostregada por xente como Carrero Blanco no franquismo e polos Obiang hoxendía.
Da Guiné colonial contamos cun amplo abano fotográfico das cacerías levadas a cabo polos ricos explotadores españois, que emulaban a eses príncipes etíopes dos que vos falei ao principio. Estes retratos coloniais da década de 1940 para nada se diferencian da estampa do xefe de Estado do Reino de España en Bostwana en 2006. Algo lóxico se temos en conta que estamos a falar dun Borbón, que non fai outra cousa que seguer a tradición da escopeta nacional aprendida do seu pai e de Francisco Franco (de gatillo fácil), e transmitida ao seu neto (con notable éxito como se pode apreciar). Así e todo eu teño a sospeita de que Juanca estaba na sabana africana botando unhas salvas na honra da IIª República española,
Por unha banda, quizabes Juan Carlos de Borbón deba explicarlle ao elinfante Froilán que en certas zonas de África non hai nada máis sagrado ca un camposanto de elefantes e nada máis infame ca disparar a un animal indefenso. E se El-Rei quere botar uns tiros, coma o seu xenro, que lle poñan na Zarzuela unha diana con gallifantes rechamantes, moito máis limpos, baratos, ecolóxicos e divertidos. Ademais, os gallifantes, como os monarcas, non están en vías de extinción, ou si?

Publicado en Galicia Confidencial.

Fotografías: colonos españois liquidando elefantes en Guinea Ecuatorial

No hay comentarios: