18/4/12

O demo anda ceibo


Imos andar unha tempada polas terras do Golfo Ártabro en traballos de prospección arqueolóxica do litoral, zona que coñecemos ben, xa que en 1999 fixemos o control arqueolóxico da construción da rede de gasificación. Polo momento, estamos a desfrutar dos primeiros inventarios e catalogacións feitas a comezos dos anos 80, nesa época esperanzada na que se poñía a andar a autonomía e estaba todo por facer. Daquela época é a Catalogación Artístico-Arqueológica del ayuntamiento de Cabanas (1986), estudo pioneiro feito por C. Toscano, S. Ferrer, J. Luaces e R. Penedo. Froito do enfoque etnoarqueolóxico asumido, inclúense lendas e relatos como o que segue (páxs. 110-111):
Hai uns sesenta anos contábase que o demo andaba ceibo polas fragas do Eume. Polas noites sentíase ruído como se rabanasen árbores e, sen embargo, pola mañá todo estaba igual. Contan que se vía a figura dun cabalo mouro moi grande e que cando os paisanos berraban "ay Jesusiño!" o cabalo trotaba cara a o río e se guindaba á auga deparecendo.
Ultimamente o demo voltou ás fragas do Eume, calcinando carballos centenarios.