7/9/11

A recta de Lillo



O complexo residencial no que nos aloxamos perto do Porto de San Isidro, ao sopé do cumio de El Toneo, é un auténtico non lugar, como diría Marc Augé. Semella un espazo abandonado, porque o é fóra da tempada de inverno, do turismo da neve. Estas escenografías apocalípticas son o produto material da chegada da Modernidade, dunha estación de esquí que se considerou no seu día un bo investimento e unha posibilidade para remarcar a distinción de clase por parte dos adiñeirados de León. O resultado é unha sorte de poboado trala febre do ouro que cae no esquencemento cando as raiolas de sol derreten as derradeiras folerpas de neve. Este non lugar destrúe a paisaxe e fálanos de intereses espúreos, especulación e pelotazo. Nós, pola contra, tenos que pedir unha recua de permisos para intervir neste paque natural. Mesmo temos limitado o número de sondaxes nun sitio no que non hai vexetación protexida. Semella que as restriccións de medio ambiente non surtiron efecto para chantar a 1 km do cumio do porto este sucedáneo de residencia soviética para vacacións en Ucraína. O colmo deste non lugar é que vaias por onde vaias, sempre topas cun sinal de prohibido o paso.
Un kilómetro ao norde, ultrapasada por centímetros a soleira do límite entre León e Asturias, o mundo troca de xeito radical. Do fondo da cantina escoa conversacións en bable e arrecendos que bulen pola cheminea de leña. Uns paisanos que están dando boa conta dunhas chiquitas no terrado, identifícannos e moi discretamente comezan a falar da ocupación en 1937, as foxas, as mortes, os achados de obxectos e outras chorradas da guerra. Aquí todo o mundo ten baixas na familia, entre mortos nos combates e represaliados na guerra e maila postguerra. Aquí todo o mundo fala na paisaxe, sinalando na mole rochosa de El Toneo, regatos, covachas, montes, gabias e trincheiras, guindando microtopónimos na conversa como se recitasen un canto épico á memoria dos devanceiros. De sotaque, a imaxe que temos diante nosa, as pistas de esquí orfas agardando o inverno (un parque de atraccións postmoderno) comezan a esvaerse para xurdir a paisaxe real que se agocha, que non é outra cá paisaxe agraria e gandeira tradicional e a paisaxe traumática da guerra. Os bombardeos da Lexión Cóndor ás posicións republicanas nos cumios que dominan este acceso natural a Asturias. Os camións inzados de cadavres que eran basculados para o lago de Isoba, segundo contan nestas terras. A cresta rochosa dende onde os represores esfragaban xente ao fondo dun barranco, chegando aos poucos días os cans ás aldeas com carne humana entre os dentes. As reviravoltas da guerra, entre Lillo e San Isidro, coa Peña del Águila como referente microhistórico. A Peña del Águila é a posición franquista que se atopa xusto diante do Pico de Castiltejón. A fronte dispúñase pola fermosa veiga que se extende antes da afamada recta de Lillo, onde soldados franquistas tiraron as fotografías que vedes arriba, en setembro-outubro de 1936. O que non sabían eses mozos, moitos deles galegos, é que detrás da recta lles podía estar agardando a morte. Esta recta de Lillo, crebada pola fronte durante un ano, é todo un lugar de memoria, parafraseando a Pierre Nora.

No hay comentarios: